Falaba Otero Pedrayo, con coñecemento de causa, da rica sistemática e
poética das viñas e dos viños, e cando diso falaba pensaba no Ribeiro, paradigma
clásico da unión indisoluble entre unha paisaxe, un viño e unha cultura. Miles
de veces se terá feito o laude das terras e dos viños do Ribeiro. Algunhas das
mellores prosas do mesmo don Ramón ou de Cunqueiro foron escritas para louvar ó Ribeiro: se
o primeiro o maxinaba “como fermosa bacante cansa e adurmida en fresqueiro
leito de soaves penedías e verdes froumas”, o segundo recoñecía no Ribeiro a
ese viño “more philosophico, axeitado
para unha filosofía humana, peripatética e sentimental”, “apropiado para a nosa
forma de ser, para a nosa lentitude dialogante, porque nos aviva e nos
estimula. O Ribeiro é un viño que sempre remata nunha cantiga...”. E, que dicir
da poesía! Celso Emilio, Antón Tovar, Samuel Eiján, Gómez Alfaro, Manuel
Vilanova,... todos inspirados polas musas ribeirás e todos unidos baixo o himno
de don Eladio:
Curruncho do Paraíso,
Anaco solto do ceo,
...
¡meu Ribeiro!
Na miña modesta opinión, perdera algo o norte a festa de exaltación por
excelencia do viño do Ribeiro centrándose na profesionalización e nos mercados
e esquecéndose da firme unión que existe entre viño e literatura, entre viño e
arte, entre viño e Pobo. Foi esa unión o verdadeiro fermento tanto da Festa da
Vendima de Leiro coma da Feira do Viño de Ribadavia, e aí están as hemerotecas
para demostralo. Este ano caben dous grandes méritos ós organizadores do
certame de Ribadavia. O primeiro, recuperar o espacio físico e temporal das primeiras feiras,
de cando a Feira do Viño do Ribeiro era a festa de exaltación máis importante
de Galicia; o segundo, redescubrir a poética do viño. Ó viño do Ribeiro han de
seguir poñéndolle voz os máis recoñecidos bardos do País. Por iso foi un gran
acerto a elección do pregoeiro deste ano: Gonzalo Navaza, un dos mellores
entres os nosos vates.
En Ribadavia, a catro de maio do 2012, exerceu de trobeiro ilustre Gonzalo
Navaza. Quedará por sempre na memoria dos que alí estabamos a forza da súa
palabra e a fermosura e musicalidade das dezaoito décimas que enxergou no seu pregón. Décimas
de exaltación dun santoral tan propio coma inédito, o das nosas castes de uvas:
a treixadura, o caíño, o brancellao, a loureira, o torrontés... Tal vez non
sexa casualidade que este mesmo ano se celebre o bicentenario do nacemento do
gran químico galego Antonio Casares, o primeiro que estudou de xeito
sistemático esas mesmas castes das nobres vides galaicas.
Como sabe o amigo Gonzalo, unha vez rematado o pregón, mentres tomabamos un
vaso no “stand” municipal, recibimos un sinal cósmico. Eu
interpreteino, pola súa fermosura, como de aprobación dos deuses para os versos alí cantados.
Gonzalo dará fe de que non minto.
Este foi o pregón:
Miñas donas, meus señores
que hoxe aquí
vos congregades,
ilustres
autoridades,
adegueiros,
produtores,
alegres consumidores
e asistentes en
xeral,
vaia un saúdo
cordial
deste voso servidor que ten por moi grande honor ser pregoeiro oficial. |
Santa Treixadura, santa
das entrañas de
Galicia,
que as papilas
acaricia
e os
entusiasmos levanta.
Fai cantar ben
a quen canta
e pensar ben a
quen pensa...
E cando os seus
dons dispensa
a quen se
acolle ao seu manto,
perfuma cada
recanto
cunha ingrávida
onda densa.
|
Propúxome a comisión
vir pregoar
nesta Feira.
A oferta tan
gasalleira
non puiden dicir que non.
Eu, que sinto
devoción
polo voso
santoral
-que nos
protexe do mal
da escura
melancolía-,
acudo a esta
romaría
cunha fe
sacramental.
|
Santa Treixadura, tes
para nós, os
teus romeiros,
o don de volver
lixeiros
os pensamentos
e os pés.
Se acaso San
Torrontés
tamén acode á
xuntanza
e ademais
entran na danza
Santo Albariño
rideiro,
San Godello e
San Loureiro...
que gran
benaventuranza!
|
Que maior satisfacción
para un modesto trobeiro que a de acudir ao Ribeiro
a pronunciar o
pregón!
Quen
desperdicia a ocasión
de lle vir
cantar ao viño
aquí mesmo onde
o pai Miño
cobra do Avia
tributo!
Había que ser
moi bruto
pra non facer o
camiño!
|
Completan a procesión
poñendo
cadanseu brillo
San Macabeo,
Santo Albillo
e San Palomino.
Son
no ribeirao
panteón
tamén santos
con dereito.
Vimos, Ribeiro,
a pé feito
a che render
homenaxe.
Bebémoste... e
a paisaxe
inunda de luz o
peito.
|
Romeiro veño, xa digo,
por uns santos
xenerosos,
milagreiros e
avogosos
dende un tempo
ben antigo.
Quen se fai deles amigo,
en todo sitio e
sazón
gaña a súa protección
de venturosa
virtude,
pois dan
contento e saúde
a quen lles ten
devoción.
|
Eu son de terra onde o viño
amén de escaso
é ruín,
mais do meu
natal Lalín
vin casar no
Carballiño.
Feito está
medio camiño...
Completaría a
ventura
dunha feliz
singradura
un bacelar
pequeneiro
nalgún lugar do
Ribeiro
con caíño e
treixadura.
|
Se ben non gastan coroa,
son santos coma
os que máis;
non desatenden
xamais
a quen a
súplica entoa.
A xente fana
máis boa,
a paisaxe máis
fermosa,
fan máis
elecuente a prosa
e os peitos
máis cantareiros,
por iso vimos,
romeiros,
en procesión
fervorosa.
|
Paisaxe feliz, que prende
nas ansias do
camiñante
e dende o
primeiro instante
a man amiga lle
tende...
Paisaxe feliz,
que acende
un lume nos
corazóns
e ergue ata o
ceo cancións
que afirman no
firmamento
o puro
contentamento
dos días e as
estacións.
|
A San Caíño, que amosa
baixo
indumentos distintos
de Longos,
Bravos e Tintos
sabores da
estirpe nosa.
Que presenza
poderosa,
solemne,
enfática, viva...!
Que pracer para
quen liba
ese sangue
abenzoado,
dun vermello
purpurado
de arcebispo para arriba!
|
Ribeiro, gozoso chan
onde o gozo se
recrea,
onde a máis
humilde aldea
ten un aquel
cortesán.
O Coto Novelle,
o San
Cibrao de Las
mais a Pena
Corneira
exercen serena
vixía desde as
alturas,
ollando as
viñas maduras
onde a vida se
fai plena.
|
Moitas indulxencias gaña
quen lle reza a
San Caíño,
que é santo que
fai camiño
case sempre con
compaña,
por iso ninguén
se estraña
de ver que o
axudan na angueira
Santa Garnacha
tinteira,
San Sousón e
San Ferrón
ou San Tempranillo con
Santa Mencía de
freira.
|
Vou dando cabo á función
deste humilde pregoeiro que lle declara ao Ribeiro a súa fiel devoción. Pois vimos en procesión
a celebrar
neste día
este viño que nos guía,
erguemos a nosa
cunca
sabedores de que nunca ha de faltar a alegría. |
E San Brancellao, tinxido
polas luces do solpor,
que alegra os
ollos coa cor
do seu vermello
vestido.
Feliz quen for
protexido
deste coro
celestial
que libra de
todo mal
os seus fieles
seareiros,
dionisíacos
romeiros
do báquico
festival!
|
Ribeiro, podes gabarte
da magnifica
largueza
con que a madre
natureza
tivo a ben
agasallarte.
Se alén de paisaxe
e arte
bendeciu os
teus destinos
con eses caldos
divinos,
non te estrañe
nada, non,
que veñan en
procesión
milleiros de
peregrinos.
|
E se estes son purpurados
de vermello
sangue mouro,
outros visten
roupas de ouro
e brillos tornasolados.
Eles achegan,
calados,
do fondo da
adega escura,
cheiros de
froita madura
dalgún paraíso
ignoto...
Feliz quen se
di devoto
da bendita
Treixadura!
|
Brindemos pois, compañeiros,
amigos, irmaos,
veciños,
por estes divinos viños deliciosos, feiticeiros,
ouro e sangue
dos senlleiros
acios e bagos de noso.
Viva o Ribeiro
precioso
que tanta
beleza encerra!
Viva o froito desta terra
de futuro
venturoso!
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario