jueves, 14 de mayo de 2009

Fabio "Pavoni"

Sempre me interesou atopar as historias que se esconden detrás da asignación dos alcumes. Baixo o meu punto de vista é unha das actividades onde mellor se manifesta a gracia e o enxeño do pobo galego cando se trata de poñerlle nome a algo. Nas investigacións de onomástica histórica dámonos por satisfeitos se desvelamos o significado dun determinado alcume a través da análise lingüística. Non obstante, convén saber que, ás veces, o significado real do alcuño que se lle asigna a un individuo resulta indescifrable por ese método, xa que nada ten que ver co campo semántico do nome propiamente dito.

Entre os alcumes de San Clodio que eu escoitaba de neno había un que chamaba especialmente a miña atención, tratábase de Pavoni. Entre persoas educadas, pertencía ó grupo dos que se utilizaban soamente cando o interesado non estaba presente, aínda que non acababa de ver que ofensa podía esconder aquel mote[1] tan eufónico. Eu relacionábao con Rita Pavone, a mociña italiana co pelo cortado ao garçón que cantaba cousas tan fermosas coma Mio cuore, tu stai soffrendo, cosa posso fare per te... Pero non, en realidade nada tiña que ver con iso, aínda que Pavoni sexa unha variante do apelido italiano Pavone -pavone en italiano significa pavo real-, que debe ter unha orixe semellante ó noso Pavón –apelido que tamén existe en Italia-.

O mote de Pavoni correspondíalle ó Fabio de Cabo, que en paz estea. Nos primeiros recordos que conservo del, o Fabio xa era un home de mediana idade. Era un daqueles agricultores do Ribeiro de antano que a pesar da súa humildade, vistos calquera domingo, con chaqueta e garabata, paseando por Leiro ou Ribadavia, ninguén os diferenciaría de verdadeiros señores. Logo, cando eu era mozo e o tratei, comprobei que o seu porte señorial correspondíase perfectamente co seu xeito de ser de persoa razoable, é dicir, de persoa que razoaba ben. Entendía moito de xardinería, de árbores froiteiras e, por suposto, de cepas. Deses coñecementos, coma os autores clásicos, sacaba boa parte dos seus afinados razoamentos, e a min compracíame moito a súa conversa. Lembro ben o día que me atopei con el, xa velliño, logo dalgún tempo sen velo e despois dun achaque que tivera. Saudeino e díxenlle convencido: Véxote moi ben Fabio. El respondeume sorrindo, pero escéptico: Ás veces ves unha mazá moi fermosa e coloradiña, pero cando a vas comer resulta que a metade, por dentro, está podre. Eu pensei que era unha broma das del, pero o certo é que pouco durou desde que aquilo me dixo.

A pesar dos seus coñecementos agronómicos e do bo uso que facía deles na dialéctica, o Fabio, coma todos os mortais, non destacaba en todo o que lle houbera gustado destacar. Unha das artes nas que non brillaba, a pesar das horas que dedicaba á súa práctica, era na das cartas: gustáballe moito xogar a partida, pero poucas veces gañaba. A súa fama de perdedor era tal que poucos querían levalo de parella. Sempre se queixaba da mala sorte, pero o certo é que poñía bastante da súa parte para que o resultado final fose o habitual. Deste xeito, é o caso que cada domingo, o pobre Fabio, tiña que facer catro ou cinco viaxes ata a barra para pagar o café dos contrincantes. Xustamente de aquí, e non de calquera cousa que tivese que ver co pavo real, ven o alcume de Pavoni que lle puxeran ó Fabio: no antigo Café do Alfredo de Leiro, a cafeteira, segundo se podía ler nas brillantes letras vermellas que coroaban a maquina, era unha PAVONI. Os compañeiros comezaran a chamarlle Pavoni porque pagaba case tantos cafés coma cafés facía a cafeteira PAVONI. Cando isto descubrín, entendín que ninguén, que fose persoa educada, se dirixise a el polo seu alcume.

Non era Pavoni o único alcume de San Clodio que tiña a súa razón de ser nun instrumento tecnolóxico. Lémbrome doutra familia que era coñecida, neste caso, non por un, senón por dous alcumes: os Serenos e os Chocarros. O primeiro resultaba transparente, aínda que non se refería á serenidade coma unha virtude especial da familia ou dalgún dos seus antepasados, simplemente a que o patriarca fora o sereno da fábrica de madeiras do señor Arsenio, na Esperela. O segundo, Chocarro, que finalmente se impuxo ó primeiro, resultaba máis misterioso. Coma Pavoni, sería case imposible coñecer o seu significado sen coñecer a historia da súa asignación. Ten a súa orixe no nome dunha empresa de Navarra que, alá polos anos cincuenta do pasado século, veu montar a maquinaria da antiga fábrica de madeira do señor Arsenio. A empresa chamábase Hermanos Achucarro[2]. O nome debeulle facer gracia ós traballadores da fábrica e quedou coa herdanza onomástica o sereno, ó que comezaron a chamarlle Achucarro > Chucarro > Chocarro os seus compañeiros de traballo.

Foise o Pavoni a estudar a xeoloxía do camposanto de San Clodio, desapareceu a fábrica do señor Arsenio e poucos teñen memoria dos Serenos. Queda hoxe daquela familia un fillo do antigo sereno, o Gerardo Chocarro, que é algo máis vello ca min. Casou en Cuñas e hai moitos anos que vive en Suíza. Cando algún verán nos atopamos, fálame daquelas fermosas paisaxes do lago Constanza e de Kreutzlingen, moi preto da súa casa. Faino porque sabe que me gusta escoitalo falar deses lugares.

[1] Ainda que non aparece nos diccionarios de galego, esta é a palabra –viva en portugués e castelán- que se utiliza no Ribeiro para referirse ós alcumes, e xa o era en tempos do P. Sobreira.
[2] Achucarro é apelido vasco, do topónimo Atxukarro que en euskera significa algo así coma ‘alto da cima’

viernes, 8 de mayo de 2009

A Castro Laboreiro e A Peneda con Vía Auria

Cornetas de Barro
Ó castrejinha do monte,
Que deitas no teu cabelo?
Deito-lhe água da fonte
E rama de tormentelo.
Cantiga popular do Laboreiro

1. Compráceme cando viaxo en autobús ou en tren permanecer en silencio, somerxida a vista nas paisaxes e o pensamento nas lembranzas.

2. As paisaxes que un ama non son soamente xeografía, constitúen un dos diversos conxuntos de fondos espaciais sobre os que foi devalando a vida.

3. Unha viaxe por terras coñecidas sempre é, ademais dun desprazamento no espacio, unha viaxe no tempo: aquel encoro, unha excursión na infancia; aquel campo de fútbol, un partido na adolescencia; aquel pobo, unhas festas do verán; aquela hermida, a voda dun amigo da mocidade; aquel camposanto, a aperta de pesar emocionada a un compañeiro xa maduro. A vida mesma.

4. O mellor instrumento para espantar a choiva é o paraugas. Desde que o inventamos, Ourense é a provincia de Galicia onde menos chove. Agora, incluso forma parte da denominada España seca.

5. Leboreiro/Laboreiro: A primeira é única vez que pasara polo Castro –haberá uns quince anos-, a estrada desde a fronteira da Meixoeira aínda era un simple camiño de terra. Non reparei daquela en que o nome do pobo era Castro Laboreiro, e non Castro Leboreiro como acostumamos dicir aquí, e o mesmo ocorre co nome da serra homónima, Leboreiro entre nós e Laboreiro en Portugal. Tal vez non sexa un topónimo tan transparente como eu pensaba, Leboreiro do latín Leporarium ‘lugar onde abundan as lebres (lepus, oris)’.

6. Unha das maiores riquezas destas terras son as súas augas. Non creo que haxa outro lugar no mundo onde sexan tan limpas e transparentes. A pesar do esforzo da andaina, non bebín en toda a mañá. Estou convencido de que mirar para estas augas basta para calmar a sede.

7. Andamos cinco horas, subimos e baixamos, atravesamos montes e herdades, veigas e pequenas aldeas de casas ben telladas. Pero, nin unha soa persoa se cruzou no noso camiño. Nin sequera cans, nin gatos. Soamente un par de ovellas, unha branca e outra moura. Algúns cabalos ó lonxe, no monte. Paréceme unha terra fascinante, pero sen xente resulta triste.

8. Cando camiño gústame a compañía. Ir falando de calquera cousa intranscendente; pouco do que se vai vendo, que iso salta á vista.

9. Algún carballizo, toxos, xestas, carrascos e penedos. Se me raptasen e me deixasen perdido por estes montes, de topar con alguén preguntaríalle: cara a onde cae Ribadavia?

10. Para min o verdadeiro símbolo de Portugal é o bacalhau –aquí con broa-. ¡Que ledicia, ter un país unido en torno a unha mesa! Pero, que xantarían aqueles ós que non lles gustase o bacalhau? É o que ocorre con tódolos símbolos.

11. Despois de xantar, o coto onde están as ruínas do castelo medieval, construído no mesmo solar do vello castro que dá nome ó pobo, cando esta terra aínda era Galicia, convídanos desafiante a que subamos ata alí. Pode máis a preguiza. Ademais, nunha viaxe sempre resulta conveniente deixar algo importante sen ver. Servirá de desculpa para outra viaxe, o mesmo que o mítico penedo de Anamán, que diviso ó lonxe.

12. De camiño á Peneda o autobús detense por mor dunhas vacas piscas que baixaron á estrada. Comprobo a súa pequena estatura, e a corna en forma de lira. Pero non son quen de distinguir se teñen os mesmos ollos das putas babilónicas dos que fala Ferrín.

13. As putas sempre resultaron moi literarias. Walter Benjamin escribiu un tratado sobre esta relación en trece teses. A primeira di: Os libros e as putas poden levarse á cama. Claro que non todos os libros se levan á cama. O meu amigo Carracedo, dubidando das vantaxes de ter unha parella moi culta, apuntaba que ninguén se ía á cama co Larousse.

14. No colo da miña avoa de Barzamedelle debín oír falar por primeira vez da Peneda. Non me lembro diso. Pero logo, de neno, e iso si o lembro, en innumerables ocasións escoitei o relato daquelas viaxes que cada ano, a principios de setembro, facían milleiros de ribeiraos, entre eles os meus avós, ata ese santuario portugués que me resultaba tan exótico. A viaxe realizábana a pé ata Ribadavia, alí collían o tren ata Frieira, pasaban a barca do Miño e logo, despois dun día enteiro andando, chegaban á Peneda. Para min, o momento culminante do relato era aquel no que os romeiros avistaban o lagarto, un gran penedo, dicían, coa forma de tal reptil. A visión indicaba que o santuario xa estaba cerca.

15. A primeira vez que fun á Peneda, trinta anos despois de escoitar aqueles relatos, desde moito antes de chegar, ía eu nervioso inspeccionando as múltiples formas dos penedos que debuxaban a liña do horizonte dun lado e doutro da estrada. Notei esa excitación tan agradable e característica que precede ó desenlace de sucesos importantes que se prevén favorables. De pronto, á esquerda, nun outeiro, divisei un “penediño” cunha forma certamente parecida á dun lagarto coa cabeza erguida, pero en nada semellante ó que eu imaxinara. Sería esa a pena do lagarto? Cando cheguei á Peneda, un tendeiro confirmoumo. Desde aquel día dubido diso tan repetido de que unha imaxe vale máis ca mil palabras, ás veces unha soa palabra pode valer máis ca mil imaxes.

16. A tradición da Peneda remonta a antigüidade da devoción á Virxe neste lugar ó século XIII. Hai seguridade de que nas pestes do século XVI xa era santuario moi concorrido. Observando o impoñente penedo da Meadinha, a carón do santuario, penso que non sería estraño que se tratase dun monte mítico xa desde épocas precristiáns. A imaxe do gran penedo, o santuario e a fervenza que baixa desde a cima do coto, é unha das que valen máis ca mil palabras.

17. Nunha ocasión asistín á novena na Peneda, procesión incluída. Lembro con que devoción aquelas humildes xentiñas –a Peneda é unha romaría de xentes humildes- cantaban as sinxelas e fermosas estrofas do himno á Virxe:

Nas alturas da Peneda,
Nós Te louvamos, María!
Sob o Teu manto de seda
Buscamos paz e alegría


Oxalá as atopasen.


18. De abril do 2009. Entre as quinquilladas que vendían como lembranza nas tendas da Peneda, busquei eu aquelas cornetas de barro, pintadas de vivos cores, que meus avós me traían de agasallo un ano si e outro tamén, e que eu nunca fun quen de facer soar. Non as localicei. O dono dun dos negocios díxome que había moitos anos que as deixaran de fabricar.

Xa ninguén merca cornetas de barro, pero ¡canto daría eu por unha!

O Carballiño 22-04-2009

Un paseo por Barbantes



Panorámica desde o bar Boa Vista. Comprobo que a fotografía non é o meu

Chegamos a media tarde a Barbantes ou, mellor dito, á Barca de Barbantes. Estacionamos diante do bar Boa Vista, un nome ben posto porque desde a súa terraza desfrútase dunha vista inmellorable sobre este precioso tramo do Miño centroso, desde Santa Cruz de Arrabaldo ata cerca de Laias por esta banda de Barbantes e de Feá ata Troncoso pola de enfronte. As paisaxes, desde a balconada do bar, lembráronme outras inesquecibles que divisara hai bastantes anos no Ródano, as das coidadísimas viñas que subían polas ladeiras de Tournon e Hermitage vistas desde aquel cámping, á beira do gran río, onde estaba instalada a nosa tenda de campaña. Falta, neste caso, o paso daquelas grandes barcazas que cheas de turistas franceses e alemáns sucaban o Ródano e aquela fermosa ponte colgante que unía Tain l´Hermitage e Tournon.

O balcón do bar Boa Vista está situado case encima do lugar onde estaba o porto da máis famosa e histórica das barcas que cruzaba esta parte do Miño, barca que está na orixe do nome do lugar. Foi a barca de Barbantes paso obrigado de moitos vellos camiños que desde O Ribeiro, as terras do Carballiño e outros lugares ían a Ourense. Ata que se construíu a estrada Vigo-Ourense, a mediados do século XIX, resultaba máis cómodo pasar aquí a barca e logo subir ata Ourense pola ribeira esquerda do Miño. Neses tempos A Barca era un lugar da freguesía de Laias, en concreto o máis habitado da parroquia na época do Catastro de Ensenada, a mediados do século XVIII, con vintetrés veciños sobre un total de oitenta e oito. A parroquia de Santo Antonio da Barca de Barbantes é de nova creación, data da división diocesana de 1956.

Logo da primeira inspección visual do territorio e de comprobar o negativo aspecto que xoga, desde un punto vista paisaxístico, unha gran adega industrial que case tapa a fermosa vista do lugar de Feá, baixamos ó novo paseo fluvial que discorre pola beira do río en dirección a Laias. No empinado descenso ata o paseo cruzamos a antiga rúa principal do lugar, continuación do camiño vello que viña de Ribadavia e se dirixía ó porto da barca. A maioría do novo e abundante casarío do pobo construíuse a carón da estrada Vigo Ourense, obra de mediados do século XIX, e da estación do tren, unhas décadas posterior á estrada. Pero iso non borrou a estructura orixinal do pobo, facilmente detectable para un observador atento. Descubrimos tamén na baixada cara ao río unha fermosa primavera adiantada. Evidenciaban esa primavera temperá as moitas especies de flores que había nos balcóns das casas e o estado avanzado dos cultivos dun par de tarreos, pero chamou a miña atención, sobre todo, o tamaño que acadaban as brevas dunha figueira. Observamos ó mesmo tempo un dos poucos efectos positivos dos encoros, que non é outro que a diminución das xeadas: uns laranxeiros esplendorosos, nun ano onde moitos foron queimados en lugares agarimados, daban fe de tal realidade.

O novo paseo fluvial, austero e discreto, como deben ser estes camiños, discorre entre o río e multitude de pequenas leiras de viña e tarreo que se estenden ata a vía do tren. O reparto de cultivos en pouco se diferenciaría do que poderiamos atopar nas mesmas leiras hai dous ou tres séculos. Un par de nogueiras enormes, en sendas parcelas ermas, fíxome adiviñar máis que probables preitos cos propietarios lindeiros por culpa da sombra destas árbores que, xunto coa das figueiras, nunca gozou de boa fama. Antigamente, no Ribeiro, entre viñas e cultivos de horta, non se permitían árbores de tal tamaño, se acaso pequenas especies froiteiras, sempre que non asombrasen o eido dos veciños. Mentres ía eu cavilando nestas sombras, algúns pescadores probaban sorte nas augas do río. Escoitei a dous deles que comentaban como parecía que as augas corrían cara arriba, e iso chamou a miña atención: en efecto unha suave brisa que viña de abaixo rizaba a superficie da auga con ondas que corrían cara a Ourense. Era a mesma brisa que movía as nubes, a que unhas veces nos regalaba un golpiño de auga, que máis que mollar bendicía, e outras traía unhas raiolas dese sol de inclinación case equinocial que descubre, coma ningún, as doces luces das terras e dos ceos do Ribeiro e a profundidade case mística das súas paisaxes.

Estabamos chegando ó coidado campo de fútbol e lembraba eu os versos do meu amigo Manuel Vilanova:

Vianova e Vilanova, na beira esquerda das troitas,
dela naceu unha fonte
e del un verde olivare,
que do ceo deceu, Barca
de Barbantes, florida de virtudes
tanta cortesía,
saúdan os navíos e as vías novas
das vilas novas na fonte dos poemas.


Levábame o pensamento a unha tarde de maio florido cando xuntos na súa casa, nesta banda do río, repasábamos topónimos de Barbantes. Porto de Cima, A Veiga, As Hortas, Souto da Barca, O Campiño, A Eira e Porto de Fondo; son nomes de paraxes que lindan con este paseo. Carpazás, O Vieiro, Loureiro, Os Mouros, As Pedrazas, Agüeiro, Amarón, As Minas, A Cortiña, A Moreira, Os Lameiros, As Casarellas, Souto de Cabo, As Naveiras, Cima do Penedo, Chavella, A Chaira, O Pontillón, As Lamigueiras e A Cruz son algúns nomes máis que eu teño anotado.

Faltan pouco máis de cen metros para unir este novo tramo do paseo co camiño que ven do Balneario de Laias, por iso é preciso dar unha pequena volta e andar algúns metros máis por unha estrada local para situarse no principio do devandito camiño. Foi un bo momento para comprobar a perfecta planicie das terras que van desde a base do San Trocado ata o Miño. Esta característica de chaira perfecta á beira do río repítese á beira do Avia nas Veigas de Bieite, nos Fondales de Beade ou no Barco de San Cristovo, o mesmo que no Barco de Valdeorras, no Sil. De feito eses dous Barco fixéronme pensar algunha vez se o nome da Barca de Barbantes se debía a esta característica orográfica das súas terras ou á barca que cruzaba o Miño; parece que ó segundo pero non é un tema que teña investigado en profundidade.

Recoñecín no principio do camiño que vai ó balneario de Laias o lugar onde, hai tres ou catro anos, o meu fillo Raúl e máis eu, fixeramos un descanso cando realizábamos este mesmo percorrido en canoa polo río, a primeira vez que coñecín de cerca estas paraxes. Ese lugar debe corresponderse co antigo Porto de Fondo, onde outra barca cruzaba o Miño. Desde aquí contémplase, enfronte, a antiga Torre de Puga, solar orixinario dunha das familias fidalgas que máis se estendeu polo Ribeiro, e por iso en poucos brasóns desta comarca faltan os catro caldeiros que a identifican. Un pouco máis arriba está o fermoso Pazo do Olivar. Non alcanzo a ver se arranxaron a casa, pero o que queda claro é que se recuperaron e plantaron de viña todas as súas terras, e a ladeira aparece primorosa á nosa vista. Trátase dun comportamento ben diferenciado entre este Ribeiro do Miño, da banda de Castrelo, e o do Ribeiro de Avia: mentres no segundo a maioría das mellores terras para o cultivo das vides esta erma, no Ribeiro do Miño, e máis concretamente no da banda de Castrelo, obsérvanse novas e grandes plantacións. A cousa haberá que estudala porque, en principio, esas terras, tanto pola súa orientación, ó norte, coma pola súa natureza, máis profundas e fértiles, non casan cos tan predicados obxectivos de mellora da calidade dos nosos viños. A clave tal vez estea en que, tal como penso desde hai tempo, calquera terra do Ribeiro, coa selección de variedades axeitada, e a salvo do problema das xeadas, ten a súa maior potencialidade no cultivo do viño, loxicamente con diferentes calidades, pero iso ocorre en tódalas zonas vitícolas do mundo. No exemplo que poñía antes do Ródano, a denominación Hermitage, unha das máis famosas de Europa, está reducida a 123 hectáreas na ladeira do mesmo nome. Desta ladeira saen uns 3500 hectolitros de viño cada ano, un 75% tintos elaborados coa variedade syrah. Das partes máis baixas do val saen maiormente brancos coa denominación Crozes-Hermitage, elaborados a base das variedades marsanne e rousanne, tamén de excelente calidade, pero a un prezo moito máis económico cós primeiros.


camiño entre o bosque

Desde o Porto de Fondo ata cerca do Balneario de Laias o camiño atravesa un tupido e fermoso bosque de ribeira: carballos, salgueiros, freixos, amieiros, cerdeiras bravas, sobreiras e bidueiros. Sorprendeume a abundancia desta última especie, moi rara no Ribeiro de Avia e creo que máis característica de terras máis frías cás nosas. De cando en vez, á dereita, algunha viña ben coidada e algúns invernadoiros abandonados. Omnipresentes os trinos dos paxariños neste, sospeito, seu reino; tal vez aquí, á noitiña, non sexa difícil escoitar o canto do malvís e do reiseñor. Atopamos tamén unha especie de área de descanso cuns bancos e uns carteis informativos. O seu estado de abandono demostra ben ás claras ata que punto neste país noso resulta máis fácil facer as cousas ca conservalas.

bancos entre o mato

Recuperamos a vista do río moi cerca do Balneario. Abundaban agora os mimosais. Máis pescantíns. Enfronte o pobo de Troncoso e o pazo da Cavadiña. Un pouco máis arriba Freás. Son pobos fermosos, pero algo umbrosos no inverno. Teño noticia doutra antiga barca que pasaba xente entre Troncoso e Laias. O barqueiro no ano 1805 era un tal Manuel González; seino porque fora encausado como cómplice nun roubo que se producira en San Clodio a noite do día sete de xaneiro dese ano. O xuíz non puido probar a participación do barqueiro, pero no fallo recomendáballe que de ningún modo fie ni entregue las llaves del barco a ninguna persona sospechosa y principalmente de noche. Ignoro se cumpriu tal recomendación.

Non me paro na descrición do Balneario, que supoño ben coñecido pola maioría dos lectores. Direi, iso si, que para o meu gusto é un dos máis integrados nestas paisaxes, e o enclave paréceme un dos máis fermosos das ribeiras do Miño. Tomamos un café na terraza que dá ó río e desfrutamos da vista cara o pobo de Astariz. Ó ocaso divisábase a contraluz o Faro de Avión. Quedaría home e medio de sol cando, contradicindo ó poeta, decidimos volver pola mesma senda que acabábamos de pisar.

O Carballiño 12-04-09

jueves, 7 de mayo de 2009

O Navea (e 3)

Na Pontenova recuperamos a horizontalidade na andaina, que non na paisaxe. Xusto na desembocadura do Navea no Bibei está a central hidroeléctrica de Pontenova. Recibe a auga do Navea por un canle que vén desde o embalse das Guístolas, un pouco máis arriba da Ponte Navea, onde comezamos a camiñata. Este ano foi chuvioso e a penas nos demos conta do lamentable que resulta ver os ríos secos por mor da construcción dos encoros. Neste tramo do Navea, entre o devandito encoro das Guístolas e a Pontenova, sobre todo nos veráns e nos outonos, debe resultar penoso observar o leito case seco do río entre o verdor da paisaxe. Non é un caso único, é algo que se repite por toda Galicia. Moi cerca teño o Avia, practicamente seco entre o encoro de Albarellos e Pazos de Arenteiro, e o Viñao, no mesmo estado entre Albarellos e a desembocadura no Avia, neste caso por mor dun canle que desvía a case totalidade das súas augas ó devandito encoro de Albarellos. O caudal ecolóxico é un concepto apropiado para os periódicos e a publicidade, pero, coma moitos outros conceptos, na práctica, poucas veces se materializa.
A estrada vai bordeando o encoro de Montefurado, no Bibei, entre A Pontenova e a presa do devandito encoro. O sol xa perdera a súa verticalidade nesta parte do camiño, e coa axuda da ladeira do monte que nos protexía polo ocaso gozamos de sombra na maior parte do percorrido. Mentres, as paisaxes da orela de enfronte aínda aparecían radiantes á nosa vista. No medio as tranquilas augas do encoro.
Resulta curioso como estas paisaxes de encoros, tan comúns en Galicia desde hai medio século, nunha visión rápida ou fotográfica semellan fermosas. Non obstante, cando un vai de vagar, camiñando á súa veira ou navegando polas súas augas, de seguido emerxe esa sensación de misterio, quietude e desacougo que sempre acompaña ás augas embalsadas. Non resulta estraño que a quietude dos lagos estea entre as alegorías máis comúns da morte. O río precipitándose, saltando por entre laxas e penedos, formando aquí fervenzas e alá remansos, é sinónimo de vida. Pero o encoro, o lago, é a morte: o destino inevitable. Ía matinando niso cando as oliveiras comezaron a proliferar nos eidos ermos que íamos deixando á esquerda. Serviron para poñer unha miga de esperanza nos meus pensamentos; tamén a pomba chegou cunha folla de oliveira no peteiro cando se pensaba que toda a Terra estaba asolagada.
Á altura do pobo de Casares éntrase na provincia de Lugo, no concello de Ribas do Sil, e pouco despois está a presa de Montefurado. Muros de cemento, canles xeométricos, zoar de turbinas, e ausencia total dos homes. Sempre me impresionou observar que nestas grandes construccións hidroeléctricas a penas se ve nunca a ningunha persoa. Imaxino agora a alegría dos habitantes destas terras cando, nos anos cincuenta do pasado século, souberon que ata alí chegaba o “progreso” –outro concepto que poucas veces se leva materializado na Galicia rural-. Imaxino tamén a desilusión dos mesmos residentes cando, rematadas as obras, tiveron que seguir emigrando. Chegou o “progreso” ós sotos de Galicia hai cincuenta anos e a xente tivo que marchar. Chega agora ós áticos: moito me temo que, de contado, se irán os poucos que quedan. Teñen en común esas dúas formas de “progreso”, “á galega”, que as dúas zoan ¡Tamén que ningunha das dúas precisa da xente!
Seguimos camiñando cara a Montefurado e pronto apareceu o Sil. Baixaba impetuoso e a cor da auga delataba os efectos dun rápido desxeo. Mentres, un par de patos salvaxes, de pé nun solitario penedo que había no medio do río, aproveitaban os últimos raios do sol para apurar o secado dunha inmersión recente. Chegando ó poboado de Iberdrola -¿por que non se mesturaban cos paisanos ós empregados destas empresas?- divisamos por primeira vez o túnel de Montefurado. Para Pascanaio, un xesuíta do século XVI, o túnel era unha das sete marabillas do Reino de Galicia (tomo o dato do meu blogueiro descoñecido), e sen dúbida que aínda o é. O túnel ten 400 metros de longo, 19 de ancho e uns 17 de alto. Construíuse en tempos do emperador Trajano para aproveitar o ouro do leito que quedaba seco ó desviar o río. Comenta Ángel o descubrimento que supuxo para el constatar que existe outro túnel, máis pequeno no ancho e no alto, pero de semellante lonxitude, paralelo ó grande. A mesma sorpresa nos causa a nós. De feito, non vexo noticia deste segundo túnel nas referencias bibliográficas máis habituais sobre Montefurado.
Era a tardiña cando subimos ós autobuses de regreso a Ourense. Por Monforte e os Peares xa era noite pecha. Coma sempre, un ten a seguridade de que algún día volverá ás paraxes que acaba de visitar, pero, quen sabe? Quedará, iso si, na memoria, a lembranza dun día “na Navea”, rodeado dos amigos de Vía Auria. Co tempo é posible que, nesa lembranza, as cerdeiras xa aparezan cargadas de froito. A boa señora do Campo, cando pasemos de novo baixo a fiestra da súa casa, sorrindo, sacará un gueipo das maduras cereixas para darnos a proba. E máis abaixo, no lavadoiro, aquel home de descoñecido nome volverá aparecer para convidarnos á súa adega. Probaremos entón o viño do verdello rubio, moito mellor có godello de agora; el axudaranos a recuperar a memoria do tempo pasado.

