sábado, 26 de abril de 2014

Sinais

Sería difícil saber como e onde se presentaron por primeira vez, pero parece seguro que non houbo cometas brillantes no ceo nin círculos misteriosos nos campos de millo que as anunciasen. O que se sabe é que hai sinais: sinais claras de recuperación da economía española. Xa non se trata que o diga o FMI, os expertos do BBVA ou Montoro. Non; xa se di na rúa, no súper, nas terrazas…
Dío, por exemplo,  unha amiga de Vigo que nos conta como a súa filla, digamos que María, enxeñeira de telecomunicacións, acaba de conseguir o seu primeiro traballo, na propia cidade; o  contrato é de becaria e gañará 700 euros, que lle darán para seguir vivindo na casa dos pais. O mesmo di un matrimonio de compañeiros de traballo, estes de Ourense, felices porque o seu fillo, digamos que Xenaro, enxeñeiro industrial, atopou traballo en Madrid; gañará uns 800 euros, e como os pais lle pagarán o aloxamento poderá ir tirando. Tamén o di o pai dun amigo do meu fillo, digamos que Manolo,  que despois de que pechara o restaurante no que traballaba de cociñeiro, acabou atopando noutro en Alicante, onde xa estivera había algúns anos; gaña 700 euros por media xornada que sempre se estira, pero asina 1500, porque o patrón dálle cama e comida; está moi contento porque co que gaña pode sobrevivir e ata mandarlle á muller é ós fillos un par de whatsapps cada semana. Tamén está feliz digamos que Sofía, licenciada en belas artes, que atopou traballo en Barcelona, noutro restaurante e tamén a tempo parcial, por 700 euros ó mes; paga 350 pola habitación, come de balde no choio e non pasa fame. E así poderiamos seguir con casos e casos de indubidables e esperanzadoras sinais de recuperación que suceden ó longo e ancho do pais, sinais que só algún resentido, cómplice dos que afundiron España, pode negar. Bastou ver a de xente que ateigaba os hoteis e os restaurantes, e a de mercedes, audis e bmws que se viron polas estradas nesta Semana Santa.
Xa se sabía que o de Rajoy era un goberno preparado, de xente estudada; non coma os de antes, co ministro Pepiño, que nin rematara a carreira. E hai que confesar que están dando coa solución do problema máis grave de España: o do paro. Porque só hai dúas formas de baixalo: reducindo a poboación activa e/ou creando postos de traballo. No primeiro, no de diminuír o número dos que buscan traballo, aplicáronse moi ben: mentres na última lexislatura de Zapatero a poboación activa medraba en máis de seiscentas mil persoas, bastaron os dous primeiros anos de Rajoy para que baixara en máis de catrocentas mil: foi man de santo; para iso estaba Feijóo agasallando ós mellores expedientes galegos do 2012 cunha maleta, e á ministra de traballo recomendando a  “mobilidade exterior” dos mozos con gran eficacia: só de Galicia fóronse máis de cen mil nos últimos cinco anos. Pero onde de verdade quere trunfar o goberno é na creación de postos de traballo, aínda que en dous anos xa leven destruído máis dun millón. Pero era inevitable, segundo din; por iso seguirán insistindo e afondando nas súas reformas laborais, inspiradas nunha verdade histórica indiscutible: “No Imperio Romano non había parados: había escravos!”. En Roma ata un 30% da poboación chegou a ser escrava; pero a economía marchaba ben e os cidadáns libres estaban tan contentos: fartándose de beber e de comer e acudindo en masa ós espectáculos, coma se nada pasase. Certo que os escravos adoitan ser algo rebeldes, e sempre pode aparecer un Espartaco. Pero nunca faltará un Pompeio disposto a coroarse de loureiros por reducir ós revoltosos. En última instancia, outra gran verdade política di que non se pode ter contento a todo o mundo. Pois entón?

Artigo publicado no diario "La Región" o venres 25 de abril do 2014.

No hay comentarios: