Enumeraba Sánchez Cantón as tres causas que moven a viaxar: «necesidad, oficio y gusto»; e informaba das palabras que en castelán definen a acción de cada unha: «Llámase viajero el sujeto de la primera acción; viajante el de la segunda, y el de la tercera viajador, vocablo que debiera difundirse para destierro de turista, que es feo anglicismo.». Temos en galego "viaxeiro" e "viaxante", e carecemos de viaxador. Pero hai "vagaxeiro" ‘vagabundo, peregrino’, que é voz antiga, da que xa dá conta Sarmiento, pola que sinto especial predilección desde que Víctor Campio se presentara como “eivado vagaxeiro” nun dos máis fermosos sonetos da poesía galega.
E non hai tempo no que a xente sinta máis necesidade de vagar, de vagaxear, de moverse polo simple feito de moverse, ca este de Semana Santa cando se presenta claro e soleado, como se presentou este ano. Por iso Galicia apareceu chea de vagaxeiros, presentando unha animación como xa non se lembraba: os das cidades foron ás aldeas e ás vilas, os das aldeas e vilas ás cidades, os do interior á costa, os da costa ó interior, os da montaña ós vales, os dos vales á montaña, os que estaban fóra volveron uns días… E no medio deses todos vagaxeiros, tamén había algún turista… Pero non esquezamos que só un de cada dez galegos saíu de vacacións esta Semana Santa. Así que a maior parte do negocio dos taberneiros, tampouco se debería ignorar, veu dos vagaxeiros autóctonos.
Polo que a min respecta, armado cun libriño polas mañás e vagaxeando polas tardes, fun dos que me quedei, para desfrutar dos primeiros cantos do cuco e desta primavera que nace, florida e luminosa coma poucas. Aquí estase ben e os vagaxeiros de Baudelaire acaban descubrindo no ignoto o mesmo tedio que deixaron na casa… Ademais, o libriño era de viaxes; das de Nicolás de Popielovo, un aventureiro nobre e natural de Silesia que visitou a Península Ibérica no ano 1484, apenas cinco anos despois da conclusión da guerra de sucesión e do inicio do reinado conxunto dos Reis Católicos. A min sempre me interesou a visión dos estranxeiros, exenta das paixóns perturbadoras propias dos escritores nacionais. E apunta Popielovo cousas de grande interese, aparte das puramente xeográficas. Observaba, por exemplo, un gran parecido entre galegos e portugueses, non no físico, senón «en groseiros, parvos, incapaces de boas costumes e ignorantes, a pesar de crerse os máis sabios do mundo». Aínda que logo dicía dos andaluces que nos superaban en todo iso. Só nas terras da Coroa de Aragón comezou Popielovo a recoñecer «xente de mellores e máis dignas costumes». E vexan o que dicía dos Reis: «É preciso constar un contrasentido… a Raíña é Rei, e o Rei o seu servidor… O Rei non pode facer nada sen o permiso da Raíña», e máis adiante, «din moitos que a Raíña protexe ós xudeus e que ela mesma é filla dunha xudía». E penso eu na pouca xente que sabe que tanto Fernando coma Isabel presentaban ascendencia xudía, aínda que fose distante, ou desa primeira política dos Reis Católicos favorable ós xudeus, que logo mudaría. Tampouco, a pesar dos esforzos de Américo Castro, se sabe que a maior parte da poboación eran naturais de relixión xudía ou musulmana, e non estranxeiros desas razas, como segue pensando a maioría: «Os reinos de España están habitados por xudeus bautizados e conversos e tamén por infieis sarracenos, en moito maior número ca por cristiáns», anotaba Popielovo… Pero claro, estas cousas non se len nas guías turísticas, que moitos chegan a confundir cos libros de historia. E non resulta estraño, porque un dos obxectivos dos gobernos, desde hai anos, é converter o patrimonio cultural en obxecto de consumo turístico.
Artigo publicado no diario La Región o venres 10 de abril do 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario