viernes, 12 de octubre de 2012

O apelido Casares. De nobrezas e xenealoxías


Antonio Casares
Ningún árbol genealógico
garantiza el cien por cien
de  sangre azul
Claudio Magris

O pasado día oito de outubro chamou a miña atención un artigo que aparecía destacado na sección de cartas ó director do diario “La Región”. Levaba por título “Casares, un apelido avoengo” e ía asinado por Eduardo Prieto Casares, de Parada do Sil.

O artigo comezaba: «“Casares” é un apelido de orixe vasca… A Casa Solar dos “Casares” seica tivo o seu berce no lar de Alza, desto xa medraron os carballos, claro; agora Alza é un barrio de Donostia. Disque unha liña destes Casares foi parar a Cantabria… ao parecer, desta rama montañesa procedemos os Casares de Parada do Sil.». Logo, sustentábase esa argumentación sobre un tal Francisco Casares que «figura como tallista escultor no censo de Ensenada de 1756. Certo. E disque partira de Cantabria co gallo de cubrir a ábsida do Mosteiro de Santa Cristina…». Remataba dicindo que os Casares loitaran na batalla das Navas de Tolosa nas filas de Don Diego López de Haro, e que tiñan unha «nobreza de alma que, con certeza, herdamos tódolos Casares do Concello de Parada do  Sil».

O obxectivo do meu comentario refírese sobre todo ó principio do artigo, a iso de que Casares é un apelido de orixe vasca, afirmación que repiten os libros de xenealoxías, por exemplo o famoso “Blasones y Linajes de Galicia” do P. Crespo del Pozo. E teño que dicir, de entrada, que esa afirmación é totalmente falsa. Non nego eu que soamente unha liñaxe do apelido Casares, a procedente de tal casa de Anza, fose fidalga ou nobre, cousa que ignoro, pero unha cousa é o apelido e outra as liñaxes, habitualmente múltiples. E isto resulta aplicable para a práctica totalidade dos apelidos.

O apelido Casares é un claro exemplo de apelido toponímico, é dicir, un apelido que ten a súa orixe no nome de lugar homónimo. Son, xunto cos patronímicos, os apelidos máis comúns. Exemplos poderían ser: Veiga, Chantada, Costa, Souto, Castro... Como hai moi poucos topónimos únicos, son contados os casos nos que pode asignárselles unha orixe xeográfica definida ou única a estes apelidos. Esta circunstancia resulta aplicable tan só excepcionalmente, por exemplo para apelidos coma Puga, Nóvoa, Meín, Araújo ou Valeiras, que corresponden a topónimos únicos, pero son minoría. Aínda así, unha única orixe xeográfica non garante unha liñaxe familiar única. Pero, como esta evidencia atenta contra os moi antigos negocios da xenealoxía e contra a vaidade humana –que aínda é máis vella-, simplemente se silencia.

Pero, vaiamos co topónimo Casares. Trátase dun topónimo moi común en Galicia; o Nomenclátor rexistra 26 lugares con este nome. Na realidade haberá moitos máis, como nome de pequenos barrios ou simples casas dunha aldea, que non aparecen no Nomenclátor. Hai que ter en conta que o “casal” e os “casares” foron elemento fundamental no poboamento plenomedieval de Galicia. Sobre o significado do termo lévase indagado moito -nese estudo foi pioneiro o médico historiador de Ribadavia, Rubén García Álvarez- e sábese que foi evolucionando, desde o século IX ou X, cando se refería ó patrimonio dunha familia –casas e terras, e ás veces soamente as terras-, ata o XII ou XIII, en que se foi centrando máis nas casas, pasando a ser “casal” e “casares” un conxunto de casas -unha aldea-, no primeiro caso dunha familia e no segundo de varias. Tal denominación foi perdendo uso na escrita ó substituírse por “lugar”, forma case única a partir do século XV. En canto ó apelido, algúns naturais deses “Casares” toponímicos pasarían a levar o complemento toponímico “dos Casares”, e ese sería o xerme do apelido, e o mesmo lle sucedeu a tódolos apelidos toponímicos. Así atopamos, por exemplo, no século XIII, na documentación de San Clodio, a un tal Martinus Paez dos Casares e a un Iohan Domingez dos Casares, que levaban o complemento polo nome dun antigo barrio de San Clodio, que hoxe non existe, pero que mantén o rastro toponímico no nome da paraxe onde estaba asentado, cerca da Barouta. En suma, en Galicia hai uns 1000 posuidores do apelido Casares e a maioría terán a orixe do seu apelido nun deses humildes “Casares” repartidos por Galicia e non nesa nobre casa de Alza de Donostia. Iso non quita para que algún puidera ter relación con esa liñaxe –pero hai que demostralo, non vale o “disque”-; tampouco quita para que outros puideran vir de fóra de Galicia: no resto de España o topónimo “Casares” resulta bastante común, pois esa mesma fórmula de poboamento aplicouse en Castela. Deste xeito, o apelido lévano arredor de 10000 persoas en España, repartidas de xeito bastante homoxéneo e coherente cos territorios onde se localiza o topónimo. Polo tanto, a orixe do apelido Casares é múltiple e indeterminada.

E sobre a nobreza da que se fala ó final do artigo, lembrar algo que escribía o P. Feijóo: «Es el resplandor de los mayores una llama, que produce mucho humo en los descendientes. De nada se debe hacer menos vanidad, y de nada se hace más.». Incidiu dabondo Américo Castro nos prexuízos que causaron os expedientes de limpeza de sangue no xeito de ser dos españois, pero, por desgraza, a idea da pertenza a unha liñaxe fidalga ou nobre segue moi presente na nosa sociedade; é unha idea que tamén defendía Caro Baroja, para quen a falsificación das liñaxes resulta clave para entender  a nosa extravagancia e a nosa capacidade de fabulación. Eu concordo totalmente con eles, e con Unamuno cando escribía na “Vida de don Quijote y Sancho”: «Miremos más que somos padres de nuestro porvenir que no hijos de nuestro pasado…, y en cuanto al linaje, todos nietos de reyes destronados». O pai da química moderna en Galicia, Don Antonio Casares (1812-1888) –de quen este ano se celebra o bicentenario do seu nacemento*-, a actriz María Casares (1922-1996) ou o escritor Carlos Casares (1941-2002), son todos lembrados como galegos ilustres, pero non pola súa liñaxe, senón polo seu traballo e pola súa obra.

*Por certo, magnífico traballo do meu amigo Ramón Cid Manzano sobre este científico, publicado pola Fundación Barrié. Pódese baixar premendo aquí.

6 comentarios:

Ramón Cid dijo...

Coincido con Jeanfrujo tanto no que se refire á falta de rigor científico na afirmación que ese lector fai en La Región sobre a xenealoxía de Casares, como no "decadente" de buscar no pasado "nobrezas" para o presente.
Por certo, un deses lugares en Galicia que leva o nome de Casares está na parroquia de Santa María de Baamorto, no concello de Monforte de lemos, a escasos quilómetros de onde naceu Antonio Casares.

Cossue dijo...

A mim passa-me um pouco do mesmo: o meu primeiro apelido é Costa, e quando sendo um moço intentava buscar a sua orige, sempre me vinham indicar que se de Aragom, que se de Catalunha, que se de... e ponto seguido falava-se do escudo nobiliário, etc. Por suposto, a orige do meu apelido estivo máis clara quando soubem que perto da aldea donde procede a minha família está o casal da Costa.

Eduardo PRIETO CASARES dijo...

A carta ó Director de "La Región", como é obvio, non pretende ser un estudo científico do apelido Casares, de ai o “disque” que vostede cita. Con esta palabra, “disque”, “seica”… comezaba o meu avó os contos, de cando neno. Eu non quero demostrar nada, só é un divertimento, un conto (entre no meu blog: Contos da Ribeira Sacra). Así e todo, non me negará os datos que aparecen no censo de Ensenada de1756:
-Francisco Casares, escultor y tallista. -Viaxou de Cantabria a Parada de Sil.
Se a estes datos, engadimos a existencia dun retablo barroco, agora na parroquia de Sacardebois, que luciu dende este século o mosteiro de Santa Cristina de Parada de Sil, só hai que xuntar os fíos para ver a luz do que se deduce. Aproveito a ocasión para saudalo.

Eduardo PRIETO CASARES dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Eduardo PRIETO CASARES dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Jeanfrujo dijo...

Estimado don Eduardo. Releo o meu texto e considero que expresa con bastante claridade o que penso das xenealoxías e dos libros correspondentes. Tamén me reafirmo en todo o que escribín sobre a natureza toponímica e múltiple do apelido Casares. As referencias que dou do padre Feijóo, Américo Castro, Caro Baroja ou Unamuno, son suficientes para ver que as miñas opinións respecto das xenealoxías non son nada novidosas. Pero todo iso nada ten que ver con que vostede poida ser ou non descendente do tal escultor Francisco Casares, circunstancia que eu descoñezo, pero que, en último caso, non parece moi difícil de investigar. Polo demais, aínda que non nos coñecemos persoalmente, teño noticias polo diario La Región das súas “Folliñas…”, que lerei con moito gusto. Tamén sigo con interese as súas colaboracións e as do seu conveciño Antonio Carreño, e non hai que desbotar que calquera día nos atopemos por esas fermosas terras de Parada do Sil. Saúde.