As eleccións de hoxe, por cadrar en xuño e por darse nun panorama político incerto, tráenme á memoria aquelas primeiras do 15 xuño de 1977, as que inauguraban este período democrático da historia de España.
Aquel 15 de xuño era mércores –as eleccións eran en día laborable, para favorecer a participación-, e facía calor, como se correspondía coa data. Eu estaba en Santiago, preparando exames; pero, igual cá maioría, non quería perder a ocasión histórica de votar –moitos universitarios non puideron facelo ó estar o limiar de idade nos 21 anos-. Así que a mediodía saín para Leiro, en compañía de tres amigos, dous estudantes coma min e outro traballador en Santiago e dono do Simca 1000 no que fixemos a viaxe. Os Accesos a Galicia estaban bastante adiantados, e da estrada Santiago-Ourense creo lembrar que só quedaba por facer a circunvalación de Lalín e algún tramo próximo a Santiago. Agora ben, de Cea a Leiro era a estrada antiga, que aínda resistiría case vinte anos máis, con curvas e máis curvas. Daquela aínda nada se sabía en Galicia de autopistas, como non se sabía de moitas cousas. No rural comezaban a chegar as traídas de auga ás casas; moitas pistas aínda eran de terra; a roupa lavábase maiormente nos lavadoiros públicos, e para chamar por teléfono había que ir á centraliña da capitalidade municipal. A calefacción eran as lareiras, os braseiros e as bolsas de auga quente na cama. A televisión, de canal único e en branco e negro, íase incorporando ós fogares, pero aínda había moitas aldeas sen sinal. Na universidade estudabamos catro: baste dicir que hai agora máis estudantes universitarios en Galicia ca daquela no ensino medio. A xente morría maiormente na casa, sen paso intermedio por ningún hospital cando enfermaba. E coche tíñano moi poucos; viaxábase no Auto Industrial, no Castromil e no Ferrobús. En suma: non sobraba nada, e máis ben faltaba de todo. Certo que nas vilas e nas cidades notábase un pulo de progreso e modernidade: na construcción, na industria, no xeito de vestir, nas formas de diversión… E todos queriamos que España se parecese ós países europeos onde media Galicia se gañaba a vida moito mellor ca aquí. De feito, digan o que digan, gran parte do que aquí hai fíxose co que de alá veu.
Van case corenta anos desde aquela. E moito ten cambiado o país. Agora disfrutamos das liberdades e das comodidades dos países máis avanzados. E diso debemos sentirnos orgullosos, pero sen caer na autocomplacencia. Porque a nosa democracia ten evidenciado graves eivas, e nin España nin Galicia están coma para tirar bombas. Xa sei que a maioría vivimos incomparablemente mellor ca hai corenta anos. Pero non deberíamos esquecer que a terceira parte do país sobrevive no limiar da pobreza, e que moitos mozos preparados teñen que facer as maletas. E iso non pasaba hai corenta anos, cun país moito máis pobre. Porque daquela non se gañaría moito, pero había traballo, incluso en Galicia. Mentres agora, ou non o hai, ou o pouco que hai apenas dá para vivir.
Non creo que a democracia teña como deber asegurar a felicidade dos cidadáns, porque a felicidade é un concepto subxectivo, relativo e tramposo, pero si debería apostar por un ambiente de liberdade e de benestar que favorecese a súa busca. Dicía Bertrand Russell: «É un erro imaxinar que o diñeiro trae a felicidade,… Pero quen non ten cubertas as necesidades básicas nunca pode ser feliz», e moito menos libre. Polo tanto, en España, por moito que se queira tapar, a un terzo da poboación estámoslle negando a posibilidade de ser libres e felices. De aí vén a incerteza política da que non conseguimos saír. Nin con eleccións.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de xuño do 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario