sábado, 17 de marzo de 2012

Faramontaos


Pena Corneira, en Faramontaos (Carballeda de Avia)

No meu libro Nomes do Ribeiro(2007) hai unha entrada dedicada ó topónimo Faramontaos, o nome de catro parroquias de Ourense, unha delas en Carballeda de Avia, e de sete localidades galegas (seis en Ourense e unha en Lugo), ademais dun Faramontáns en Caldas de Reis (Pontevedra). Explico nesa entrada que o nome «vén de foramontanos, que podería interpretarse coma ‘os de fóra do monte’, que eran os habitantes da meseta que fuxían do avance musulmán entre os séculos VIII e IX». Esta explicación parecíame tan clara que non fixen máis pescudas sobre o topónimo: craso erro!

Algún tempo despois da edición do libro descubrín que Corominas dedicara a faramontano unha entrada no seu dicionario etimolóxico. Nesa entrada defendía algo totalmente diferente o que eu escribira: a orixe de faramontano estaría no portugués e galego foramontao «compuesto de foro ‘fuero, tributo foral’ y monte por su contribución a los servicios de monte y caza.». Seguía Corominas a antiga opinión do ilustrado portugués Fr. Joaquim de Santa Rosa de Viterbo, no senso de que a ese nome respondían os antigos enfiteutas, colonos e caseiros que pagaban o foro de montaría ou de monte. Unha vez revisado o Elucidario (1798) de Viterbo, teño que dicir que, a pesar das referencias documentais que aporta o eminente franciscano portugués, non me convenceron os seus argumentos, fundamentalmente porque as datas das referencias documentais que utiliza como soporte, dos séculos XII e XIII, son moi posteriores ás primeiras documentacións da voz e dos topónimos, do século X. Por iso tampouco comparto as explicacións de Corominas, tanto ó respecto de faramontano coma do topónimo Faramontaos. Dubida o eminente etimólogo que sexa autóctona de Galicia a primeira -a- dos Faramontaos galegos, e suxire que un primitivo foromontaos portugués pasaría por disimilación a foramontaos, que en terras leonesas se volvería faramontanos, e que esa forma, trasegada a Galicia, remataría nos Faramontaos toponímicos. Esa suposta peripecia viaxeira resúltame totalmente incrible e coido que hai que descartala completamente, sobre todo polo xa dito: o primeiro foramontaos documentado en Portugal é posterior ó primeiro Faramontanos documentado en Galicia. De tódolos xeitos, sempre me quedaron dúbidas acerca de se o verdadeiro significado de Faramontaos era o que eu lle daba nos Nomes do Ribeiro, tanto por non rematar de ver como se pasou de Foramontanos>Foramontaos, predominante na documentación medieval, a Faramontaos,  coma polo feito de que toponimistas destacados defendían as opinións de Viterbo e Corominas.

Máis tarde, lendo La historia rural francesa (1978, Ed. Crítica) de Marc Bloch, chamou a miña atención ó seguinte parágrafo: «De los nombres de nuestros pueblos, un buen número data de esa época. Algunos muestran que el grupo bárbaro era a veces un verdadero clan, una fara, son los Fère o La Fère, a los que corresponden en la Italia de los lombardos, formas exactamente análogas.». Decidín explorar entón a posibilidade de que fora o xermánico *fara ‘banda, estirpe, clan ou familia en movemento que emigra dun lugar para outro’ o que estivera detrás de faramontaos, de xeito análogo ó que aparece nos faramans que Du Cange (1688) testemuña como ‘xente inmigrante que ocupa terras’. Xa explorara Méndez Ferrín no seu consultorio dos apelidos galegos esta raíz no apelido Faramiñán: «Eu quixera ver en Faramiñán a palabra xermánica fara que Albert Dauzat explica para a onomástica francesa como “dominio dunha familia”. Asi Fara Aemiliani ou “dominio da familia de Aemilianus” sería o étimo de Faramiñán. Resultaría, así, a palabra un cruzamento de xermánico e latín, como os topónimos Faramenga (de Fara Dominica) ou Faramello (de Farea Aemilius), que en ambos casos usan o nominativo e non o xenitivo. Recoñezo que a explicación de Faramiñán,que antes foi Faramillán, non é doada nin simple…». Mentres, para Faramontaos cría Ferrín o mesmo ca min, que se trataba do xentilicio, «os que proceden de máis alá dos montes». Non obstante, en Faramiñán, Faramello, Faramillás e Faramiñás coido que o que hai son simples antropónimos de orixe xermánica, que presentan a raíz gótica fram-, de *frams ‘valente, valeroso’: Framilianis de Framilia (> Faramiñás, Faramillás), *Framilius (>Faramello?), *Framiliani de Framilia (>Framiñán e Faramiñán), e nada terían que ver con Faramontaos.

Elixio Rivas, o eminente filólogo de Xunqueira de Ambía, na súa Lingua Galega, Historia e Fenomenoloxía (1989), ademais de descartar a explicación de Corominas, tamén pensa que Faramontaos significa «‘os de para alá dos
montes, mais alá dos montes', parello a ultramontanos ou tramontanos.». Paréceme acertadísimo ese matiz de comparanza con ultramontanos e tramontanos. Non habería dese xeito ningunha asimetría en chamarlle faramontanos ós que ían de Castela a Cantabria, Asturias ou Galicia e o mesmo ós que ían desde estas terras a Castela –unha cuestión que leva incomodado moito a tódolos autores casteláns que se teñen ocupado deste tema-. Castela estaba máis alá dos montes para cántabros, astures ou galaicos, e Galicia, Cantabria e Asturias estaban máis alá dos montes para os casteláns. E, en ámbolos dous casos se trataba de terras de fóra para os que emigraban dunha a outra banda. Aparecen os camiños dos faramontanos entre Asturias e Castela, entre Cantabria e Castela, e incluso nos Pirineos: lóxico, por esas montañas pasaban os faramontaos/faramontanos, nunha ou noutra dirección, no seu peregrinar na busca doutras terras onde vivir. Quedou o rastro toponímico en Galicia, pero o fenómeno foi máis xeral e a palabra debeu manterse viva durante séculos, con esa equivalencia que sinala Elixio Rivas co castelán ultramontanos ou tramontanos. Por que soamente quedou en Galicia o rastro toponímico? Habería que estudalo, tal vez  sexa simple cuestión estatística (gran número de núcleos de poboación); de tódolos xeitos, na documentación do mosteiro de San Salvador de Oña (Burgos) figura un lugar de nome Foramontanos nun documento do ano 1265 que demostra que o topónimo non se restrinxía ó noroeste peninsular exclusivamente. En suma, creo que Elixio Rivas deu co significado exacto da voz e do topónimo. Faramontaos/Faramontanos eran xentes que atravesaran os montes, xente tramontana, ou ultramontana, que viñera de máis alá dos montes. Cousa diferente é aceptar que a etimoloxía axeitada sexa foramontanus, a pesar da abundancia documental de tales formas: 55 Foramontanos/ Foramontaos/ Foramontanis fronte a 2 Faramontanos no CODOLGA.

Parroquias e Localidades co nome de Faramontaos

Opinión ben distinta á de Méndez Ferrín, á de Elixio Rivas e á miña, con respecto a Faramontaos, tena o eminente profesor J. M. Pérez Prendes, quen se ocupou do tema dos faramontanos no discurso de investidura como doutor Honoris Causa da Universidade Carlos III no ano 2007. Neste discurso analízase en profundidade a interpretación duns feitos que as crónicas de Castela sitúan no ano 814: «In era DCCCLI [814] exierunt forasmontani de Malakouria et venerunt ad Castellam», na versión dos Annales Complutenses (p.a.1126). Trátase dunha cuestión central na Historia de España, por ser considerado este fragmento elemento decisivo na historiografía da formación do Reino de Castela. Pero, no que agora nos interesa, Pérez Prendes, despois de considerar o término foramontao como carente de calquera importancia na lista das habituais dereituras testemuñadas na documentación medieval portuguesa, opina que para Faramontanos e Faramontaos a explicación de Corominas resulta moi forzada: « me parece más posible y sencillo explorar la posibilidad germánica […] desde Jacob Grimm sabemos que “fara” significa línea, generación o estirpe…». E algo semellante xa debía pensar Amable Veiga Arias en 1983, cando en Algunas calas en los orígenes del gallego escribía: «Faramontaos, cuyo étimo acaso sea *Framontanos, con un prefijo (in)fra con el valor de trans; la anaptixis en un caso y quizá la etimología popular en el otro se encargaría de dar lugar a las formas conocidas.».

En efecto, dito todo isto, creo que hai que concordar con estes dous autores que, unha vez descartada a explicación de Corominas, a hipótese xermánica ten moitos visos de ser a verdadeira. A pesar dos numerosos foramontanos/Foramontanos que atopamos na documentación medieval, as dificultades fonéticas para explicar a única forma toponímica que rexistramos en Galicia, Faramontaos, o mesmo que os dous Faramontanos que hai en Zamora, parecen insuperables partindo do latín foras ‘fóra’. O que poderíamos chamar a argola perdida deste cuestión tal vez estea no indoeuropeo *per  ‘cara a, a través de’. Del veu non só  o latín per ‘a través de’ ou o grego peri ‘arredor de’, senón tamén un protoxermánico *faran que tivo ampla descendencia nas linguas xermánicas, entre outras, a raíz gótica fra-, que indicaría ‘orixe, procedencia’. Hai que considerar que, segundo a denominada lei de Grim, o son *p do indoeuropeo pasou a *f nas linguas xermánicas, mentres se mantivo no latín. Palabras con esta orixe son desde o alemán fahren ‘ir’ ó inglés from ‘desde’,  pasando polo suevo *fara (xénero, estirpe, familia) ou o saxón faren ‘ir a, viaxar a’. En todas estas voces mestúranse os significados de viaxe e orixe, de movemento e de grupo. No caso dos faramontaos, que tamén podería ser framontaos (Cabeza de Framontanos en Salamanca) –a mesma alternancia de Framiñán/Faramiñán ou farangulla/frangulla-, a semántica que parece máis apropiada é a de ‘os que viñeron cruzando os montes’: os forasteiros, os tramontanos, como dicía Elixio Rivas. Quedaría así clara a súa condición de xente foránea, de inmigrantes. A disposición xeográfica dos Faramontaos/Faramontáns galegos, arredor do camiño de entrada en Galicia pola provincia de Ourense, creo que apoia esta hipótese. Todos se localizan nesta provincia, salvo o de Pantón, que está na de Lugo, pero moi próximo ó de Nogueira de Ramuín, e o Faramontáns de Caldas de Reis, que sería a única excepción para ese marco xeral interpretativo. Parece entón que se trataría de inmigrantes que viñan de Castela. Fuxindo do avance musulmán entre os séculos VIII e IX? Esta xa me parece agora unha afirmación máis aventurada, sobre todo no de que fuxían dos musulmáns. De tódolos xeitos, non vos quero nin contar as historias que se levan montado á conta do brevísimo texto dos foras montani/ forasmontani dos cronicóns casteláns que antes citamos. E na historia hai tantos forasmontani!!! Nestes casos sempre me vén á cabeza aquela definición de Feynmann: ciencia é poñer en dúbida a opinión dos expertos.

En fin. O sabido: a toponimia é unha disciplina moi difícil, ás veces hai que desdicirse e sempre se está aprendendo. Coma a vida mesma!!

3 comentarios:

Cossue dijo...

Clasp, clasp, clasp, clasp!!! :-) Faramenga < *Fara Dominica sabe-me a etimologia extraordinária!

O dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
O dijo...

Apenas acrescentar, e não negar a tua hipótese.
Hai tamém outra hipótese, talvez para outros Far-, que che queria comentar.
Montes galegos faro- fara- e para-, "pharus" tenhem essa ideia de sentir de longe, "o cam tem bom faro".
Phara, tem força indo-europeia para o que está longe.
É pois essa raiz phara velha que veu co mundo greco-latino como faro, farol de luz, mas que já tamém está, sabe deus desde quando e desde onde, na sua raiz funda que é pharo "ver na distância".
Graças polos teus escritos, cos que aprendo.