Mentres isto escribo, os alumnos do último curso do bacharelato están realizando a Selectividade. Parece ser que será a última co formato actual, pero xa se verá; porque, aínda que pareza mentira, non se sabe que vai pasar o ano que vén. E non debería causar pena a desaparición desta Selectividade: unha proba mal deseñada, que condicionou moi negativamente o bacharelato e que, encima, baremou ós alumnos dun xeito bastante inxusto. Pero claro, neste país todo pode ir a peor.
Non obstante, sobre o que quero escribir é sobre os libros de texto. Porque desde hai un tempo non deixan de chegar ó departamento paquetes con libros para avaliar das diferentes editoriais, de 2º e 4º da ESO e 2º de bacharelato, cursos que o vindeiro ano teñen que adaptarse á LOMCE, o mesmo que este ano se adaptaron os de 1º e 3º da ESO e 1º de bacharelato. Primeiro foi a LOECE, despois a LODE, despois a LOGSE, despois a LOE… Eu que sei! A verdade é que xa non lembro un ano no que ningunha materia do departamento experimentase cambios. E a cada cambio, novas programacións e novos libros de texto.
O outro día chamaban a miña atención uns alumnos que transportaban unhas caixas ata un gran contedor. Intereseime polo que levaban e dixéronme que eran libros de texto camiño da reciclaxe. Libros que quedaran inutilizados cando a decisión do goberno de Feijóo de cambiar o idioma de certas materias. Parece ser que, só por esa medida, foron ó lixo uns douscentos mil libros de texto pagados con cartos públicos. Pero é que ós dous anos diso os novos libros, estes pagados polos alumnos, volveron a retirarse pola chegada da LOMCE. En suma: un enorme despilfarro e unha estampa do que é este país.
Na miña biblioteca persoal hai un pequeno espazo, talvez o máis querido, reservado para libros de texto que utilicei na escola e no instituto. Alí está desde a “Enciclopedia Álvarez” ata a “Estructura Política” de Manuel Fraga, pasando pola “Antología Literaria” de Lázaro Carreter, o “Aprendiz de hombre” de Torrente Ballester, unha edición escolar de “Don Quijote” da Editorial Everest, os primeiros libros de Física e Química, a táboa de logaritmos… Creo que bastante do que logo somos vén de aí, dos libros de texto nos que comezamos a fundamentarnos.
Pero hoxe semella que caeu sobre os libros de texto certo descrédito, ata o punto de que hai bastantes profesores que os consideran arcaicos, desaxeitados para os tempos que corren. Non é que sexan maioría os que prescinden deles, en beneficio de apuntes, fotocopias e outros materiais, pero creo que se usan cada vez menos. E iso é unha mala noticia, porque como di o profesor J.C. Bermejo Barrera, ó observar un desprezo semellante polos libros na propia universidade: «un libro é un libro».
Non coñezo estudos sobre este tema en España, pero o que din os realizados fóra é que os países con mellores resultados en educación manteñen os libros de texto de calidade como instrumento básico do ensino. Destaca entre todos Finlandia, onde ese uso prioritario do libro de texto acada porcentaxes superiores ó 90%. Pola contra, en Inglaterra calou moito a chamada “hostilidade ideolóxica” contra os libros de texto, e as porcentaxes de utilización apenas chegan ó 10%; neste senso, o propio ministro de educación, Nick Gibbs, vén de reclamar un “renacemento” dos libros de texto, ó considerar que gran parte da culpa dos mediocres resultados de Inglaterra en educación está en telos abandonado.
Si, eu tamén estou a favor dos libros de texto, gratuítos e de calidade, coma en Finlandia. Pero creo que en España tarde veremos unha cousa e maila outra… Ogallá me equivoque.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 12 de xuño do 2016.
No hay comentarios:
Publicar un comentario