sábado, 20 de octubre de 2012

Sobre a abundancia do apelido Ferreiro


Na casa do ferreiro, coitelo de pau

Non te cases cun ferreiro
que é moi malo de lavar
Cantiga popular

Noutra ocasión xa escribín aquí arredor do libro Allegro ma non troppo de Carlo M. Cipolla (1922-2000). Naquela ocasión fora para falar das súas leis fundamentais da estupidez humana. Hoxe, nas vésperas dunhas importantes eleccións para Galicia, talvez non estaría de mais lembrar que, segundo apuntaba Cipolla, a proporción dos estúpidos (aqueles que fan mal ós outros sen obter ningún beneficio propio) nun país mantense constante ou medra, non hai maneira de diminuíla, e esa proporción é a mesma para tódolos estratos da poboación, desde o dos analfabetos ata o dos catedráticos de universidade, e desde o dos pobres de solemnidade ata o dos multimillonarios. O que se observa en situacións de decadencia coma a actual son drásticos cambios na composición dos grupos dos non estúpidos: por unha banda, unha alarmante proliferación de malvados (aqueles que procuran un beneficio propio a costa do prexuízo alleo) cun alto grado de estupidez entre os gobernantes, e por outra, un non menor incremento da proporción de incautos (aqueles que procuran o beneficio alleo a costa do prexuízo propio) entre os gobernados. Tales cambios na distribución da poboación non estúpida reforza o poder destructivo dos estúpidos e conduce a calquera país á ruína. Nin que dicir ten que as escasas posibilidades de salvación do noso –moi cerca da ruína, senón o está xa- pasarían por diminuír drasticamente o número de ignorantes malvados entre os gobernantes e o de incautos entre os gobernados: difícil me lo poneis!

Pero hoxe non vou a escribir diso, senón do apelido Ferreiro. Preguntaredes que ten que ver este apelido con Cipolla? Pois moito! O libro que citaba comeza cun ensaio que leva por título “El papel de las especias (y de la pimienta en particular) en el desarrollo económico de la Edad Media”. É un ensaio delicioso, que puidera ter escrito o noso Cunqueiro, el que tanto sabía dos afrodisíacos e dos fornicios asociados. Cipolla analiza nel a grande influencia que tivo a expansión do comercio da pementa (potente afrodisíaco) na forma de ser dos europeos: “Europa occidental se transformó como por encanto. Del lugar lóbrego y triste que era, pasó a ser una tierra de desbordante vitalidad, energía y optimismo.”. Conta que iso sucedeu coincidindo coa época das cruzadas, e que os cruzados, a pesar de ser case todos analfabetos, coñecían ben os refráns, en concreto un que dicía: “fiarse da muller propia está ben, pero non fiarse está mellor”. Dese xeito, os cruzados, para non atoparse con desagradables sorpresas á volta das súas expedicións a Terra Santa, preocupábanse, antes de partir, de colocarlle ás súas mulleres un incómodo (para elas) pero tranquilizador (para eles) aparello: o cinto de castidade. Como se pode supoñer, foron tempos de gran prosperidade para os ferreiros; incluso moitos que non tiñan ese oficio, motivados pola abundancia de mulleres fermosas que non recibían as merecidas atencións durante as longas ausencias dos maridos, experimentaron un inaudito interese pola arte da ferrería e pola manufactura de chaves. Segundo Cipolla, iso tivo dúas importantes consecuencias para a sociedade: a expansión definitiva da metalurxia e a crecente frecuencia do apelido Ferreiro ( Ferrari  en Italia, Herrero en Castela, Ferrer en Cataluña, Errementaria en Euskadi, Lefevre en Francia, Smith en Inglaterra, Schmidt en Alemaña, etc.). Aínda que a miña condición de químico deberíame levar a investigar a veracidade da primeira consecuencia, a da expansión medieval da metalurxia, a súa evidencia afórrame o esforzo. Non obstante, non resulta tan evidente a segunda, a da crecente frecuencia do apelido Ferreiro. É así que, dadas as miñas afeccións onomásticas, propóñome comprobar ata que punto os datos confirman a hipótese de Cipolla.

Podería comezar dicindo que o ferreiro sempre se presentou como paradigma de home especialmente capacitado para o exercicio sexual. Ignoro o que hai de certo niso, pero o golpeo vigoroso e acompasado que fai co seu pesado martelo na bigornia da forxa vese desde hai moito tempo como unha representación figurada do acto carnal;  “bater o ferro” e “machacar” son formas comúns de referirse a súa  realización; “ferrote” e “ferramenta” son nomes habituais do órgano sexual masculino e “forno” e “fornela” do feminino. Estas crenzas, como apuntaba, son antiquísimas: non esquezamos que o home de Venus, a deusa do amor e da beleza, era Vulcano, o ferreiro, o deus da fogo e da forxa; esposo, por certo, que tamén foi enganado (atención a Marte, debaixo da cama, no cadro de Tintoretto). Pero todo isto non sería proba de nada, o importante é ver se a frecuencia do apelido Ferreiro é tan notoria como supoñía Cipolla. Iso demostraría que a crenza sobre os ferreiros non é unha simple ficción, senón que está asentada na praxe.

Para a miña pescuda utilicei a base de datos da Cartografía dos Apelidos de Galicia. Busquei entre cerca de cen oficios medievais, desde o de capador ata o de zapateiro, pasando por arrieiros, barbeiros, carpinteiros, ferreiros, colmeiros, monteiros, canteiros, sarralleiros, mariñeiros, xastres, moleiros, barqueiros, pescadeiros, médicos, etc.; tamén oficios administrativos, coma alcalde, rexedor ou escribán; e relixiosos, coma cura, crego, frade ou bispo –si, tamén había os complementos do cura, do frade, do bispo, que daquela non escandalizaban tanto-. O resultado foi concluínte, Ferreiro destácase entre os apelidos de oficio como o máis frecuente en Galicia, con máis de 17.000 casos (cerca de 19.000 se lle sumamos as formas castelanizadas Ferrero e Herrero). Moi de lonxe séguelle Monteiro/Montero (9.663). Algúns dos seguintes, xa a gran distancia, son Escudeiro/Escudero (1708), Vaqueiro/Vaqueira/Vaquero (1558), Peleteiro (1022), Carpinteiro/Carpintero (986), Colmeneiro/Colmenero (882), Labrador (418), Veleiro (328), Moleiro/Muleiro/Molinero (296), Obelleiro/Ovejero (295), Sastre (268), Pedreiro/Pedrero (222), Gaiteiro/Gaitero (210), Colmeiro (194), Canteiro/Cantero (178), Barbeiro/Barbero (154), Pulpeiro (129),  Zapateiro/Zapatero (110), Carnicero (102), Sacristán (93), Taberneiro/Tabernero (75), Mariñeiro/Marinero (22), Tendeiro/Tendero (21), Arriero (18), Barqueiro/Barquero(17), Sardinero (6), Cirujano (6), Médico (1). Os apelidos relacionados con oficios administrativos tampouco son escasos, e son unha clara mostra da antigüidade do minifundismo xurisdiccional e administrativo galego: Meiriño/Merino (1637), Alcalde (1110), Escribano (221), Regidor (38), Notario (22). Por último, non deixa de resultar curiosa (ou non tanto) a relativa frecuencia dos apelidos de ascendencia relixiosa; os datos demostran, entre outras cousas,  a importancia do monacato galego na Idade Media:  Frade/Fraile (959), Crego (897), Monje (105), Bispo (55), Cardenal (21), Cura (19).

En suma, a hipótese de Cipolla queda plenamente confirmada en Galicia. Os datos reflicten con claridade que a suposta mala fama dos ferreiros, como homes sucios e bastos, que repite unha e outra vez o noso folclore, debíase ver amplamente compensada con outras virtudes e atributos máis ocultos, pero que semellaron ser moi apreciados polas nosas féminas. Polo demais, os datos tamén reflicten que o oficio do home sempre foi algo importante para a muller á hora de atopar parella de apareamento e/ou matrimonio; iso explicaría certas cuestións, por exemplo que un oficio relativamente frecuente na Idade Media, o de capador, non deixara rastro algún entre os apelidos.

No hay comentarios: