Paco o filloeiro
Acostumados ó ritmo do traballo, un día de folga, con todo cerrado, non se
sabe ben o que se pode facer. Pero acábaseme de ocorrer unha idea: preguntar en
internet.
Onte informaban na radio que a Google prohibíronlle no Xapón completar as pesquisas
do buscador segundo se van escribindo no ordenador, parece ser que porque se senten
insultados. A noticia pareceume unha broma, pero decidín comprobalo. Segundo escribín
“los japoneses” o primeiro que apareceu na pantalla foi “los japoneses son
raros”, logo “los japoneses no miran, sospechan”, logo “los japoneses son
racistas” e logo, o que faltaba, “los japoneses son extraterrestres”!!! Manda
_______! Si no lo veo no lo creo! A ver que pasa con “los españoles”!.
Resultado: “Los españoles orquesta”, “Los españoles más ricos”, “los españoles
son latinos”, “los españoles más guapos”, “los españoles ante el cambio”. ???
Comentade vos o que vos pareza: _________ ____________ ______________ ____________
________ ___________ ______________ ____________ __________ _____________ ________ ___
Ben, vamos entón co que se pode facer. Poñerei “hacer_” para ver que fan ou queren facer os españois, que hoxe, dadas as circunstancias, e sen que
sirva de precedente, estou disposto a estar coa maioría no que sexa. Imaxinades
o primeiro que sae?: “hacer el amor”, non está mal. Pero, asáltame unha dúbida,
trátase de que os españois fan moito o amor ou de que queren facer o amor?
Volvo ó teclado e poño “hacen mucho_”, resposta: “hacen mucho ejercicio”(?).
Tecleo agora “quieren hacer_”, resposta “quieren hacer los deberes”(?). Quedo
como estaba! Sigo entón co “hacer_” e descubro que o que máis lle interesa facer
ós españois, despois do amor, é o nó da garabata (?), logo facer pan (?), logo
un curriculum (lóxico), logo o pasaporte (moi importante, para poder marchar),
logo un blog (xa sospeitaba eu que non era nada orixinal), logo facer punto (?)
e por último, nun honroso oitavo posto, aparece a primeira acción relacionada
con Galicia e co galego: “hacer filloas”. Ningunha outra comunidade nos adianta
cunha acción semellante: nin os valencianos coa paella, nin os andaluces co gaspacho, nin os vascos co marmitako e nin sequera os cataláns coa butifarra. Asi me
gusta meus, moi ben!
Tratarei agora de comprobar a singularidade dos galegos naquilo que nos
interesa facer. Escribo “facer_”. Carai! Nin rastro de “facer o amor” nos
primeiros lugares!, contentámonos cun humilde “facer as beiras” no terceiro
posto (pirámide de poboación?). No primeiro lugar sabedes o que aparece
destacado?: “facer filloas”, polo que se ve a ocupación preferida neste país.
Sorpréndeme tamén a segunda posición: “facer unha cambadela”, é dicir, facer
unha “zancadilla”; a verdade é que non sospeitaba que a cousa estivese tan mal!
A cuarta xa me resulta máis lóxica despois do éxito das filloas: “facer
orellas”. Aquí, polo que se ve, pérdese a esperanza antes có apetito!!!
Por último, por iso de que sempre nos miramos neles, sempre nos levan a
dianteira e sempre acostuman ser a nosa guía, que fan os franceses? Sorpresa,
sorpresa, sorpresa!!! O primeiro que aparece é “faire la conjugaison”; que
alegría levarán os meus compañeiros de lingua imaxinándonos a todos conxugando
verbos nas horas libres! A segunda ocupación dos franceses segundo isto sería
“faire dodo”, é dicir: dormir, para que logo veñan dando leccións de
productividade!!! En fin, a estes franceses soamente se lles dá por facer cara______,
ata o posto noveno non aparece ningunha cousa seria: “faire l´amour”.
Desde logo, quedo convencido de que non nos parecemos nadiña ós franceses,
e se tiña algo de afrancesado, desde hoxe renuncio: prometo non entonar nunca
máis o Allons enfants de la Patrie e reivindico
máis convencido ca nunca os valores da patria hispana. Así que, considerando
que a miña muller está en servicios mínimos, decido chamar á miña sogra para
que me ensine a “facer filloas”, que lle saen riquísimas.
Boa folga, e bon appétit!
2 comentarios:
Confirmo: las filloas de nuestra suegra están macanudas.
Grazas Carlos pola confirmación, aínda que xa sei que ti es máis de pulpo. E digo porque hoxe é feira, así que pensarei en ti cando estea comendo unhas talladas.
Publicar un comentario