Se me preguntasen pola creación cultural que mellor reflicte o espírito
desta época, eu non diría nin a literatura, nin o cine, nin a pintura, … Diría a
publicidade. Ó meu ver, en ningunha outra obra creativa resulta tan importante
acertar coas verdadeiras crenzas, mitos, instintos, valores e intereses do
común da xente. É certo que as mensaxes publicitarias poden ser falsas –de
feito, raramente son veraces-, pero para que resulten eficaces deben dirixirse
ó auténtico espírito dos consumidores, especie á que todos pertencemos desde o
momento en que todo se converteu en mercancía.
Pero, dentro dese vasto mundo, permítanme que me centre nun dos grupos de
anuncios que ultimamente vén ocupando máis tempo publicitario: o dos xogos de
cartos con premios en metálico, fundamentalmente loterías e apostas. Ata hai
corenta anos este tipo de xogos limitábanse á quiniela e á lotería, o Estado
tiña o seu monopolio e en xeral os premios eran modestos, de xeito que tan só
raramente producían verdadeiros millonarios; mentres, eran relativamente
frecuentes os casos nos que sacaban a alguén dun apuro. Pero agora ambos xogos
están en decadencia, especialmente a quiniela: tiveron que ceder fronte a
outros nos que os premios son maiores, aínda que o número de agraciados se
reducise considerablemente. Trátase dunha proba manifesta de como a cultura
desta época ten potenciado a natural cobiza humana e de como “forrarse” pasou a
ser un dos soños máis comúns da xente, todo en liña cunha sociedade que é cada
vez máis individualista e menos solidaria. Por iso cada día, da mañá á noite,
os cidadáns somos bombardeados con mensaxes que falan de que “non temos soños
baratos”, dos “grandes” problemas da vida dos millonarios ou de como cada
semana nace un novo “homo multimillonarius”. E a todo isto, promovido con total
descaro desde a esfera pública, teríamos que engadirlle a publicidade sen
trabas que as grandes empresas do sector fan das apostas e dos xogos online,
especialmente cando os eventos deportivos, que son os que máis audiencia
convocan e cando a proporción de nenos e mozos –presas fáciles para este tipo
de publicidade- é maior. Baste dicir que a maioría dos clubs de fútbol están patrocinados
por algunha multinacional do xogo, e que moitas figuras deportivas, coma Cristiano,
Neymar ou Nadal, se teñen prestado para este tipo publicidade.
Os xogos de cartos estiveron mal vistos tradicionalmente, e o cristianismo
sempre os condenou, pero non tanto polo que teñen de xogo coma polos perigos
persoais e as lacras sociais que conlevan. Tales xogos e apostas animan ós
pobres e ás persoas con dificultades a gastar o diñeiro que non teñen coa
esperanza –totalmente irracional- de facerse ricos, mentres os que se valen ben
ou xa son ricos, aínda que gasten bastante máis, non experimentan perdas
apreciables. Na realidade, as loterías e as apostas –amén de grandes negocios-
son impostos camuflados totalmente regresivos, que axudan ós gobernos a evitar
o impopular aumento dos tributos recoñecidos como tales. Pero o realmente
obsceno é que sexan entes públicos os que, aproveitándose das dificultades dos
máis menesterosos e explotando os instintos máis baixos da xente, acudan á
publicidade máis agresiva deste tipo de
xogos, o mesmo que os gobernos permitan que a transmisión de eventos deportivos
se converta nunha caza desapiadada de posibles adictos ó xogo, provocando que moita xente se precipite na espiral
das débedas e das patoloxías da adición ó xogo. De momento, España xa é o
cuarto país do mundo onde máis se xoga, o número de ludópatas pasa do medio
millón, e o sector de idades que máis medra está entre 18 e 25 anos. Seguimos
progresando. Hagan juego señores!
Artigo publicado no diario La Región o domingo 7 de maio do 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario