Na antiga proba de ingreso ó bacharelato, que se facía ós dez anos, había
unha pregunta que nunca faltaba: a referida ó Sistema Métrico. Tratábase,
normalmente, dunha equivalencia entre unidades de superficie ou de volume, e
ningún cativo que ignorase esas relacións entraba no instituto. Había unha
razón para isto: o coñecemento das medidas sempre fora símbolo e ata sinónimo
de civilización. Así, cando Montaigne, no XVI, describía o estado de barbarie das
xentes do Novo Mundo, apuntaba: «non coñecen as letras, nin os pesos nin as
medidas». Logo, a importancia da medida foi medrando co coñecemento científico.
E nesas seguimos.
Haberá dous meses, unha TV saía ás rúas de Compostela para preguntar
cuestións semellantes ás do antigo ingreso, pero non a rapaces de dez anos, senón
a xente adulta, estudantes universitarios principalmente. O resultado foi
patético: a maioría dos enquisados ignoraba as unidades do Sistema Métrico e as
súas equivalencias. Resultou que a “xeración máis preparada da historia de
España” descoñecía, xa non o Sistema Internacional de Unidades, senón o Sistema
Métrico Decimal.
Non me sorprendeu nada o resultado: comprobo o mesmo cada ano nas miñas
aulas. E o problema, lonxe de amosar visos de solución, agrávase; pero non por
causa dos alumnos, intelixentísimos, senón porque cada vez queremos que saiban
máis cousas en menos tempo, e non é iso! Agora, por exemplo, xa non é
infrecuente que estudantes do último curso de bacharelato –de ciencias!-
confundan a lonxitude da circunferencia coa área do círculo... Progresamos
adecuadamente.
Isto lévanos ó de sempre: á monumental ignorancia científica que existe en
España. Si, xa sei que hai excepcións moi relevantes, pero refírome á sociedade en xeral. Por moito que se diga,
aquí perdura o unamuniano “que inventen ellos”. E teño a sensación de que
moitos proxectos cualificados de
científicos, nos que se investiron e invisten grandes cantidades de
recursos e de intelixencia, sono máis polo método –e pola subvención- ca pola
substancia; mentres, pouco se avanzou, en termos comparativos, no estritamente
científico. Talvez aí estea a razón principal das nosas dificultades para
atopar unha alternativa ó país do
ladrillo.
Pensaba niso o outro día, cando unha periodista repetía ata tres veces que
a inhalación de “CO2” fora a causa da morte de dous anciáns de
Catoira. Ou cando, con ocasión do tema do prezo da luz, me cansara de ler nos
periódicos como subira o “kW/h”, unidade inexistente que confunden co “kWh”,
quilowatt-hora, enerxía que consume un aparato de un quilowat de potencia traballando
durante unha hora; unha confusión que, asómbrense, ata aparece no Informe
Lagares sobre a Reforma Fiscal. Pero eses erros tan frecuentes poderían estar
relacionados coa implantación en España dun novo sistema de unidades, o xa
denominado Sistema Campo de Fútbol, moi utilizado nos telediarios: “Construyen
un parque solar del tamaño de 300 campos de fútbol”; “Los rellenos roban a la
ría una superfice de 40 campos de fútbol”, etc.
Atención porque comeza unha nova etapa civilizadora co selo inconfundible da Marca España. Cando o home era considerado medida de tódalas cousas as unidades tiñan unha base antropolóxica –pé, palmo, polgada…-; logo, descuberta a insignificancia universal do humano, coa Revolución Francesa veu o Sistema Métrico, co metro e a súa base astronómica. Agora, o xenio hispano propón unha nova base: a futbolística, en consonancia coa verdadeira cultura do país e co seu sistema de valores… Para que logo digan que ter a mellor liga do mundo non vale para nada!
Artigo publicado no diario "La Región" o mércores 19 de marzo do 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario