martes, 10 de enero de 2012

O peso da crise


Ás veces un simple dato evita ter que perder o tempo dando explicacións innecesarias. Eu mesmo, porque me molesta que todo o mundo se presente como víctima da crise, teño perdido algún tratando de demostrar que non afecta a todos, ou que, como mínimo, non afecta a todos por igual. Un deses datos aparecía o outro día na maioría dos medios de comunicación, cando contaban que o ano 2011 se cerrara cunha estrepitosa caída na venta de coches –un magnífico indicador da evolución do consumo privado-. Matriculáronse en España no 2011 un 17,7 % de unidades menos ca no 2010, unha porcentaxe de caída que chegou en Galicia ó 34%. Pero, na noticia, comentábase de xeito breve este outro dato: «Y, una curiosidad, las ventas de coches de lujo se dispararon un 125%» (La Voz de Galicia, 3/1/2012). Diante disto, alguén mantén dúbidas sobre o reparto do peso da crise?


O goberno non sabe de onde recortar os 16.000 millóns de euros precisos para diminuír o déficit no 2012 ó nivel esixido por Bruxelas. Pois aí vai outro dato: Vicenc Navarro, acreditado catedrático de economía aplicada e de políticas públicas da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, estima que cun sistema impositivo tan progresivo coma o sueco a facenda española incrementaría os seus ingresos anuais en 200.000 millóns! Serían suficientes para xuntar, non os 16.000 millóns que pretende recortar o goberno, senón os 40.000 millóns que estima Moody´s e aínda quedarían cartos para crear arredor de catro millóns de postos de traballo. Claro que, habería un grave problema para levar adiante o que propón Vicenc Navarro: terían que pagar impostos os ricos!!

-Amigo, aí tocaches en oso!!!
-Certo…

P.D. Un magnífico complemento desta entrega pode ser este interesante artigo sobre o fraude fiscal de Manuel Lago, no diario La Voz de Galicia: Cartografía del fraude

No hay comentarios: