Pensaba
escribir esta semana sobre as rosas, porque as de maio son as primeiras e as
máis fermosas. Ó meu xardín chegaron co mes, as brancas, as máis antigas e nobres segundo a mitoloxía
grega; pero as vermellas, primeiras na tradición xermánica, xas vira eu no
Ribeiro dúas semanas antes. Non obstante, as xeadas tardías, a nube negra de
corrupción que asombra España ou os números da declaración da renda son
circunstancias que, sumadas ás inquedanzas da esfera privada, deixan pouco
espazo para a contemplación estética e sentimental da raíña de maio, que non é
outra cá rosa. Talvez a felicidade plena consista en poder contemplar as rosas
de maio sen máis preocupación cá de gozar da elegancia das súas formas, da pureza das súas cores e da finura da súa
fragrancia. Pero a realidade imponse, e como antepoño eu o “docere” ó
“delectare”, decido escribir sobre outra rosa: a do PSOE. Unha rosa que este
país precisaría fresca e vigorosa e que hoxe
semella débil e mucha.
Porque o
panorama que presenta o PSOE diante das primarias é dramático. E se teño poucas
dubidas de que houbo e hai forzas importantes que traballaron e traballan desde
o lado escuro para dificultar unha nova chegada ó poder da esquerda, teño
moitas menos de que boa parte da culpa do lamentable estado no que se atopa o
PSOE, líder tradicional desa esquerda, reside nos seus propios dirixentes.
Neste senso, converterse en abandeirado das primarias e presentalas como proba
irrefutable da existencia de democracia interna nun partido puido ser un dos
maiores erros dos últimos anos.
Para
comezar, a experiencia de primarias no PSOE ten sido calamitosa: desde o
desastre da bicefalia Borrell/Almunia a que conduciron as primeiras, en 1998, á
fractura que provocaron as de 2014, cando Pedro Sánchez se impuxo a Madina.
Porque as primarias, en ausencia de medidas que afonden na transparencia e na
democracia interna, en vez de sela panacea salvadora da debilitada
credibilidade dos partidos, acaban converténdose nun campo de batalla onde os potenciais
votantes observan con estupor como as diversas faccións do partido se aniquilan
entre si. Ademais, debería saberse que a democracia representativa non é menos
democracia cá directa; ó contrario, constitúe o fundamento principal das
democracias contemporáneas, aínda que concordemos con Bobbio na necesidade de
complementar a democracia representativa coa directa. É por iso que a elección de cargos ou de
candidatos por vía congresual pode resultar tan ou tan pouco democrática coma
por vía de primarias. Porque o importante non son as primarias –en bastantes
países europeos que nos dan cen mil voltas en calidade democrática apenas se
realizan-, senón que o funcionamento dos partidos se democratice e a súa
transparencia aumente. Pero nin o PP nin o PSOE están pola labor; de aí que
sigamos esperando por unha lei de partidos equiparable ás das democracias
europeas máis avanzadas: iso si que sería loitar contra a corrupción.
En España, sabémolo todos, os partidos de goberno
convértense en axencias principais de colocación nos territorios correspondentes.
E son eses beneficiados dos partidos os que acaban conformando a masa
fundamental da militancia. Polo tanto,
cando votan, defenden antes que nada os propios intereses de permanencia nos
seus cargos ou nos seus traballos. Como é natural, a batalla campal desátase
cando, por perda de poder, hai pouco que repartir: o que lle pasa agora o PSOE.
Mentres, os candidatos a elixir e as políticas a aplicar pasan a ser algo
secundario. Así, non resulta raro que os líderes elixidos pola militancia
fracasen logo estrepitosamente diante do electorado. Atención.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 14 de maio do 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario