sábado, 24 de noviembre de 2012

Condena da claudicación



Cando eu era mozo contábase moito aquel conto de dous amigos que van camiñando polo deserto –non se sabe a conta de que-. De repente, un deles é atacado por unha serpente velenosa que o  morde xusto no pene. O outro, disposto a axudar, saca unha guía de primeiros auxilios e busca que facer en casos coma este. No apartado correspondente le: “aplíquese a boca no lugar onde se produciu a mordedura e succiónese con enerxía o veleno para logo cuspilo. Repetir a operación varias veces.”. Cando o accidentado, dorido e angustiado, pregunta que pon o libro, o compañeiro co semblante apenado contesta: que hai que morrer, Manoliño! Que hai que morrer! Venme o conto á memoria cada vez que escoito a políticos e tertulianos repetir coma loritos esa matraca de que diante da crise na que nos atopamos non hai alternativas: as políticas de austeridade e recortes masivos que aplica o goberno son as únicas posibles! Ou isto ou a catástrofe! A todos eles pásalles o mesmo có “amigo” de Manoliño: claro que hai alternativas, pero non lles conveñen, por iso negan a súa existencia! Incluso no caso de que non se coñecesen habería que buscalas, porque non se podería falar de democracia nin de liberdade se os individuos non puidesen imaxinar e defender que as cousas poden mellorar, e máis cando resulta evidente que van rematadamente mal para moitos concidadáns. En paralelo, eses defensores da claudicación diante da ortodoxia neoliberal, centrada en cargar o peso dos axustes nos traballadores e en desmontar un estado de benestar traballosamente establecido –que non caeu do ceo coma o maná, como algúns parecen pensar-, convértense en reemisores de mentiras masivas que, repetidas unha e outra vez desde os sancta sanctorum mediáticos,  acaban transformándose en verdades absolutas para unha boa parte da poboación. Mentres, outra parte da sociedade máis informada, e non menos importante, cansa de tales mentiras, amosa unha crecente desconfianza diante todo o que ten que ver coa política, cos políticos e coas institucións. En suma, o sistema democrático vese seriamente debilitado tanto pola ignorancia coma polo escepticismo. E isto resulta moi preocupante. No caso de España, a especial gravidade con que a crise se manifesta obriga a axustes máis severos e profundos e, en consecuencia, o grao de falsidade das mentiras que se contan é notablemente maior ca noutros sitios. Non se trata de facer aquí unha análise exhaustiva das mentiras difundidas, das verdades ocultas e  das alternativas posibles, obxectivo que, evidentemente, cae fóra tanto das miñas capacidades coma do espazo razoable dunha entrada de blog. Non obstante, citarei algunhas que considero especialmente relevantes.

Como todo o mundo sabe, a parte máis importante dos axustes recae sobre os traballadores -vía baixada de salarios, paro e precarización do emprego- e sobre o estado do benestar –vía recortes sociais-, por iso os elementos fundamentais das mensaxes ortodoxas son dous: o primeiro, é preciso baixar os salarios e eliminar as rixideces no mercado de traballo para facerse máis competitivos e volver a crear emprego; o segundo, hai que recortar as prestacións sociais e o tamaño excesivo do sector público para diminuír o déficit. Hai unha verdade fundamental que ninguén pon en dúbida, a das débedas por pagar! E a cuestión que realmente se discute non é outra ca esta: quen  as vai a pagar? A resposta razoable parece que debería ser: os que as xeraron! Así pasa coas privadas das familias e das empresas. Pero, hai un problema co outro grupo de axentes que máis débeda creou, os bancos e os fondos de inversión a eles ligados, que non están pola labor; despois de facer multimillonarios ós seus xestores e de estafar a millóns de pequenos inversores, decláranse incapaces de tal cousa, a menos que se lles inxecte diñeiro público. Que significa isto? Que din que pague Xan Pobo! Pero isto non se pode presentar así, con esa crudeza, e por iso se monta a principal e gran mentira, que consiste en dicir: si, nos bancos houbo algunha cousa fea e os directivos eran uns malvados, pero os culpables principais da débeda que nos afoga foron os cidadáns irresponsables, que se endebedaron por encima das súas posibilidades, e un sector público sobredimensionado e cargado de privilexios que nos leva directamente á ruína.

A falsidade da primeira parte da mentira resulta evidente: os cidadáns que se endebedaron por encima das súas posibilidades presentes, na súa gran maioría, non eran nin son uns irresponsables, só confiaban en poder traballar –como lles garante a Constitución-, e simplemente foron obxecto dunha gran estafa na que participaron os promotores inmobiliarios, os bancos e os propios gobernos, responsables todos eles do inchamento da burbulla inmobiliaria. Porque estafa é facer medrar artificialmente o prezo das cousas e vendelas por un moi superior ó que lles corresponde; porque estafa é colocar préstamos hipotecarios sen explicarlle ós cidadáns que a entrega da vivenda non cancelaría o total da débeda en caso de impago - sexamos sinceros, cantos cidadáns eran conscientes de que a dación da vivenda non cancelaría o total da súa débeda?-; porque estafa é colocar preferentes entre os paisanos coma se fosen depósitos a prazo; porque estafa é facerlle subscribir ós cidadáns fondos de pensións cheos de activos tóxicos asegurándolles que a súa rendibilidade a longo prazo sería segura -cantos españois non teñen agora menos cartos neses fondos cós que meteron?-. Por non falar dos fondos de inversión. E estafa é, por último, facerlle crer á xente que todos os sacrificios que se lle piden agora son para asegurarlles un futuro mellor, cando a única razón é garantir o cobro das débedas por parte dos nosos acredores –bancos de Alemaña, Francia e EE UU fundamentalmente-; e se urxen o rescate é polo mesmo, polo seu propio interese e non polo noso. Entón, que hai da futura recuperación? Pois xa se verá, queda confiada ó cumprimento dun importante principio universal: nunca choveu que non escampase!

Vaiamos coa segunda parte da mentira, esa de que en España temos un sector público sobredimensionado. Aquí resultan fundamentais os números. Para comezar hai que dicir que é totalmente falso que o Estado Español estivese máis endebedado cós outros cando se desencadeou a crise; ó contrario, a débeda pública roldaba o 36% do PIB, mentres a media da UE estaba arredor do 60%. Mesmo nos datos do pasado ano 2011, España roza o 70% neste mesmo indicador, mentres a media da zona euro  está no 87% do PIB –a dos “exemplares” Francia, Reino Unido, Alemaña ou EE. UU. superan o 80%-. Tampouco é certo que teñamos unha administración pública sobredimensionada. Uns datos clarificadores: en España 1 de cada 15,7 habitantes é traballador público; en Francia é 1 de cada 9,6; no Reino Unido 1 de cada 9,8; en Alemaña 1 de cada 13,7; por non falar de Suecia, onde hai un traballador público por cada 7,1 habitantes, ou Dinamarca onde o índice é 1 por cada 5,7. Non, nada de sector público sobredimensionado, dentro da UE-27 soamente Italia, Portugal e Austria teñen menos traballadores públicos en termos relativos ca España. E, que dicir do gasto social? No ano 2008, xusto cando entrábamos na crise, España seguía estando á cola da UE en gasto social, cun 41,1% do PIB, situándose no posto 20 dos 27 da UE (media 46,8%), fronte a un 43,7% de Alemaña ou un 47,3% no Reino Unido, e moi lonxe de Francia (52,7%) ou Suecia (53%), estando por debaixo da media en tódolos compoñentes deste gasto (protección social, sanidade, educación e servizos públicos). Agora estaremos bastante peor. E todo isto non é óbice para que non se deba recoñecer a mala xestión, en moitos casos, dos servizos públicos en España. A miña opinión é clara a este respecto: temos un sector público pouco desenvolvido, en relación coa UE, pero peor xestionado! Opino tamén que unha boa parte desa mala xestión radica na ideoloxía ortodoxa imperante: todo o público debe funcionar mal!, pois non hai mellor maneira de que as cousas se cumpran ca crer nelas. Esta mensaxe de que todo o público funciona mal, coma todas as mensaxes, non é inocente, detrás dela está a cobiza do capital que persegue con tenacidade facerse cargo de grandes áreas de negocio dentro do sector público, primeiro foron as privatizacións de sectores estratéxicos (isto xa está feito en gran medida) e agora é a concesión de importantes servizos sociais (sanidade, educación, protección social,...), áreas rendibles e seguras, as características máis demandadas polos grandes inversores nunha época na que a norma é a incerteza nos resultados.

Hai que pagar o que se debe. Evidentemente! Pero, nin os traballadores nin o sector público teñen que apandar co total desa pesada carga. Algunha idea. Con respecto ós traballadores, convén saber que España foi o único país da OCDE no que os salarios non subiron en termos reais entre os anos 1995 e 2005; mentres, o peso da masa salarial no PIB estaba no ano 2008 no 60,21%, por debaixo do 68% do ano 1960(!) e lonxe do máximo do 73,63% do ano 1976(!). Polo tanto, o aumento de riqueza do país non foi parar ós traballadores que se diga. Con respecto ó sector público, resulta evidente que temos un gran problema co déficit (diferencia entre ingresos e gastos públicos), pasamos dun superávit do 1,9% no ano 2007 a un déficit do 9,40% no pasado 2011, o maior da UE xunto co de Grecia. Non obstante, a aumento do déficit español non radica no aumento do gasto público, por debaixo da media europea, senón no derrube dos ingresos. No 2011 os ingresos públicos foron do 35,1% do PIB, fronte ó 45,2% de media da UE; unha escandalosa diferencia de 10 puntos que explicaría de por si todo o déficit do 2011. Como apunta Manuel Lago, o máis grave e indignante destes datos é que os tipos nominais dos impostos que pagamos en España son similares á media europea, pero a recadación é moito menor. Por que? Pois porque hai unha gran rede de deduccións e desgravacións fiscais para as empresas e para os máis ricos e porque hai un gran fraude fiscal. Se esas dúas variables que acabo de mencionar estivesen nas coordenadas do resto dos países da UE, España estaría nuns niveis de déficit semellantes ós da media europea. Resulta moi significativo que o derrube de ingresos se deba sobre todo á baixada de recadación no imposto de sociedades, un imposto que apenas é responsable dun 26% do total dos ingresos tributarios; a mesma sorpresa causa saber que o salario medio de traballadores e pensionistas declarado a facenda sexa de arredor de 19.000 euros, mentres o dos pequenos empresarios e profesionais liberais, si eses que presumen de Audi, Mercedes e BMW, sexa tan só duns 11.000 euros... E que dicir do fraude fiscal das grandes empresas e dos bancos? A propia Axencia Tributaria estima que o 74% do total do fraude fiscal céntrase nestes grupos, cun montante anual duns 44.000 millóns de euros. No que se refire á economía somerxida, tódolos estudos sitúan o seu nivel en España entre o 20 e o 25% do PIB, á cabeza deste triste ranking con Italia e Grecia, e entre 10 e 15 puntos por encima de países como Francia, Reino Unido ou EE UU. A facenda pública deixaría de ingresar, segundo os propios técnicos de facenda, arredor de 90.000 millóns cada ano por este concepto; só con rebaixar ese fraude ós niveis medios de Francia ou o Reino Unido recadaríanse uns 25.000 millóns de euros adicionais. Por que non se corrixe todo isto? Porque, por moito que se diga, non interesa.

E non quixera rematar esta entrega sen dedicar alomenos unhas liñas ó principal drama de todo isto, ó paro. Tamén hai alternativas. A máis importante, sen dúbida, é a do reparto do traballo. Xa escribín sobre isto nalgunha outra ocasión e habería que escribir máis e con máis detalle. Por que en Alemaña, que tivo un dos maiores descensos do PIB na crise 2008-2009 (4,7%), aumentou o emprego nun 1,2%, mentres en España (-3,7% do PIB) caeu 9,7 puntos? Pois, entre outras cousas, porque o sistema de coxestión de moitas empresas alemanas, entre empresarios e traballadores, levou á reducción do tempo de emprego (reparto do traballo) e non á eliminación de postos de traballo, como sucedeu aquí.  Hai pouco máis dun mes estiveron en España Lord Robert Skidelsky, o biógrafo de Keynes -un dos primeiros defensores da reducción da xornada laboral, para amortecer o negativo impacto que terían os avances tecnolóxicos sobre o emprego-, e o seu fillo  Edward presentando o libro “¿Cuánto es suficiente? Qué se necesita para una buena vida”. Cando nunha entrevista lles preguntaron polo que propoñían en concreto, contestaron: “Propoñemos varias medidas para conseguir reducir o número de horas traballadas, entre elas un imposto sobre o consumo progresivo. No lugar de gravar os ingresos gravar o consumo para desincentivalo. Os bens máis caros deberían pagar máis impostos. Tamén propoñemos unha renda universal, non unha renda moi alta, para todos os cidadáns independentemente da súa situación laboral, para que poidan elixir canto tempo queren traballar. Por último, avogamos polo reparto do emprego. O problema dos países ricos non é un problema de crecemento, senón de desigualdade, dunha distribución máis equitativa dos recursos que xa existen… O problema está na insaciabilidade dos individuos (subestimada por Keynes) e na capacidade do sistema para inventar e crear novas necesidades de consumo nos individuos.”.

Estas “utopías” son as que non lle gustan nada a dous dos nosos máximos defensores da claudicación, Barreiro Rivas e Blanco Valdés, que menosprezaron en sendas columnas – “Día de resaca y caldo limpio” e “Bien, ¿yahora, qué?”-, desde as súas privilexiadas tribunas, o papel das protestas do 14-N na rúa. E non me estraña, pois eles serían os primeiros que deberían deixar algunhas das súas múltiples ocupacións, todas compatibilizadas cos seus seguros e nada mal pagados traballos de funcionarios públicos, por exemplo en beneficio de moitos traballadores que, dedicados en corpo e alma ó periodismo profesional desde hai décadas, os están mandando á rúa nesas mesmas empresas nas que eles colaboran, e que parecen dispoñer de fondos suficientes para pagarlle a numerosos tertulianos pluriempregados pero non ós seus traballadores. Por certo, cando preparan as súas clases estes dous esforzados cabaleiros?

*Pódese descargar o libro "Hay alternativas. Propuestas para crear empleo y bienestar social en España", de Vicenç Navarro, Juan Torres López e Alberto Garzón Espinosa, con prólogo de Noam Chomsky.



1 comentario:

truongmuunghenhan dijo...

Thanks for sharing, nice post! Post really provice useful information!

Công ty vận chuyển hàng nước ngoài FadoExpress, hàng đầu chuyên vận chuyển, chuyển phát nhanh siêu tốc đi khắp thế giới, nổi bật là dịch vụ gửi hàng đi mỹ, gửi hàng đi nhậtgửi hàng đi pháp và dịch vụ chuyển phát nhanh đi hàn quốc uy tín, giá rẻ