Cando eu era mozo contábase moito aquel conto de dous amigos que van
camiñando polo deserto –non se sabe a conta de que-. De repente, un deles é
atacado por unha serpente velenosa que o
morde xusto no pene. O outro, disposto a axudar, saca unha guía de
primeiros auxilios e busca que facer en casos coma este. No apartado
correspondente le: “aplíquese a boca no lugar onde se produciu a mordedura e succiónese
con enerxía o veleno para logo cuspilo. Repetir a operación varias veces.”.
Cando o accidentado, dorido e angustiado, pregunta que pon o libro, o
compañeiro co semblante apenado contesta: que hai que morrer, Manoliño! Que hai
que morrer! Venme o conto á memoria cada vez que escoito a políticos e
tertulianos repetir coma loritos esa
matraca de que diante da crise na que nos atopamos non hai alternativas: as
políticas de austeridade e recortes masivos que aplica o goberno son as únicas
posibles! Ou isto ou a catástrofe! A todos eles pásalles o mesmo có “amigo” de
Manoliño: claro que hai alternativas, pero non lles conveñen, por iso negan a
súa existencia! Incluso no caso de que non se coñecesen habería que buscalas,
porque non se podería falar de democracia nin de liberdade se os individuos non
puidesen imaxinar e defender que as cousas poden mellorar, e máis cando resulta
evidente que van rematadamente mal para moitos concidadáns. En paralelo, eses
defensores da claudicación diante da ortodoxia neoliberal, centrada en cargar o
peso dos axustes nos traballadores e en desmontar un estado de benestar
traballosamente establecido –que non caeu do ceo coma o maná, como algúns
parecen pensar-, convértense en reemisores
de mentiras masivas que, repetidas unha e outra vez desde os sancta sanctorum mediáticos, acaban transformándose en verdades absolutas
para unha boa parte da poboación. Mentres, outra parte da sociedade máis
informada, e non menos importante, cansa de tales mentiras, amosa unha crecente
desconfianza diante todo o que ten que ver coa política, cos políticos e coas
institucións. En suma, o sistema democrático vese seriamente debilitado tanto
pola ignorancia coma polo escepticismo. E isto resulta moi preocupante. No caso
de España, a especial gravidade con que a crise se manifesta obriga a axustes
máis severos e profundos e, en consecuencia, o grao de falsidade das mentiras
que se contan é notablemente maior ca noutros sitios. Non se trata de facer
aquí unha análise exhaustiva das mentiras difundidas, das verdades ocultas
e das alternativas posibles, obxectivo
que, evidentemente, cae fóra tanto das miñas capacidades coma do espazo
razoable dunha entrada de blog. Non obstante, citarei algunhas que considero
especialmente relevantes.
Como todo o mundo sabe, a parte máis importante dos axustes recae sobre os
traballadores -vía baixada de salarios, paro e precarización do emprego- e sobre
o estado do benestar –vía recortes sociais-, por iso os elementos fundamentais
das mensaxes ortodoxas son dous: o primeiro, é preciso baixar os salarios e
eliminar as rixideces no mercado de traballo para facerse máis competitivos e
volver a crear emprego; o segundo, hai que recortar as prestacións sociais e o
tamaño excesivo do sector público para diminuír o déficit. Hai unha verdade fundamental
que ninguén pon en dúbida, a das débedas por pagar! E a cuestión que realmente
se discute non é outra ca esta: quen as vai
a pagar? A resposta razoable parece que debería ser: os que as xeraron! Así
pasa coas privadas das familias e das empresas. Pero, hai un problema co outro
grupo de axentes que máis débeda creou, os bancos e os fondos de inversión a
eles ligados, que non están pola labor; despois de facer multimillonarios ós
seus xestores e de estafar a millóns de pequenos inversores, decláranse incapaces
de tal cousa, a menos que se lles inxecte diñeiro público. Que significa isto?
Que din que pague Xan Pobo! Pero isto non se pode presentar así, con esa
crudeza, e por iso se monta a principal e gran mentira, que consiste en dicir:
si, nos bancos houbo algunha cousa fea e os directivos eran uns malvados, pero
os culpables principais da débeda que nos afoga foron os cidadáns
irresponsables, que se endebedaron por encima das súas posibilidades, e un
sector público sobredimensionado e cargado de privilexios que nos leva directamente
á ruína.
A falsidade da primeira parte da mentira resulta evidente: os cidadáns que
se endebedaron por encima das súas posibilidades presentes, na súa gran maioría,
non eran nin son uns irresponsables, só confiaban en poder traballar –como lles
garante a Constitución-, e simplemente foron obxecto dunha gran estafa na que
participaron os promotores inmobiliarios, os bancos e os propios gobernos,
responsables todos eles do inchamento da burbulla inmobiliaria. Porque estafa é
facer medrar artificialmente o prezo das cousas e vendelas por un moi superior
ó que lles corresponde; porque estafa é colocar préstamos hipotecarios sen
explicarlle ós cidadáns que a entrega da vivenda non cancelaría o total da
débeda en caso de impago - sexamos sinceros, cantos cidadáns eran conscientes
de que a dación da vivenda non cancelaría o total da súa débeda?-; porque estafa
é colocar preferentes entre os paisanos coma se fosen depósitos a prazo; porque
estafa é facerlle subscribir ós cidadáns fondos de pensións cheos de activos
tóxicos asegurándolles que a súa rendibilidade a longo prazo sería segura -cantos
españois non teñen agora menos cartos neses fondos cós que meteron?-. Por non
falar dos fondos de inversión. E estafa é, por último, facerlle crer á xente
que todos os sacrificios que se lle piden agora son para asegurarlles un futuro
mellor, cando a única razón é garantir o cobro das débedas por parte dos nosos
acredores –bancos de Alemaña, Francia e EE UU fundamentalmente-; e se urxen o
rescate é polo mesmo, polo seu propio interese e non polo noso. Entón, que hai
da futura recuperación? Pois xa se verá, queda confiada ó cumprimento dun
importante principio universal: nunca choveu que non escampase!
Vaiamos coa segunda parte da mentira, esa de que en España temos un sector
público sobredimensionado. Aquí resultan fundamentais os números. Para comezar
hai que dicir que é totalmente falso que o Estado Español estivese máis
endebedado cós outros cando se desencadeou a crise; ó contrario, a débeda
pública roldaba o 36% do PIB, mentres a media da UE estaba arredor do 60%. Mesmo
nos datos do pasado ano 2011, España roza o 70% neste mesmo indicador, mentres
a media da zona euro está no 87% do PIB
–a dos “exemplares” Francia, Reino Unido, Alemaña ou EE. UU. superan o 80%-. Tampouco
é certo que teñamos unha administración pública sobredimensionada. Uns datos
clarificadores: en España 1 de cada 15,7 habitantes é traballador público; en
Francia é 1 de cada 9,6; no Reino Unido 1 de cada 9,8; en Alemaña 1 de cada
13,7; por non falar de Suecia, onde hai un traballador público por cada 7,1
habitantes, ou Dinamarca onde o índice é 1 por cada 5,7. Non, nada de sector
público sobredimensionado, dentro da UE-27 soamente Italia, Portugal e Austria
teñen menos traballadores públicos en termos relativos ca España. E, que dicir
do gasto social? No ano 2008, xusto cando entrábamos na crise, España seguía
estando á cola da UE en gasto social, cun 41,1% do PIB, situándose no posto 20
dos 27 da UE (media 46,8%), fronte a un 43,7% de Alemaña ou un 47,3% no Reino
Unido, e moi lonxe de Francia (52,7%) ou Suecia (53%), estando por debaixo da
media en tódolos compoñentes deste gasto (protección social, sanidade,
educación e servizos públicos). Agora estaremos bastante peor. E todo isto non
é óbice para que non se deba recoñecer a mala xestión, en moitos casos, dos
servizos públicos en España. A miña opinión é clara a este respecto: temos un
sector público pouco desenvolvido, en relación coa UE, pero peor xestionado!
Opino tamén que unha boa parte desa mala xestión radica na ideoloxía ortodoxa
imperante: todo o público debe funcionar mal!, pois non hai mellor maneira de
que as cousas se cumpran ca crer nelas. Esta mensaxe de que todo o público
funciona mal, coma todas as mensaxes, non é inocente, detrás dela está a cobiza
do capital que persegue con tenacidade facerse cargo de grandes áreas de
negocio dentro do sector público, primeiro foron as privatizacións de sectores
estratéxicos (isto xa está feito en gran medida) e agora é a concesión de
importantes servizos sociais (sanidade, educación, protección social,...),
áreas rendibles e seguras, as características máis demandadas polos grandes inversores
nunha época na que a norma é a incerteza nos resultados.
Hai que pagar o que se debe. Evidentemente! Pero, nin os traballadores nin
o sector público teñen que apandar co total desa pesada carga. Algunha idea. Con
respecto ós traballadores, convén saber que España foi o único país da OCDE no
que os salarios non subiron en termos reais entre os anos 1995 e 2005; mentres,
o peso da masa salarial no PIB estaba no ano 2008 no 60,21%, por debaixo do 68%
do ano 1960(!) e lonxe do máximo do 73,63% do ano 1976(!). Polo tanto, o
aumento de riqueza do país non foi parar ós traballadores que se diga. Con
respecto ó sector público, resulta evidente que temos un gran problema co déficit
(diferencia entre ingresos e gastos públicos), pasamos dun superávit do 1,9% no
ano 2007 a
un déficit do 9,40% no pasado 2011, o maior da UE xunto co de Grecia. Non
obstante, a aumento do déficit español non radica no aumento do gasto público,
por debaixo da media europea, senón no derrube dos ingresos. No 2011 os
ingresos públicos foron do 35,1% do PIB, fronte ó 45,2% de media da UE; unha
escandalosa diferencia de 10 puntos que explicaría de por si todo o déficit do
2011. Como apunta Manuel Lago, o máis grave e indignante destes datos é que os
tipos nominais dos impostos que pagamos en España son similares á media
europea, pero a recadación é moito menor. Por que? Pois porque hai unha gran
rede de deduccións e desgravacións fiscais para as empresas e para os máis
ricos e porque hai un gran fraude fiscal. Se esas dúas variables que acabo de
mencionar estivesen nas coordenadas do resto dos países da UE, España estaría
nuns niveis de déficit semellantes ós da media europea. Resulta moi
significativo que o derrube de ingresos se deba sobre todo á baixada de
recadación no imposto de sociedades, un imposto que apenas é responsable dun
26% do total dos ingresos tributarios; a mesma sorpresa causa saber que o
salario medio de traballadores e pensionistas declarado a facenda sexa de
arredor de 19.000 euros, mentres o dos pequenos empresarios e profesionais
liberais, si eses que presumen de Audi, Mercedes e BMW, sexa tan só duns 11.000
euros... E que dicir do fraude fiscal das grandes empresas e dos bancos? A
propia Axencia Tributaria estima que o 74% do total do fraude fiscal céntrase
nestes grupos, cun montante anual duns 44.000 millóns de euros. No que se
refire á economía somerxida, tódolos estudos sitúan o seu nivel en España entre
o 20 e o 25% do PIB, á cabeza deste triste ranking con Italia e Grecia, e entre
10 e 15 puntos por encima de países como Francia, Reino Unido ou EE UU. A
facenda pública deixaría de ingresar, segundo os propios técnicos de facenda,
arredor de 90.000 millóns cada ano por este concepto; só con rebaixar ese
fraude ós niveis medios de Francia ou o Reino Unido recadaríanse uns 25.000
millóns de euros adicionais. Por que non se corrixe todo isto? Porque, por
moito que se diga, non interesa.
E non quixera rematar esta entrega sen dedicar alomenos unhas liñas ó
principal drama de todo isto, ó paro. Tamén hai alternativas. A máis
importante, sen dúbida, é a do reparto do traballo. Xa escribín sobre isto
nalgunha outra ocasión e habería que escribir máis e con máis detalle. Por que
en Alemaña, que tivo un dos maiores descensos do PIB na crise 2008-2009 (4,7%),
aumentou o emprego nun 1,2%, mentres en España (-3,7% do PIB) caeu 9,7 puntos?
Pois, entre outras cousas, porque o sistema de coxestión de moitas empresas
alemanas, entre empresarios e traballadores, levou á reducción do tempo de
emprego (reparto do traballo) e non á eliminación de postos de traballo, como
sucedeu aquí. Hai pouco máis dun mes
estiveron en España Lord Robert Skidelsky, o biógrafo
de Keynes -un dos primeiros defensores da reducción da xornada laboral, para
amortecer o negativo impacto que terían os avances tecnolóxicos sobre o emprego-,
e o seu fillo Edward presentando o libro
“¿Cuánto es suficiente? Qué se
necesita para una buena vida”. Cando nunha entrevista lles preguntaron polo que propoñían
en concreto, contestaron: “Propoñemos varias medidas para conseguir reducir o
número de horas traballadas, entre elas un imposto sobre o consumo progresivo.
No lugar de gravar os ingresos gravar o consumo para desincentivalo. Os bens
máis caros deberían pagar máis impostos. Tamén propoñemos unha renda universal,
non unha renda moi alta, para todos os cidadáns independentemente da súa
situación laboral, para que poidan elixir canto tempo queren traballar. Por
último, avogamos polo reparto do emprego. O problema dos países ricos non é un
problema de crecemento, senón de desigualdade, dunha distribución máis
equitativa dos recursos que xa existen… O problema está na insaciabilidade dos
individuos (subestimada por Keynes) e na capacidade do sistema para inventar e
crear novas necesidades de consumo nos individuos.”.
*Pódese descargar o libro "Hay alternativas. Propuestas para crear empleo y bienestar social en España", de Vicenç Navarro, Juan Torres López e Alberto Garzón Espinosa, con prólogo de Noam Chomsky.
1 comentario:
Thanks for sharing, nice post! Post really provice useful information!
Công ty vận chuyển hàng nước ngoài FadoExpress, hàng đầu chuyên vận chuyển, chuyển phát nhanh siêu tốc đi khắp thế giới, nổi bật là dịch vụ gửi hàng đi mỹ, gửi hàng đi nhật và gửi hàng đi pháp và dịch vụ chuyển phát nhanh đi hàn quốc uy tín, giá rẻ
Publicar un comentario