sábado, 3 de marzo de 2012

A notamanía


Siempre ha habido malos alumnos que, más adelante,
se convertirán en hombres instruidos y cultos.
A la inversa, muchos alumnos supuestamente buenos
 no volverán a abrir un libro una vez acabados los estudios.
Marc Bloch



Se alguén me preguntara que é o que menos me gusta da miña profesión de ensinante de secundaria, creo que non dubidaría na resposta: examinar e cualificar ós alumnos. Entendo que é preciso, pero non me resulta agradable. E penso que é un sentimento bastante común entre o profesorado. Esa sensación de desacougo á hora de cualificar, ademais, ten aumentado nos institutos de ensino medio nos últimos anos. A razón fundamental deste estado de cousas está no “numerus clausus” que presentan as facultades e os estudos universitarios máis demandados e na consecuente loita dos alumnos pola “nota”. Pero, non é unha loita homoxénea na que participen tódolos alumnos, dáse sobre todo en dous segmentos: nos que loitan polo aprobado e, sobre todo, nos que aspiran a unha nota sobresaínte, precisa para entrar en estudos como poden ser os de medicina, enfermaría ou periodismo. Dáse así o caso que aqueles alumnos que pretenden realizar estes estudos, soamente se conforman coas notas de 9 ou 10, en calquera asignatura e independentemente das súas capacidades; calquera nota inferior vena como un fracaso persoal ou como unha inxustiza. Non obstante, o propio concepto de sobresaínte implica escaseza e singularidade: se hai moitos sobresaíntes é que non sobresaen! É moi raro, ademais, que un sexa sobresaínte en todas ou na maioría das disciplinas; con esforzo e traballo un pode conseguir resultades notables en calquera cousa, pero sobresaír coido que é algo diferente. Eu reivindico o gran valor do notable.

De tódolos xeitos o problema da “nota” como fin coase exclusivo do ensino xa é vello. O ano pasado, tamén por este tempo –porque certas cuestións amosan comportamentos periódicos–, publicaba neste blog a entrada bachotage, no que criticaba un sistema educativo excesivamente centrado nos exames –con moi pouco éxito, por certo, se nos atemos ós 0 comentarios que recibiu, e restamos algunha recomendación que en privado me fixeron–, e tomaba como referencia fundamental as Notas en defensa dunha revolución no ensino escritas por Marc Bloch en 1940. Nesas mesmas Notas, o destacado pensador e historiador francés despáchase a gusto contra a excesiva cuantificación das cualificacións: «Cuando veo que un examinador decide que tal o cual examen de historia, por ejemplo, de filosofía, o incluso de matemáticas, merece un 13,25, y aquel más allá de un 13,5, sobre un total de 20 punto, no puedo –con la mayor consideración- evitar pensar que se trata de una broma pesada. ¿Qué báscula de precisión tiene ese hombre que le permita medir con una aproximación del 1,2% e valor de un examen?». Non podo estar máis de acordo con esta reflexión: os coñecementos non son unha magnitude física, e polo tanto non pode ser medida como tal. O mesmo lle pasa á intelixencia, á beleza, á bondade ou á saúde: imaxinan vostedes a un médico diagnosticando a un paciente cun 5, cun 6 ou cun 4,75? Pois tan ridículo resulta, en esencia, poñerlle a un alumno un 5 ou un 7 en química ou en historia.

Pero, algo haberá que poñerlle? En efecto, considero que a cualificación é precisa: o estudante necesita un recoñecemento que premie o seu esforzo e os seus avances, e a sociedade algo que avale as competencias que, relacionadas coa súa formación, cabe supoñerlle ós individuos. Do mesmo xeito, o paciente precisa un diagnóstico, pero non cuantitativo, non un número. Propoñía Marc Bloch para o ensino: «Solicitamos encarecidamente que la escala de las notas sea reducida imperiosa y uniformemente a cinco grandes categorías: 1 ó muy deficiente, 2 o deficiente, 3 o pasable, 4 o bien y 5 o muy bien (y no perfecto, una palabra vedada a la imperfección humana)». É dicir, pode darse unha nota numérica, pero esta simplemente reflicte unha escala conceptual cualitativa. Tivemos en España, ata hai algúns anos, un sistema bastante razoable e moi semellante ó que propoñía Marc Bloch, coa diferenza, de que se introducía a categoría de notable, entre o ben e o sobresaínte (moi ben na escala de Bloch); non obstante, a presión dos “numerus clausus” universitarios e a convicción da necesidade de seleccionar por “notas” ós alumnos, levou á recuperación do antigo sistema numérico, totalmente desaxeitado, con perversas consecuencias sobre o bacharelato en primeira instancia e sobre a ESO en segunda.

E, como se selecciona os alumnos para a Universidade? Pois si, ese é un problema importante. Pero, coidado, é un problema das universidades, non do ensino secundario! Imaxinan vostedes ás empresas, que solicitan profesionais, interferindo co xeito de cualificación dos alumnos nas universidades por causa dos problemas (?) que lles causa a selección de persoal entre a multitude de aspirantes? Pois iso é o que vén acontecendo desde hai anos no sistema educativo español: as cualificacións dos alumnos do bacharelato están condicionadas, en bo grao, polo sistema de selección do sistema universitario. Isto ten uns grandes custos para a calidade do ensino secundario, e coido que tamén para o ensino universitario, pois ese sistema de selección amósase totalmente ineficiente ademais de inxusto. Sen querer estenderme, a principal ineficiencia do sistema vén da case nula relación que hai entre a cualificación que acaba xerando o sistema de acceso e as aptitudes e capacidades do alumno para realizar unha carreira concreta; a principal inxustiza, da mestura de distintas cualificacións, obtidas en distintos centros, dadas por distintos profesores, …, totalmente heteroxéneas, que ó final leva a decidir entre dous alumnos por diferencias de centésimas de punto. En todo caso, con sistemas semellantes de acceso basados no exame e nas notas, non estaría de máis lembrar como o propio Albert Einstein foi rechazado a primeira vez que pretendeu praza no Instituto Politécnico de Zurich, Verdi suspendeu en varias ocasións o exame de ingreso no conservatorio de Milán, e premios Nobel de literatura, coma Juan Ramón Jimenez ou García Marquez, dificilmente aprobarían o exame de lingua da selectividade por cometer faltas de ortografía.

Solucións? Búsquense! Por se valera de algo, retomo o discurso de Marc Bloch: «Deberá encargarse a un matemático que estudie el problema de los concursos para plazas limitadas. Pero, también en este caso, se deben poder eludir refinamientos demasiado exagerados, cuya absurdidad no advertimos debido a que nos hemos acostumbrado con el tiempo a ellos. Cualquier cosa será mejor que una tontería inicial que degenera en injusticia.». En todo caso, eu comezaría por eliminar calquera influencia das notas obtidas nos centros de secundaria, salvo a capacitación para solicitar unha praza, no sistema de acceso á universidade. Esa debería ser unha competencia exclusiva das propias universidades e, probablemente, de cada facultade. A partir de aí, creo que os beneficios para o ensino secundario poderían ser moi apreciables. Logo habería que ir á reducción do número de exames e de asignaturas.

2 comentarios:

Ramón Cid dijo...

Estou de acordo na dificultade de medir numericamente (e mesmo con decimais) a capacitación dun alumno.
Sen embargo creo que as probas obxectivas, ben deseñadas evitando memorizacións mecánicas, son necesarias polo seu carácter didáctico, e non por ser simple forma de cualificación numérica.
Creo que coa baixa cultura de esforzo actual o único xeito de provocar na maioría do alumnado a realización das tareas ven determinado por esas probas.
Pero, e como apuntas ao final, nada disto é posible co alto número de asignaturas da actualidade.
Creo, por otra parte, que ademais da cualificación convencional, que podería ser de tipo cualitativa (INS; SUF, BEN, NOT e SOB), deberían existir outra actividades paralelas ao curriculo oficial que tamén puntuase. Por exemplo na universidade se dan créditos por participar en tareas determinadas, cursos no verán, participando en equipos deportivos, etc. Por que non poden os de secundaria "facer curriculo" de xeito parecido. Irian aumentando a súa "nota", mellorarían a súa formación integral, e evitaríanse que as vacacións fosen semanas "perdidas" sen ningún aproveitamento para os alumnos.
Despois as universidades deberáin buscar as súas formas de controlar a formación dos alumnos.
Unha última cuestión, se por outra parte se a formación de cadros medios (non universistarios) fose unha alternativa moito máis seriamente considerada, non habería esa aínda obsesión pola universidade. E deste xeito tamén iría desaparecendo a obsesión polas valoracións numéricas tan precisas (?).

Jeanfrujo dijo...

Amigo Ramón, moitas grazas pola túa atención, e tamén polos comentarios que aportas naqueles temas que poden resultar máis comprometidos ou polémicos. Basta repasar este blog para saber que normalmente estamos de acordo nas nosas apreciacións; pero, neste caso, sen haber nada no que dis co que estea totalmente en desacordo, a miña apreciación global (e cualitativa) é de desacordo. E isto é moi bo, pois o total acordo, sempre e en calquera circunstancia, entre dúas persoas sempre me resultou sospeitoso.

Creo que o título do texto reflicte ben o seu obxectivo principal: denunciar a excesiva preocupación pola nota, sobre todo entre os alumnos destacados de bacharelato, causada, na miña opinión, polo sistema de acceso á universidade, dada a influencia que teñen as notas do bacharelato en tal sistema. E, en relación con isto, propoño que esas notas non ponderen no sistema de acceso. E iso nada ten que ver con que non sexan precisos os exames, simplemente que os exames de bacharelato sirvan para cualificar o bacharelato, os de acceso á universidade para o acceso, e os da universidade para a universidade. Os mellores alumnos seguiran sendo os que consigan as mellores cualificacións, pero evitaremos a gran ansiedade que, durante dous cursos, arrastran aqueles alumnos que xa teñen decidido que van cursar unha carreira con difícil acceso. Estes alumnos, ademais, admitirán máis facilmente que non poden ser os mellores en todo (moi importante!). Se a iso sumamos que ese estado de cousas facilitaría o deseño de probas de acceso específicas para cada carreira (sobre todo para as que presenten un exceso de demanda. Para as outras nin sequera creo que fose preciso realizar selectividade algunha, á vista das porcentaxes de aprobados e da demanda de certas titulacións), pois todos máis contentos.

E un comentario con respecto ó dos créditos, cursos de verán, etc... Pois non sei. A miña idea é que os cursos de verán son un negocio coma outro calquera, con clientela bastante segura e financiación pública... Pero, seguramente estou equivocado. Tal vez a miña experiencia de alumno con certos profesores da UNED (Económicas), máis preocupados pola organización de cursiños de verán en cidades costeiras ca por corrixir as erratas dos “seus” libros de texto ou facilitarlle o traballo ós alumnos, me impida ver isto de xeito máis obxectivo. E ogallá estea equivocado nesta apreciación.

En todo caso, hai que tratar que os alumnos saiban máis, e a miña idea é que iso non se consigue buscando máis elementos de puntuación senón menos: menos asignaturas, menos exames e menos tramos nas cualificacións. E máis traballo. Lembro que na escola, onde tiven a sorte de ter un magnífico mestre, non había exames (me parece que soamente fixemos uns unha vez que veu un inspector), simplemente había traballo diario (por certo: pouco ou ningún para realizar na casa), saídas ó encerado, saídas ó mapa, revisón do traballo que ías facendo... Nunca preparei un exame na escola e, non obstante, comprobo como a maioría daqueles coñecementos (poucos se se quere), practicados e repetidos ata que se dominaban, nunca se me esqueceron. Tamén lembro que tódolos alumnos que o meu mestre levaba ó exame de ingreso (oral) no instituto aprobaban, a pesar de que nunca fixeran exames. Pola contra, comprobo como os alumnos da ESO ou do Bacharelato, acribillados a exames, á semana de realizar un exame, a penas saben algo do que se examinaron. Deus me libre que tivesen que superar un exame tipo reválida

En fin, Ramón, xa falaremos en privado destes temas. Así non cansamos máis á parroquia. Unha aperta.