Cal é a empresa con máis empregados de Ourense? Moi fácil: a da función pública. Non é só que un de cada cinco traballadores traballe para algunha administración, proporción semellante á doutras provincias, trátase de que a ese número habería que sumarlle os funcionarios ourensáns que traballan fóra da provincia e os que, sendo naturais de Ourense, andan espallados polo resto de Galicia e de España. Considerando a todos, debemos ser das provincias de máis funcionarios, e, en consecuencia, tamén das máis atentas ás ofertas de emprego público.
Agora vén de coñecerse o número de prazas de mestres e de profesores de secundaria que saca a oposición a Xunta de Galicia este ano. Son un total de 1.100 prazas: 500 de mestres, 478 de profesores de secundaria e 122 de profesores de FP. Os sindicatos quéixanse de que son poucas, argumentando que nos últimos cinco anos xubiláronse en Galicia 4000 profesores, e que só un cuarto das vacantes saíron a oposición; pero o certo é que hai que remontarse ó goberno bipartito de Touriño para atopar unha oferta tan xenerosa de prazas de profesores. Porque, ata o de agora, o goberno de Feijóo viña sendo especialmente mingalleiro nas ofertas de emprego público, en particular nas de profesores; baste dicir que neste ámbito a oferta deste ano sobrepasa a do conxunto dos últimos cinco.
De tódolos xeitos, a escaseza de prazas ofertadas nos últimos anos non afectou por igual a tódalas disciplinas. Un caso especialmente sangrante, pero non único, é o de Física e Química. Os graduados galegos en Física e en Química que se houberan marcado como obxectivo superar esta oposición aquí en Galicia, levan esperando desde o ano 2008 a que se convoque algunha praza. Imaxinen o desánimo, a decepción e ata a desesperación coa que os aspirantes irían vendo como saían as sucesivas convocatorias. Eu sei ben o que iso significa, pois pasou algo semellante durante un par de anos de oferta cero para toda España, na modalidade de oposición libre, a principios dos oitenta, coincidindo coa crise que acabaría levando por diante á UCD, que era cando eu preparaba oposicións.
Preparar unha oposición é moi duro. Precísase dunha grande disciplina de estudo e de moito tempo de traballo a dedicación completa; pero non é suficiente con iso, necesítase ademais da sorte, porque sempre haberá máis opositores preparados ca prazas. Aínda así, o que traballa, se a oferta de prazas é razoable, un ano ou outro remata conseguindo o seu propósito. Agora ben, o opositor precisa dunha seguridade mínima na oferta de prazas: non pode ser que ano tras ano se atope con cero prazas ou cun número tan escaso que as súas probabilidades de aprobar sexan as mesmas do xogo da lotería. Iso acaba atentando contra a saúde do opositor e ata da súa familia. Ademais, resulta cruel –cando non unha estafa- obrigar ós graduados a realizar un custoso máster despois da graduación para logo non convocar ningunha praza.
Para evitar semellantes agravios e inseguridades, eu proporía buscar unha regra case matemática para o cálculo das prazas a ofertar; regra na que se tiveran en conta as vacantes por xubilacións, as previsións de demanda de cada disciplina,… e, moi importante, a homoxeneidade da oferta no medio prazo; asegurando un número mínimo de prazas cada ano.
Particularmente, observo bastante alegría na oferta de prazas para profesores deste ano (terá algo que ver con que esteamos en ano electoral?), e congratúlome polos opositores, que traballarán con ánimos renovados… Esperemos que non se cumpra o agoiro proverbial: “día de moito, véspera de nada”.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 24 de xaneiro do 2016.
No hay comentarios:
Publicar un comentario