sábado, 10 de noviembre de 2012

Camiño Francés


Carte des chemins de S. Jacques de Compostelle, 1648. Camino Francés de Santiago de Compostela*

Asistía o pasado 18 de outubro en Ourense ó ciclo de conferencias “Vías de comunicación e tráfico comercial” organizado polo Departamento de Historia da Universidade de Vigo. Interesábanme, sobre todo, as exposicións de Carlos Nárdiz (Protección patrimonial dos camiños históricos), Manuel G. Durán (Pontes históricas e vías de comunicación) e J.M. Andrade Cernadas (Viaxeiros ou peregrinos? Algunhas notas críticas sobre a peregrinación a Santiago na Idade Media). A concorrencia estaba formada, fundamentalmente, por alumnos de historia, e resultoume vergoñento comprobar como a maioría dos que eu podía ver, en vez de atender ós conferenciantes, dedicábanse a mandar mensaxes polo móbil ou, simplemente, a botar unha cabezadiña nas cómodas butacas do auditorio –certo que ningún roncaba-. Tamén chamou a miña atención o uso do idioma: das catro conferencias que escoitei, as tres impartidas por profesores galegos foron en castelán, e a única concesión á nosa lingua veu dun profesor madrileño que puxo o título da súa presentación en galego: tristísimo.

Pero, vaiamos co tema sobre o que pretendo escribir: O Camiño Francés. Teño investigado algunha cuestión relacionada co nome do Camiño, e a idea de publicar algo no blog veume cando escoitaba a Andrade Cernadas, que falou, e ben, dos camiños de Santiago e dos peregrinos. Incidiu, sobre todo, no erro de retroproxección que se comete cando se pensa que a importancia actual da vía e o tipo de peregrinos que a percorren resultan extrapolables ó pasado. Algúns datos que deu: na época de Xelmirez os documentos apenas falan dos peregrinos; a única etapa de peregrinacións masivas anterior á actual sería a Baixa Idade Media, na que os máis chegarían por mar desde as illas británicas; nos séculos XIX e XX os peregrinos a Santiago foron escasísimos (no ano 1972, por exemplo, soamente se entregaron 67 Compostelas). O verdadeiro despegue do Camiño produciríase no ano 1993, co Plan Xacobeo, eminentemente turístico, impulsado por Fraga. Tamén sinalou o profesor algo que xa sabíamos: os camiños de Santiago eran vías por onde circulaban viaxeiros con distintas motivacións; algúns deles, seguramente os menos, eran peregrinos a Santiago por devoción relixiosa.

Citou Andrade Cernadas o Camiño Francés, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, etc. Todo isto parece clarísimo: o Camiño Francés é o camiño que vén de Francia, o Inglés é o que vén de Inglaterra, o Portugués de Portugal, etc. Pero eu penso que hai algún problema. Por exemplo, un documento dunha concordia entre o Arcebispo de Santiago e o Conde de Altamira, do ano 1554, sobre a ocupación e espolio dalgúns lugares e fortalezas do primeiro, fala das cinco feligresias del camino frances. Sorpresa: estas feligresías, que se corresponden coas actuais de Bruma, Ardemil, Leira, Poulo e Buscás, todas do concello de Ordes, non está a carón do que agora coñecemos por Camiño Francés senón do Camiño Inglés! Como se entende isto? Pois, para comezar, aceptando que as cousas case nunca son tan sinxelas como se presentan.

Principiarei cunha afirmación que pode sorprender: o nome orixinal do que agora coñecemos como Camiño Francés non era Camiño Francés. En efecto, cando se revisa a documentación medieval de Galicia, as primeiras referencias indubidables do Camiño de Santiago, que son do século XII, refírense a el como: caminum Francorum, iter Francorum, vie Francorum e stratam Francorum, denominacións que poñen de manifesto que se trata do camiño ou vía dos francos, pero nunca dun camiño que vén de Francia, circunstancia normal se temos en conta que Francia aínda non era unha realidade totalmente definida como país. Mesmo na guía do camiño do Liber Sancti Jacobi (o Códice Calixtino) as denominacións que aparecen son via e ytinere Sancti Iacobi, e dúas veces se cita, dentro de Compostela, a viam Francigenam, concretando que se trata da rua onde se atopan os cambistas, os taberneiros e os comerciantes; pero nunca se fala do Camiño Francés, aínda que asi apareza nalgunhas traduccións pouco rigorosas. Na realidade, a denominación de Camiño Francés non aparece nos documentos ata un século máis tarde, e soamente se fará común a partir de mediados do século XIII. Adoita explicarse isto dicindo que “francos” eran os que viñan de Francia e que polo tanto as dúas denominacións resultan equivalentes. Pois tampouco! O tema é complexo, pero podemos resumilo dicindo que franco, na Idade Media, podía significar dúas cousas: extranxeiro (pero non exclusivamente francés) e home libre ou exento de certas cargas (a iso se refiren os comúns fueros de francos). É certo que o apelativo franco tivo na súa orixe un carácter estritamente étnico, referente a individudos pertencentes ó pobo xermánico dos francos; pero desde o século VI, ou talvez desde algo antes, pasou a significar tamén ‘home libre’, pénsase que por derivar en última instancia da raiz gótica freis-, da que vén o alemán moderno frei  e o inglés free. Máis tarde,  a gran extensión que alcanzou o regnum francorum -toda a Francia actual, gran parte da Alemaña, Hungría, Chequia, os Países Baixos, Italia e incluso unha parte da Península Ibérica (a Marca Hispánica)-, fixo que fosen coñecidos co apelativo común de francos tódolos habitantes deses territorios. A pesar de que o tratado de Verdum, do ano 843, estableceu a división do regnum francorum en tres partes, a denominación de francos seguiuse utilizando para os habitantes do total do antigo reino; así o demostra, por exemplo, o nome común de francos que recibían os cristiáns que participaban nas cruzadas (séculos XI-XIII), con independencia do país de orixe. En sintonía con isto, hai que apuntar que o primeiro rei que abandona a antiga fórmula de rei dos francos para pasar a denominarse rei de Francia foi Felipe II “Augusto” (1180-1223), xa a cabalo dos séculos XII e XIII. Da voz francigenae din Vázquez de Parga, Lacarra e Uría no seu monumental traballo “Las peregrinaciones a Santiago de Compostela”: «cobra en los diplomas un sentido más general de “extranjero”, cualquiera que sea su procedencia. Exactamente lo mismo ocurre en Italia e Inglaterra, donde bajo el nombre de francigenae se incluía a tolos los que no se demostrara eran ingleses o italianos.».

Pero, por que o Caminum Francorum pasa a ser Camiño Francés? Pois penso que a razón fundamental está na aparición do substantivo e adxectivo franceis (>français), que comeza a documentarse a principios do século XII, derivado de franc ‘franco’ (do lat. medieval francus, xen. franci, á súa vez dun xermánico frank ‘libre, exento’). Outro adxectivo derivado do mesmo substantivo era francisco, que cualificaba obxectos, sobre todo relixiosos, de orixe ou estilo franco, equivalente a romano e por contraposición a mozárabe hispano. Non debemos esquecer que foi o Camiño a principal vía de introducción do rito litúrxico romano que acabou impoñéndose totalmente ó antigo rito hispano no reinado de Afonso VI . Foi parte da chamada reforma gregoriana que algúns non dubidan en chamarlle Carolinxia, por canto conseguía facer realidade as aspiracións do Imperio fundado por Carlomagno, entre elas a unificación litúrxica. Curiosamente, e non por casualidade, camino francisco foi a denominación intermedia do Camiño, moi común na primeira metade do século XIII, entre o antigo caminum francorum e o novo camino frances. En suma, os primeiros Camiño Francés aínda fan referencia ó franco, sospeito que cun gran peso do significado relixioso, e nada ten que ver ese nome con que a orixe de tal camiño estivese en Francia. Pero, claro, a conformación definitiva de Francia como país, que toma o seu nome do baixo latín Francia ‘o país dos francos’ – un exemplo claro da diferencia entre o concepto desa antiga Francia e a posterior vese ó estudar que cando os francos ocuparon a Galia, os galos chamábanlle ós francos “xermanos”), irá facendo que se perda o significado orixinal do nome do Camiño e se vaia asumindo o que agora temos, dun camiño que principia en Francia, un xeito de etimoloxía popular algo sutil, pero etimoloxía popular ó fin e ó cabo. A maiores, as fontes hispanas tamén aclaran como o primeiro significado do adxectivo francés era ‘franco’; así, cando Afonso X, autor dalgunha das primeiras referencias que temos do uso do adxectivo francés en España,  relata os feitos lendarios dos exércitos de Carlomagno na península Ibérica, ós francos chámalle franceses,  e cando se refire ó rito relixioso romano ou franco, chámalle officio frances.

Aínda así, quedaría por explicar por que aparecen camiños, como o citado ó principio do traballo, que levan a denominación de camiño francés e son distintos do antigo caminum francorum. Podería pensarse que o elemento relixioso da peregrinación unificara tal denominación para todos os camiños de Santiago. Pero non: están documentados camiños franceses que non van a Santiago. Por exemplo, nun apeo de San Clodio do ano 1565 aparece unha leira de viña nas proximidades da Ponte San Clodio que linda  “por vajo en el camino frances”, que non era outro có antigo camiño que viña de Ribadavia para San Clodio pola marxe esquerda do Avia. Claro que este camiño, por ter continuidade ata Compostela, tamén podería ser considerado un camiño de Santiago, por certo tan ou máis importante ca moitos dos que agora están considerados e protexidos como camiños de Santiago, pero diso poderíamos falar noutra ocasión. O que xa non deixa lugar a dúbidas é, por exemplo, un deslinde do ano 1560, dunha leira en Ponte Caldelas,  que estaba situada “al longo del camjño franzes qe bay pa Ribadabja”, é dicir, a carón do camiño de Pontevedra a Ribadavia, e ese si que non ía a Santiago. Cal pode ser a explicación? Pois, en resumo, que o singular réxime xurídico que acadou  o Camiño Francés, libre para tódalas persoas e soamente suxeito á xurisdición real, comezou a aplicarse a outros camiños que por iso recibiron o nome de camiños franceses. Non obstante, esa denominación xa comezou a declinar nos séculos XIV e XV, substituída pola de Camiño Real, que sería, en definitiva, a que se mantería. Dese xeito, no século XVI xa eran raras as referencias a camiños franceses, e no XVII practicamente desapareceron. Por iso agora nos sorprenden tanto. 

Moitas máis dificultades e escuridades, tanto de tipo histórico coma lingüístico, hai relacionadas cos Francos; por exemplo no topónimo homónimo, bastante habitual en Galicia, que se asocia a miúdo, e con pouco fundamento, coas peregrinacións a Santiago, e con outros topónimos aparentemente relacionados, caso de Francelos. Pero, por hoxe, coido que xa é suficiente.

*Mapa falso do Camiño Francés, que incluso está á venda nalgún museo. Foi realizado polo artista francés Daniel Derveaux nos anos setenta. El foi un dos que soubo “poñer en valor” o Camiño.


No hay comentarios: