Ás veces tenme preguntado algún alumno para que estudar física e química se, dada a súa vocación diferente, non lle vai valer para nada. Eu nunca me atrevín a facer o que contan que fixera Sócrates cun discípulo que lle propuxera unha pregunta semellante: déralle unhas moedas para que non dixese que non lle valera de nada escoitalo, e logo convidárao a que non aparecese máis pola clase. Ademais, ese comportamento socrático hoxe sería ilegal, por cuestión da educación obrigatoria, aínda que o mesmo Rousseau avisara da imposibilidade de ensinarlle algo a quen non quere aprender.
O Principio de Le Chatelier é un importante principio que leva o nome do químico francés que o estableceu a comezos do século XX. Refírese a cando un sistema químico ve alteradas as súas condicións de equilibrio e vese obrigado a abandonalo: nese caso, di o principio, o propio sistema reacciona opoñéndose á perturbación, ata que se alcanza un novo equilibrio. E veume á cabeza este principio agora que remata esta lexislatura e o goberno insiste en facer unha análise triunfalista da súa xestión da crise. Porque á economía tamén cabe aplicarlle o Principio de Le Chatelier: unha crise non é máis ca unha perturbación que empuxa ó sistema económico fóra do equilibrio no que se atopaba. Pero, desde o momento en que a perturbación se produce, tanto na química coma na economía, incluso diante da inacción dos axentes externos, o sistema reacciona e busca un novo equilibrio. Por iso as crises, por definición, son temporais. Agora ben, hai un matiz importante que fai que moitos alumnos non entendan convenientemente o Principio de Le Chatelier, que é o mesmo matiz que leva ó erro a bastantes cidadáns á hora de interpretar a saída das crises económicas; consiste en que o equilibrio que se alcanza despois da crise xa non é o mesmo có que existía. Porque o equilibrio post-perturbación, ou post-crise, é un equilibrio novo, que se adecúa ás novas condicións establecidas. Polo tanto, nunca se debería falar de recuperación á saída dunha crise económica. Ó contrario, o obxectivo debería ser analizar en que medida o novo equilibrio se diferenza do que existía antes. Non obstante, como dicía, tódolos gobernos nestas circunstancias, e o do PP non ía ser menos, adoitan botar man de tres ou catro indicadores económicos favorables -escollidos entre o PIB, a taxa de paro, a renda per cápita, a débeda, o déficit, a prima de risco, etc.-, para tratar de convencernos de que a crise xa pasou, e que estamos a piques de recuperar o estado previo á crise. Mentres, a obriga dos analistas sería descubrir a magnitude de tal mentira. Pero non é fácil.
Fixémonos no paro. Este ano electoral o goberno leva facendo o posible e ata o imposible para que a taxa de paro e o número de parados sexa menor có que había cando gañaron as eleccións do 2011. E hai que dicir que o está conseguindo, pois con datos da EPA, comparando o 3ºT do 2011 co 3ºT do 2015, a taxa de paro baixa nunha décima e o número de desempregados en 147.000 persoas. Non obstante, profundando nos mesmos datos descubrimos que hai catro anos había 436.000 ocupados máis cá agora, un número que case coincide co descenso de poboación activa neste período. E iso, xunto coa precariedade laboral e coa espectacular baixada das retribucións, foi o que fixo que os ingresos dos españois por salarios no ano 2014 fosen 40.000 millóns de euros (!!!) menos ca no 2011: todo un éxito.
E, que pasou con esas catrocentas e pico mil persoas que desapareceron das estatísticas do emprego, e das que máis de cen mil eran mozos galegos? Pregunten nas fronteiras, apliquen o Principio de Le Chatelier e valoren a acción do goberno.
Artigo publicado no diario La Región o sábado 7 de novembro do 2015
2 comentarios:
Fran. Vexo que o teu comentario foi eliminado. Desde logo, se o fixen eu foi sen querer. Encima era eloxioso...
Publicar un comentario