O pasado tres de xaneiro, martes, foi un día frío, húmido e desapacible no Carballiño. Á tarde, decidimos dar un paseo polas antigas terras dos Chaos de Castela, confiando en atopar un tempo algo máis seco e despexado ca no Carballiño, e algo mellor estaba. Deixamos o coche no San Amaro e fomos andando por Agaíme, Viriña, Piroño e Ventoselo, todos lugares da freguesía de San Martiño de Beariz, excepto Agaíme, que pertence á de Santa María de Salamonde.
Desde o San Amaro a Agaíme haberá medio quilómetro en lixeira baixada. Algunha viña erma, campos abandonados e monte. O mapa 1:50.000 do Instituto Geográfico Nacional de 1946 permite comprobar como, en a penas cincuenta anos, a maior parte destas terras pasaron de estar cultivadas a monte. A aldea de Agaíme aparece de súpeto no medio do piñeiral. Segundo os datos do INE, no ano 2010 tiña 20 habitantes, pero eu sospeito que na realidade son menos. Moitas casas cerradas. Soamente ollamos a dúas persoas, unha camiño do eido con seis ou sete vacas pacíficas e un can histérico, e outra que se meteu na casa en canto nos viu. O que levaba as vacas foi o que tranquilizou ó cadelo e nos confirmou o nome do lugar: “Aghaíme”, con gheada.
O casar de Agayme é un dos que xa figura nun documento do mosteiro de San Clodio que sempre se pon como exemplo do afán colonizador dos monxes bieitos no século XII, o testamento do abade Pelagius, do ano 1158. Nos séculos posteriores, unha boa parte destas farturentas terras dos Chaos de Castela, que na maioría conforman o que hoxe é o concello do San Amaro, serían do dominio do mosteiro ribeirá, que cobraba aquí a maioría das súas rendas de pan.
O nome de Agaíme sempre me pareceu enigmático, pero non figura no meu libro Nomes do Ribeiro –os Chaos de Castela non son Ribeiro- e ata o de agora nunca me detivera a estudalo. Trátase dun deses casos únicos que, habitualmente, presentan difícil explicación. Supoño que será por iso polo que non atopei na bibliografía ningunha explicación do mesmo.
Debo comezar sinalando que a forma correcta do topónimo é Agaíme, e non Gaíme, como aparece no Nomenclátor de Galicia, nin tampouco A Gaíme, a forma con falsa segmentación –coma en O Grove ou A Golada- que figura nos carteis de entrada da poboación e nalgún outro rexistro. Para min trátase dun claro antrotopónimo, é dicir, do nome –no xenitivo– dun antigo posesor do lugar. Poñerlle o nome do dono a unha aldea foi un xeito moi habitual de nomear poboacións en Galicia entre os séculos VII e X. O problema neste caso é dar co nome que lle cadraría a Agaíme. Revisada a bibliografía e diversas fontes, soamente atopo un que podería cadrar sen problema. Trataríase de Agaymus, o nome que levaba no século XIV un comerciante siciliano, nativo de Terra Corleone (quen se esquece do don Vito Corleone de Il Padrino!), segundo aparece rexistrado nun traballo do Anuario de Estudios Medievales (1994). O raro nome tal vez podería estar relacionado con Agathymus, un nome grego pouco frecuente, de agathos ‘bo’ e thymos ‘humor’, pero haberá que ver o que nos din os doutores desta igrexa. Máis difícil me parece a relación coa raíz xermánica AG-, presente en Agebaldo, Ageberto, Agafredo Agido, Egido.
O paseo continuou por Viriña. Alí tivemos a sorpresa e a sorte de atoparnos cun vello amigo, que non se chama Agathimus, pero ben merecería este nome porque sempre nos congratula a súa conversa e a súa xenerosidade. Unha botella de albariño e un xamón ben curado foron a causa de que, cando a miña muller e máis eu chegamos de volta ó San Amaro, xa se botase a noite encima, coma agora!! Así que, abur! Xa seguiremos con Viriña, Piroño e Ventoselo.
2 comentarios:
Eliminei un comentario anónimo no que se opinaba que "Agaymus" era o nome que correspondía ó topónimo. A causa da eliminación foi un bloqueo do sistema de comentarios.
Moi bom. Germánico nom semelha, isso de seguro! Em todo caso, e para além de qual seja o nome responsável, tem-che todas as traças de ter orige antroponímico.
Um saudinho e umha aperta, meu!
Publicar un comentario