Que o sistema democrático non é ideal é algo ben sabido, e que non hai outro mellor tamén; por algo dicía Churchill que a democracia era a peor forma de goberno, exceptuando tódalas demais. A principal desvantaxe que ten é que ninguén pode asegurar que a elección da maioría sexa acertada, pero tal desvantaxe queda neutralizada pola capacidade que teñen os electores de modificar o seu veredicto nos seguintes comicios. Nas clases fago ás veces un sinxelo experimento: diante de varias posibilidades de solución dun problema, solicito que os alumnos escollan unha delas. O resultado normal é que a maioría, nun principio, adoita escoller unha solución falsa, mentres só unha minoría acerta coa correcta. Non se trata de falta de intelixencia, por suposto, porque unha vez explicada a solución, case todos os errados comprenden o seu fallo. Trátase máis ben dunha natural nugalla para pensar, o que leva a aceptar solucións que parecen evidentes, pero que logo, na maioría dos casos, resultan falsas. E na política, coma na vida ou na ciencia, case sempre hai que dubidar das solucións fáciles: porque o mundo é complexo.
Acaba de pasar en EE UU o que case ninguén cría que puidera suceder: o trunfo de Donald Trump. E agora todo o mundo anda tratando de explicar as causas da súa vitoria. A miña impresión, despois de ler ducias de artigos ó respecto, é que case todos teñen razón nas causas que apuntan, pero quédame unha certa sensación de insatisfacción despois das explicacións. Pode que a razón dese desacougo resida en que diante dun problema complexo, e este éo, onde conflúen multitude de variables, a explicación non se pode reducir a citar e xustificar variables, precísase da ponderación das mesmas, para poder centrarse nas significativas.
E dentro desas variables significativas colocaría eu en primeiro lugar a educación. Porque desde Aristóteles vense argumentando, e con razón, que só nunha sociedade educada e sen grandes desigualdades (xusto o contrario de a onde estamos indo), se dan as condicións para que as masas participen de forma eficiente no sistema democrático, e presenten inmunidade diante das chamadas dos demagogos, a quen xa o mesmo Aristóteles consideraba veleno da democracia, mentres informaba que a maioría dos tiranos chegaran ó poder facendo uso da demagoxia. Ademais, esa falta de educación cidadá nos valores democráticos, que nada ten que ver con formar empregados, que é no que se centran os sistemas educativos, conduce a que a masa dos electores non se fíe en xeral das persoas intelixentes, e prefiran a mediocres para poder no seu caso desprezalos, interesante premonición que xa apuntara Tocqueville, a mediados do XIX, como característica dos votantes americanos, pero que é máis global. Se encima consideramos que o populismo –a democracia dos ignorantes, segundo acertada definición de Savater- é unha das formas máis perigosas da demagoxia, ó axitar os fantasmas máis escuros dun pobo (racismo, xenofobia, ... ), darémonos conta das razóns que hai para a preocupación, xa non só nos EE UU senón en todo o mundo.
Que con Trump estamos diante dun demagogo populista está fora de toda dúbida, basta escoitar o seu discurso. Pero non utilizarei máis cualificativos, xa están todos ditos e os demócratas non deben caer na dinámica do insulto. Limitareime a nomear algúns dos políticos que máis festexaron o trunfo de Trump: Marine Le Pen, candidata da extrema dereita á presidencia de Francia; Vladimir Putin, o autoritario presidente de Rusia; Viktor Orban, o conservador e ultranacionalista primeiro ministro húngaro; Benjamin Netanyahu, primeiro ministro israelí; Aznar ... Ah, e Pérez Jácome.
Artigo publicado no diario La Región o mércores 16 de novembro do 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario