viernes, 23 de marzo de 2012

Variables significativas: das vacacións dos profesores ó calendario juliano



Ayer mismo todavía confiabas en ti,
alegre, rebosante de fuerzas,
hijo del tiempo.
Y hoy ha llegado un nuevo tiempo,
pero tú no te has dado cuenta.
Vasili Grossman (Vida y Destino)

A crise ten un efecto curioso neste país. A diferencia do que ocorre noutros, nos que as dificultades fan aparecer o mellor das súas xentes, aquí fan aparecer o peor. Basta ver un telediario, escoitar un boletín de noticias ou ler un periódico para atopar múltiples exemplos que certifican esta afirmación. Pero, a polémica suscitada pola decisión da Comunidade de Valencia sobre a posibilidade de facer permanecer ós profesores nos centros no mes de xullo resulta paradigmática neste senso.
Na busca de solucións a calquera problema real o primeiro paso que se debe dar  sempre é o da identificación das variables significativas. E dicir, tratar de coñecer que factores, e en que medida, poden incidir no problema que tratamos de solucionar. Nese proceso adoita axudar moito o historial do sistema obxecto de estudo: se unha determinada variable, cando aínda non existía o problema, xa tiña valores semellantes ós presentes é que estamos diante dunha variable non significativa. Por exemplo: sería ridículo tapar unha rachadura que leva 10 anos no teito dunha habitación se, de golpe, comeza a caer auga por esa rachadura nun día de choiva. O mal non está na vella rachadura senón en algo que pasou no tellado, por exemplo nunha tella rota recentemente. Se tapamos a rachadura na escaiola non arranxamos nada,  máis ben poñemos en perigo o resto do teito! Pois igualiño sucede co horario dos profesores: antes da crise os profesores xa tiñan, máis ou menos, as mesmas vacacións ca agora, e o mesmo ca no resto do mundo. Polo tanto, non estamos diante dunha variable significativa. Aínda que resulte obvio dicilo, a crise que sufrimos nada ten que ver coas vacacións dos profesores. Estes, aquí e en calquera parte do mundo, teñen un horario acorde coa súa actividade profesional, o mesmo que os funcionarios de prisións, os viaxantes comerciais, os pescadores de bonito ou os adestradores de esquí teñen os seus, por poñer algúns exemplos de ocupacións con distribucións do tempo de traballo que non coinciden coas da maioría do resto dos traballadores. É máis ca probable que o calendario escolar, a xornada lectiva e a dedicación do profesorado precisen reformas, pero a crise nada ten que ver con iso.
Por que entón, coa cantidade de problemas que nos abruman, nos dedicamos a discutir acerca de variables non significativas? Pois, por diversas razóns. A primeira responde ó que o célebre lingüista, filósofo e activista norteamericano Noam Chomsky, chama estratexia de distración. Na súa famosa lista das 10 estratexias de manipulación mediática esa é a primeira que se cita: «O elemento primordial do control social é a estratexia de distracción que consiste en desviar a atención do público dos problemas importantes e dos cambios decididos polas elites políticas e económicas, mediante a técnica do diluvio ou inundación de continuas distraccións e de informacións insignificantes…». Escribide aquí estratexias deste tipo que coñezades: _________, ______, _______, _________. Non vos chegan os espazos en branco, verdade?  Mira que non terán os políticos valencianos variables significativas, directamente relacionadas cos problemas da crise, nas que entreterse antes de meterse coas vacacións dos profesores! Desafogádevos e poñédelle aquí unhas poucas: ________, ________, ________, _______.  A que non vos volven chegar os espazos en branco?
Pero, ademais, hai razóns máis profundas detrás destas estratexias de manipulación mediática, razóns das que nin sequera son conscientes os seus propios difusores. A fundamental, baixo o meu punto de vista, consiste en que os que realmente mandan (nin sequera os políticos, en moitos casos simples pillos totalmente indocumentados) seguen pensando, e con razón, que a maioría da xente é idiota, que o medo é un instrumento fundamental para conseguir os seus fis e que é moito máis fácil unir a un pobo en contra cá favor de algo. Por exemplo contra os sindicatos, contra os funcionarios en xeral, ou contra os do ensino (branco tradicional de todo poder reaccionario) en particular. O ultraliberalismo que nos afoga consegue dese xeito matar dous paxaros dun tiro: adelgazar o sector público, para facerse co negocio correspondente (sanidade, educación, servicios privatizados, etc.), e, o que pode ser máis importante, que a xente asuma algo inaudito: “que ter un traballo seguro é un pecado, e ata unha ofensa para os que non o teñen”. Dese xeito, os menesterosos, en vez de loitar polos seus lexítimos dereitos, cóbado con cóbado cos que aínda non os perderon todos, pasan a defender os postulados dos verdadeiros culpables da súa precaria situación. É o peche do círculo, a xogada perfecta!, o que converte ó funcionariado nun dos brancos preferidos dos ataques dos ultraliberais. Salvadas tódalas distancias, lémbrame isto o sistema de xestión dos campos de concentración hitlerianos cuxa organización descansaba sobre un piar  tamén inaudito: o conxunto dos propios presos. En efecto, era mínimo o persoal do exército alemán que se ocupaba deste sistema de exterminio, os propios presos realizaban tódalas funcións profesionais, eran os carcereiros, os vixiantes e, ás veces, ata os mesmos verdugos. Salvemos tódalas distancias que queirades, esto nada ten que ver co que estamos falando, pero non esquezades que a submisión das masas diante do medo e un feito histórico irrebatible; tampouco que esta non é unha crise coma calquera outra: estamos diante dun cambio de modelo e de paradigma; e menos que algo que se tarda moitos anos en conseguir pódese perder nun mal día, talvez para non recuperalo nunca máis.
Non,  na realidade, ninguén pensa que incomodando ós profesores no mes de xullo vaia mellorar algo neste país, ensino incluído! Non, simplemente se trata dun ladrillo máis no muro: another brick in the wall, que cantaba Pink Floyd, daquela para tapiar ós alumnos e agora para tapiar ós profesores. Acométanse con calma, con intelixencia e coa participación de tódolos sectores implicados as reformas que sexan precisas. Que os profesores fagan ben o seu traballo, que os alcaldes xestionen racionalmente os seus concellos, que os médicos atendan ben ós seus pacientes, ... e que os medios de comunicación deixen de manipular as conciencias dos cidadáns: We dont need no thought control… Como di un proverbio francés, se cada un fai ben o que lle corresponde todo irá moito mellor. Pero agora, o que ten que facer o goberno con urxencia é identificar as variables significativas cuxa variación, na dirección correcta, nos poida sacar da crise que nos asola. De paso, o goberno tamén podería mandar calar a enredantes coma os de Valencia. Hai que cambiar moitas cousas, pero non hai que cambiar todo nin de calquera maneira! Parafraseando a  Lampedusa: cambiar todo é un xeito de que todo o siga como estaba, ou peor...  Algunhas desas variables significativas, algunhas desas tellas rotas, coñecémolas todos, e non vemos que se faga gran cousa por cambialas. Aí van algunhas, por se fraquea a memoria dos gobernantes: economía somerxida; fraude fiscal, sobre todo profesional e empresarial; corrupción política; despilfarros de todo tipo; unificación e racionalización das políticas fiscais (progresivas, por mandato constitucional); incompatibilidades de cargos e oficios públicos, entre si e destes con actividades privadas; limitación e/ou regulación dos salarios dos directivos, xerentes e conselleiros de administración das empresas; reparto do traballo, como ben escaso que é;  racionalización do sistema financieiro; liquidación e substitución controlada do modelo productivo español, baseado na especulación inmobiliaria. Podendo ser, tamén sería conveniente que non se esquecesen de dous artigos desa constitución que tanto din defender: art. 128.1 (Toda la riqueza del país en sus distintas formas, sea cual fuese su titularidad, está subordinada al interés general) e art. 35.1 (Todos los españoles tienen el deber de trabajar y el derecho al trabajo, a la libre elección de profesión u oficio, a la promoción a través del trabajo y a una remuneración suficiente para satisfacer sus necesidades y las de su familia, sin que en ningún caso pueda hacerse discriminación por razón de sexo.).
Unha última cousiña para os que sigan insistindo coas vacacións do profesorado. Recoméndolles a lectura do libro “La profesión docente en Europa. III Condiciones laborales y salario”, editado por Eurydice (pódeno baixar clickando sobre o título). Pode ser un bo elemento de xuízo para ver cal é a situación de España, neste apartado, dentro do contexto europeo. Podo adiantar que non hai grandes diferenzas nas vacacións dos profesores entre uns países e outros, tampouco na percepción «generalizada y muy común, aunque equivocada, de que el docente trabaja a tiempo parcial y goza de largas vacaciones.».  E, para os nostálxicos, que sempre os hai, e que sempre pensan que calquera tempo pasado foi mellor, lembrarlles un par de cousas. Cando eu ía ó instituto (década dos sesenta) as clases remataban tódolos anos o 30 de maio (festa de San Fernando) e non comezaban ata outubro. Outra: no ano 1973 entrou un novo ministro de educación “reformista” e ocorréuselle cambiar o curso universitario para comezar en xaneiro e rematar en decembro, porque vía unha chea de vantaxes. Foi o denominado calendario juliano (porque Julio era o nome daquel ministro de Franco e do Opus, que Deus terá na gloria). Foron as vacacións máis largas da miña etapa de estudante: de xuño ata xaneiro do ano seguinte. Logo, foi o curso máis curto da historia da universidade española: de xaneiro a xuño. Un novo ministro decretou, ós poucos meses, a volta ó calendario ordinario. E niso, queridos amigos, adoitan acabar as ocorrencias dos enredantes.

Eu son da quinta de Atom heart mother e de Wish you were here,
pero The wall tampouco me desagrada. Mantén ese toque de rebeldía
que, segundo aprendemos de Camus, resulta esencial para o home.

No hay comentarios: