martes, 2 de mayo de 2017

Antonio Eiras Roel


No medio dun asombroso silencio do mundo da cultura, máis alá das obrigadas notas oficiais e  dun par de breves periodísticos, vén de deixarnos unha das figuras máis relevantes da intelectualidade galega do último medio século: Antonio Eiras Roel. Baste dicir que boa parte do relato histórico de Galicia que se ensina nos nosos institutos e nas nosas universidades está relacionado, dun xeito ou doutro, co maxisterio deste eminente profesor, catedrático de Historia Moderna. En última instancia, foi el o principal artífice da substitución da vella historia lendaria e narrativa que imperou en Galicia ata mediados do século pasado, pola que viña practicando en Francia a Escola dos Annales, creada por M. Bloch e L. Febvre a finais dos anos vinte. Tal cambio supuxo pasar daquela historia tradicional, onde semellaba que no mundo só houbera reis, papas, militares e guerras, a outra máis centrada en descubrir como vivira a xente nas diferentes épocas; e para iso precisábase da análise científica e rigorosa de fontes ata entón pouco exploradas: censos, libros de contas, protocolos notariais, etc.  Nese senso, a organización por Eiras Roel das I Xornadas de Metodoloxía Histórica Aplicada, celebradas en 1973 en Compostela, coa presenza de E. Labrouse, cabeza visible daquela de Annales e pai da historia cuantitativa e da introdución da estatística neste tipo de investigacións, marcou a definitiva incorporación da historiografía española á “revolución metodolóxica” que se espallaba desde Francia.
Máis alá dos seus traballos sobre a metodoloxía e as fontes –tamén fundou o Arquivo Histórico Universitario de Santiago-, case todo o que sabemos da historia da Galicia moderna, apenas estudada antes dos setenta, a pesar de constituír o fundamento histórico principal da Galicia contemporánea, mana da obra de Eiras Roel e da dos seus discípulos –porque se debe salientar que foi un dos principais creadores de escola dentro da Universidade de Santiago: Ramón Villares, Pegerto Saavedra, Ofelia Rey ou Mª Carmen Saavedra son só algúns dos brillantes historiadores en activo que formou-. A historia rural de Galicia, a demografía histórica, ou a emigración (era fillo de emigrantes galegos e nacera en Bos Aires en 1931) foron algúns dos temas que máis o ocuparon. Mención especial merece o seu interese polo estudo da Galicia institucional do Antigo Réxime, centrándose sobre todo no réxime señorial e nas Xuntas do Reino de Galicia, apartado este último no que dirixiu a edición de quince tomos das súas Actas por parte da Xunta. Un traballo que, por certo, entusiasmaba a Fraga, quen vía nas Xuntas o xerme da autonomía de Galicia. O empeño de Eiras nesta edición talvez explique a súa forzada aceptación en 1999 do cargo honorífico de Cronista Oficial do Reino de Galicia, que lle ofrecera o propio Fraga, pero que na práctica case nunca exerceu, pois o mundo deste home, que consideraba a Facultade de Filosofía e Letras de Santiago a súa verdadeira “patria espiritual”, era o académico.
Sei por alumnos seus que era persoa seria, pouco dada a confundir a ciencia e a docencia co espectáculo –algo que agora se leva tanto-, o que lle deu certa sona de home distante e introvertido; pero todos os que o trataron salientan a súa gran humanidade. Contábame un deses antigos alumnos como nun curso de terceiro ciclo solicitara de “don Antonio” poder retrasar a entrega dun traballo, por estar preparando unha oposición: «- prepare usted la oposición, que ahora es lo primeiro; yo le califico con sobresaliente y después ya me presentará el trabajo cuando pueda; porque estoy seguro que lo hará con el mismo rigor que si no estuviese calificado.». Resposta exemplar, do sabio e do home.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 30 de abril do 2017.

No hay comentarios: