Hai pouco coñecíanse os datos oficiais sobre o uso do galego. Entre 2001 e 2011 a porcentaxe dos que o falan habitualmente baixou do 57 ó 44%. O dato ten gran relevancia: por primeira vez na historia, desde que a lingua e lingua, os galegofalantes representan menos da metade da poboación. De pouco valeron os trinta anos de políticas de apoio á lingua e as inxentes cantidades de diñeiro gastado: nese tempo a porcentaxe de galegofalantes caeu máis (30%) ca nos cinco séculos previos de decadencia (menos do 20%). E habería que preguntarse por que. Porque en Cataluña e en Euskadi, que partían de situacións de desvantaxe respecto a Galicia neste senso, deuse xusto o proceso inverso e medrou o uso das súas linguas.
E a clave está en algo ben coñecido. Se en Euskadi e Cataluña foi a burguesía a que mantivo a lingua, en Galicia foi, en palabras de Díaz Pardo, «o pobo marxinado o que conservou o idioma por tradición oral, mentres os señoritos da vila e corte e corte ríanse deles e perseguían o seu uso». Pero cando tocou a corneta da identidade e da autonomía, e chegaron os cartos, moitos daqueles señoritos de vila e corte, mesturándose con xente ben intencionada que amaba a súa lingua e o seu país, bicaron por oportunismo a bandeira da galeguidade e configuraron unha nova clase de “neomudéxares”, a caste que tanto detestaba don Isaac. E o pobo marxinado, que era pobre e non era ilustrado, pero que non era parvo, descubriu de contado que todo iso da cultura galega e do galego era un simulacro, un decorado, unha liturxia que tan só valía para que catro espabilados vivisen ben e presumisen cal sacerdotes dunha nova relixión. Logo isto, alimentado polo poder en vista do seu poder propagandístico e da súa inocuidade, foi medrando, e os espabilados xa foron moitos máis de catro. Mentres, ó pobo, o gran facedor e conservador do idioma, nunca se lle recoñeceu protagonismo algún; ó contrario, recrimináronselle con frecuencia as deturpacións castelanizantes que fora introducindo. E iso tamén foi incrementando o desapego coa lingua. Así, o núcleo fundamental dos galegofalantes, que sempre fora o mesmo, pasou a ser unha especie en extinción, porque en extinción tamén estaba o seu xeito de vida, o xeito de vida da Galicia rural. Non deixa de resultar significativo que os corenta puntos que se perderon de galegofalantes desde a transición, coincidan con bastante exactitude cos da perda de peso da poboación do sector primario de Galicia nos mesmos anos. Porque, cantos dos recursos gastados na defensa da lingua se dedicaron a ese segmento da poboación, que era o primeiro que había que protexer? Case ningún. Preferiuse subvencionar a reconversión de castelanfalantes e aí están os resultados: grandes sectores do pobo coñecen a lingua coma nunca se coñeceu, pero non a falan, porque non a senten. O galego oficial é agora unha industria e unha relixión obrigatoria con moitos oficiantes, pero está traxicamente distanciada do común do pobo. Por iso ten razón Alonso Montero cando avisa do perigo da transformación do galego nunha lingua litúrxica; aínda que tamén a Academia, máis atenta ás celebracións cá sociedade, leve posto o seu neste proceso.
“Os concellos promoverán o uso do galego nos cemiterios”, titulaba a semana pasada este periódico. Tratábase da noticia dun acto, con conselleiro e todo, no que varios alcaldes ourensáns de tódalas cores políticas acordaban impulsar o uso do galego nas lápidas funerarias dos seus camposantos…O país en extinción e eles preocupados pola lingua dos epitafios! Que gran sarcasmo: nos cemiterios pronto terán que promover de todo, porque será no único sitio onde lles quede xente… Meu Deus: queda alguén con sentido neste ---- país?
Artigo publicado no diario La Región o sábado 1 de novembro do 2014
1 comentario:
moito bem Frutos,gustoume.
Publicar un comentario