Aínda que non é habitual que neste blog trate temas relacionados coa miña profesión de ensinante de Física e Química, considerando que se trata dunha cuestión de interese xeral farei unha excepción. O tema é: afórrase máis enerxía mantendo certas luces acendidas ca apagándoas cada pouco?
Di a sabedoría popular que unha cousa é predicar e outra dar trigo. No ensino gañamos a vida predicando, pero o trigo ás veces non se ve por ningún lado; é o caso do aforro dos recursos enerxéticos, do que se fala moito e se practica pouco. Calquera diría que nos centros educativos, onde “conservación do medio”, “economía sostible”, “contaminación”, “reciclaxe”, etc., son termos frecuentes nos currículos, os comportamentos relacionados con este tema deberían ser exemplares. Pois nada diso, tamén aquí a realidade pouco ten que ver co que se predica. Un día tras outro observo, desde hai anos, que é raro pasar por diante dunha aula sen alumnos (cando están no recreo, cando se desprazan a outras aulas específicas, etc.) que non teña todas as luces acendidas. Moito máis frecuente é ver como, cando sae o sol, se baixan tódalas persianas, ben porque algún alumno ve mal o encerado, ben porque a outro moléstalle na cara, etc, etc. Tampouco resulta infrecuente ver como as luces permanecen acendidas cando hai claridade de sobra para traballar. Desde sempre, no momento en que entro nunha aula nesas condicións, pido que se apaguen as luces artificiais e se deixe que entre ese gran ben que é a luz natural. Adoito lembrar, de paso, cantos grandes homes estudaron sen luz eléctrica e o ben que lle facemos ó medio cun comportamento responsable. Se o sol lle molesta a algún alumno, simplemente lle recomendo que se cambie de pupitre (por desgracia, hoxe en día, raras veces faltan lugares baleiros nas aulas) ou que se mova un pouco (dada a imposibilidade de mover ó sol do sitio que ocupa en cada momento). Cando era máis novo pensaba que esta era unha batalla gañada. Craso erro de xuventude: a razón poucas veces gaña batallas, máis ben acostuma perdelas! No caso que nos ocupa, non só poñen mala cara algúns alumnos por ese “gran esforzo” que se lles solicita, tamén hai profesores que reaccionan de xeito parecido. Pero, a estas alturas da partida, tampouco me preocupa moito; eu, convencido das miñas razóns, simplemente manteño posicións, e non penso ceder nin un palmo. Logo, que cada quen faga o que estime conveniente.
Unha das cousas que máis me ten amolado nesta cuestión é o bulo de que se aforra máis mantendo as luces acendidas ca apagándoas cada pouco. Téñome parado a explicarlle ós alumnos, e tamén a algún compañeiro, que iso é unha bobada absoluta: que cando un apaga as luces acabouse o consumo, é que o maior consumo no acendido é un estado transitorio tan breve que non equivale, no caso máis desfavorable, máis ca a uns poucos segundos de consumo normal. Que, en todo caso, a pedagoxía do tema obriga a que a regra básica de comportamento sexa: apagar as luces cando non son precisas. Pois nada, todo inútil: tapas o rego por un lado e aparecen corenta buratos polo outro –algúns provocados–. Supoño que se o bulo obrigase a algún esforzo non se propagaría coma a espuma, pero como é tan cómodo o que predica…
Ben, pois para que non haxa máis dúbidas ó respecto, adxunto unha demostración da falsidade do bulo. Fíxoa o equipo de “cazadores de mitos”, nun documental emitido polo canle “Discovery Channel”, o que dá idea da facilidade coa que se estenden polo mundo as tonterías. A demostración resulta clarísima, e moi grata –grazas ás virtudes da presentadora-, a pesar da deficiente traducción ó castelán.
As conclusións foron:
• Sempre é mellor apagar calquera tipo de luz cando non se use.
• No caso dos tubos fluorescentes, afórrase enerxía deixándoos acendidos se o intervalo no que ían estar apagados fose menor de 23 segundos. Nos outros tipos de lámpadas tal intervalo redúcese a menos de 1 segundo.
• Despois dunha proba de 100.000 acendidos e apagados, non se apreciaron diferencias importantes na vida media de ningún tipo de lámpadas. Iso equivale a cinco anos de funcionamento normal, e ningunha dura tanto normalmente, excepto as modernas lámpadas led.
• No caso dos tubos fluorescentes, afórrase enerxía deixándoos acendidos se o intervalo no que ían estar apagados fose menor de 23 segundos. Nos outros tipos de lámpadas tal intervalo redúcese a menos de 1 segundo.
• Despois dunha proba de 100.000 acendidos e apagados, non se apreciaron diferencias importantes na vida media de ningún tipo de lámpadas. Iso equivale a cinco anos de funcionamento normal, e ningunha dura tanto normalmente, excepto as modernas lámpadas led.
Que vos preste!
1 comentario:
Pois aínda que xa sabía hai tempo que ese suposto aforro era unha "lenda urbana", adornalo coa investigación dos "cazadores de mitos" faino máis didáctico, e ademáis con números.
Prestoume.
Publicar un comentario