jueves, 29 de marzo de 2012

Que facer un día de folga en Filloalandia


Paco o filloeiro

Acostumados ó ritmo do traballo, un día de folga, con todo cerrado, non se sabe ben o que se pode facer. Pero acábaseme de ocorrer unha idea: preguntar en internet.

Onte informaban na radio que a Google prohibíronlle no Xapón completar as pesquisas do buscador segundo se van escribindo no ordenador, parece ser que porque se senten insultados. A noticia pareceume unha broma, pero decidín comprobalo. Segundo escribín “los japoneses” o primeiro que apareceu na pantalla foi “los japoneses son raros”, logo “los japoneses no miran, sospechan”, logo “los japoneses son racistas” e logo, o que faltaba, “los japoneses son extraterrestres”!!! Manda _______! Si no lo veo no lo creo! A ver que pasa con “los españoles”!. Resultado: “Los españoles orquesta”, “Los españoles más ricos”, “los españoles son latinos”, “los españoles más guapos”, “los españoles ante el cambio”. ??? Comentade vos o que vos pareza: _________ ____________ ______________ ____________ ________ ___________ ______________ ____________ __________ _____________ ________ ___

Ben, vamos entón co que se pode facer. Poñerei “hacer_” para ver que fan ou queren facer os españois, que hoxe, dadas as circunstancias, e sen que sirva de precedente, estou disposto a estar coa maioría no que sexa. Imaxinades o primeiro que sae?: “hacer el amor”, non está mal. Pero, asáltame unha dúbida, trátase de que os españois fan moito o amor ou de que queren facer o amor? Volvo ó teclado e poño “hacen mucho_”, resposta: “hacen mucho ejercicio”(?). Tecleo agora “quieren hacer_”, resposta “quieren hacer los deberes”(?). Quedo como estaba! Sigo entón co “hacer_” e descubro que o que máis lle interesa facer ós españois, despois do amor, é o nó da garabata (?), logo facer pan (?), logo un curriculum (lóxico), logo o pasaporte (moi importante, para poder marchar), logo un blog (xa sospeitaba eu que non era nada orixinal), logo facer punto (?) e por último, nun honroso oitavo posto, aparece a primeira acción relacionada con Galicia e co galego: “hacer filloas”. Ningunha outra comunidade nos adianta cunha acción semellante: nin os valencianos coa paella, nin os andaluces co gaspacho, nin os vascos co marmitako e  nin sequera os cataláns coa butifarra. Asi me gusta meus, moi ben!

Tratarei agora de comprobar a singularidade dos galegos naquilo que nos interesa facer. Escribo “facer_”. Carai! Nin rastro de “facer o amor” nos primeiros lugares!, contentámonos cun humilde “facer as beiras” no terceiro posto (pirámide de poboación?). No primeiro lugar sabedes o que aparece destacado?: “facer filloas”, polo que se ve a ocupación preferida neste país. Sorpréndeme tamén a segunda posición: “facer unha cambadela”, é dicir, facer unha “zancadilla”; a verdade é que non sospeitaba que a cousa estivese tan mal! A cuarta xa me resulta máis lóxica despois do éxito das filloas: “facer orellas”. Aquí, polo que se ve, pérdese a esperanza antes có apetito!!!

Por último, por iso de que sempre nos miramos neles, sempre nos levan a dianteira e sempre acostuman ser a nosa guía, que fan os franceses? Sorpresa, sorpresa, sorpresa!!! O primeiro que aparece é “faire la conjugaison”; que alegría levarán os meus compañeiros de lingua imaxinándonos a todos conxugando verbos nas horas libres! A segunda ocupación dos franceses segundo isto sería “faire dodo”, é dicir: dormir, para que logo veñan dando leccións de productividade!!! En fin, a estes franceses soamente se lles dá por facer cara______, ata o posto noveno non aparece ningunha cousa seria: “faire l´amour”.

Desde logo, quedo convencido de que non nos parecemos nadiña ós franceses, e se tiña algo de afrancesado, desde hoxe renuncio: prometo non entonar nunca máis o Allons enfants de la Patrie e reivindico máis convencido ca nunca os valores da patria hispana. Así que, considerando que a miña muller está en servicios mínimos, decido chamar á miña sogra para que me ensine a “facer filloas”, que lle saen riquísimas.

Boa folga, e bon appétit!

2 comentarios:

Carlos. dijo...

Confirmo: las filloas de nuestra suegra están macanudas.

Jeanfrujo dijo...

Grazas Carlos pola confirmación, aínda que xa sei que ti es máis de pulpo. E digo porque hoxe é feira, así que pensarei en ti cando estea comendo unhas talladas.