O Carballiño 23-03-09

O Navea (2): ¡Esto acabouse!

Unha vez rematado o xantar, subimos ata a nova estrada que une San Xoán de Río e Navea. Non sei en que ano se construíu esta estrada, pero na foto que aparece de Navea na Gran Enciclopedia Galega (1974) aínda non existía. Ata ese momento as comunicacións principais da parroquia debían facerse no sentido do río, cara o Bibei e o Sil. Esto explica, por exemplo, que o lugar de Cima de Vila, sorprendentemente, sexa o un dos máis baixos en altitude. Pero non hai ningún contrasentido, o nome débese, segundo o meu parecer, a que entrando na parroquia por abaixo (río arriba), Cima de Vila sería o lugar que estaba máis arriba nesa dirección, e nada tería que ver tal nome coa altitude, senón coa dirección das antigas comunicacións. Cousas curiosas.

Mapa de Navea: As curvas de nivel que se apertan


Pero, sigamos coa excursión. O caso é que despois dunha revolta na estrada, apareceu diante de nós a paisaxe idílica e grandiosa que forman os diversos lugares da freguesía de Navea, pendurados da montaña e loitando contra a gravidade. Redondeaba a fantástica visión o regueiro de Cabanas, que poucas veces debe traer tanta auga a estas alturas do ano: baixaba esplendoroso formando unha gran fervenza de douscentos metros de caída por encima de nós e outros douscentos máis por debaixo. Unha primavera avanzada e chea de lentura, que contrastaba coa paisaxe aínda inverniza das fragas que atravesáramos pola mañá, repartía con xenerosidade os toques de cor precisos para suavizar a impoñente visión: os brancos por aquí das cerdeiras e das pereiras, por alí os rosas das pavieiras, acolá os amarelos das nabeiras. Non hai libro que fale destas terras que non inclúa unha fotografía desta paisaxe, pero ningunha lle fai xustiza, e non por defecto do fotógrafo, senón porque esta paisaxe tan grandiosa non colle nas cámaras de fotos, soamente na memoria dos homes. Pasará a imaxe da Navea a colocarse entre esas quince ou vinte vistas que nunca esquecerei. Un conxunto persoal que está encabezado por unha fotografía dun calendario vello, enmarcada, que había no comedor da casa dos meus avós. Nela víase unha baía e un barco de vapor en primeiro plano e, ao fondo, un volcán do que subía unha columna de fume escuro. Nunca conseguirei saber a que sitio do mundo correspondía, pero segue a ser a primeira imaxe que vexo cando imaxino algo exótico.

Navea na foto da GEG (arredor de 1970)

Cando nos fomos acercando ó pobo, comezando polo lugar da Eirexa, comprobamos a grande traxedia destes pobos, que non é outra que a grande traxedia da Galicia rural: a despoboación e o abandono. Dúas magníficas casas á esquerda da estrada, as dúas de galería, enfronte da humilde igrexa parroquial de San Miguel, amosaban un descoido relativamente recente. Nos tarreos que as rodeaban, antes xardíns floridos e agora tristes eidos ermos, as árbores froiteiras aínda loitaban contra as inmisericordes e poderosas silvas; as súas florciñas brancas parecéronme silenciosas e desesperadas chamadas de socorro. Pero ¡que podíamos facer nós!


Baixamos cara ó Campo. Arriba divisamos as ruínas de Vilaboa, lugar que segue a aparecer no nomenclator de Galicia pero que xa é soamente iso: un nome e un conxunto de paredes esborralladas. O Pacio, Casenando, A Pedela, A Quinta, Cimadevila, O Casar, son os fermosos nomes doutros lugares que se agrupan aquí, no centro da freguesía. Era sábado, estaba bo día, e había algo de animación no pobo. Unha señora confesou que ata hai pouco había noventa veciños na parroquia (na Gran Enciclopedia Galega figura aínda con 340 habitantes), agora quedan nove homes e nove mulleres, todos vellos, e a maioría deles pasan a semana nunha residencia de San Xoán de Río: ¡Esto acabouse meus fillos!, dixo convencida. Máis abaixo encontrei a outro matrimonio de anciáns; ela, con Alzheimer, acababa de escapar da casa, e o ó home colleuna diante do lavadoiro. El bromeou: ¿seica me querías deixar? ¡Mira que te levo a Ponferrada e cámbiote por dúas novas! Pregunteille por aquelas terras. Díxome fachendoso que antes chamábanlle á Nabea a “Huerta de Valencia de Trives”. Collíanse 27000 quilos de cereixas, e eu que sei cántos de peras, claudias, fatóns e pavías. Tamén había ata nove clases de viño: “jerez, sumol, negreda, alicante, verdello rubio –que era moito mellor co godello de agora-, ....”. ¡Esto acabouse!, díxome o home mirándome fixamente ós ollos. Mentres, a muller ría coma unha nena mirando para min.

Seguín andando emocionado por entre aquelas casas que tanto traballo custara levantar. Agora, as que estaban arruinadas ían empuxando ás que aínda se mantiñan en pé. Mentres, preguntábame a onde irían parar os montóns de cartos que viñeron da política agraria común para axudar a estes pobos e a estas agriculturas deficitarias. Este pobo, que podería ser unha das marabillas do Pais, morre en estado de completo abandono, mentres se gastan moreas de euros en verdadeiras trapalladas: ¡non temos perdón de Deus!

Deixamos o pobo e seguimos baixando cara á desembocadura do Navea no Bibei. Atópase esta xusto na Pontenova; enfronte está o pobo homónimo, situado sobre unha parede vertical duns setenta metros de altura, nun sitio onde os veciños non debían despistarse se saían de noite por detrás das casas. Na distancia pareceume que soamente había unha casa habitada. Picoume a curiosidade de saber canto de novo tiña este Pontenova. Evidentemente o nome non se refería á ponte actual que se debeu facer ó mesmo tempo cós encoros, nos anos cincuenta do pasado século. Comprobo no Catastro de Ensenada que a mediados do século XVIII non hai referencia desta ponte, pero si dunha de madeira pola que se ía de Navea a Trives. Non obstante no Madoz (1845) xa fala dunha ponte de pedra neste lugar de Pontenova. Conclusión, a ponte de pedra –pontenova- debeu construírse entre finais do XVIII e principios do XIX. Daquela o pobo que naceu ó seu carón era o de Pontenova.

Remato esta segunda entrega da narración da viaxe á Navea cun par de reflexións que recollín nun interesante blog dun natural da Serra onde nace o río (http://nemeth.blogaliza.org/2006/03/28/o-macizo-central/):


1.- Benvida sexa a noticia (a creación dun Parque Natural nestas terras) Quero ser optimista con que isto traia investimentos á zona (por fin!) e sirva pra desenvolver e fixar poboación nas aldeas. Iso sí, habería que respectar aos que viven na e da Serra, ao fin somos nós os que a conservamos e explotamos até o de agora de xeito sustentábel. Non servirá de nada termos unha especie de ‘Reserva Apache’ pra que veñan os señoritos de fóra pasar a fin de semana ‘na aldea’.
2.- Nunca estiven dacordo coa economía de turismo que nos están metendo polos ollos. A Serra e as bisbarras que a forman teñen e deben vivir do agro e do gando. O turismo nunca dará para comer a toda a poboación. É un complemento marabilloso, pero só iso, un complemento. De nada serve se temos os soutos sen mondar, as leiras a monte e as viñas á poula.

Meus amigos: Nas terras semellantes con climas semellantes danse especies semellantes. Do mesmo xeito, unha cultura semellante produce nos que nela se criaron sentimentos semellantes. Na mirada do bo home de Navea descubrín a un dos meus, e nas palabras dese blogueiro descoñecido a outro.


O Carballiño 16-03-09

(continuará)

miércoles, 6 de mayo de 2009

O Navea (1)

Onte foi día de andaina. Unha desas interesantes andainas que organiza Vía Auria. Xa falei de Vía Auria cando facía unha lembranza de don Albino Núñez (Os libros que nos fan mellores) e hoxe non podo máis que reafirmarme na louvanza desta organización e doutras semellantes que hai espalladas por Galicia. Que cada mes Vía Auria sexa capaz de reunir a máis de cen persoas para coñecer –e digo coñecer, non soamente visitar- os lugares máis fermosos e interesantes de Galicia, sen que medie outro interese que o do mero coñecemento e disfrute da nosa xeografía, da nosa historia, da nosa etnografía, en suma: da nosa cultura, merece tódolos eloxios. Pero, se encima esa importante empresa cultural, aberta a todo o mundo, se realiza sen precisar de ningunha subvención pública, entón o labor dos seus organizadores -Angel e Elena- debe cualificarse de heroico.

A andaina de onte transcorreu polo val do Navea, ese fermoso río que nace na serra de San Mamede e que froito do seu poder erosivo formou un val profundo e angosto, coase vertical, no seu camiño cara á desembocadura. Sen dúbida, é esa verticalidade, á que soamente se lle compara a do val do Bibei, a que fai que as paisaxes do val do Navea estean entre as máis espectaculares e fermosas de Galicia.



A nosa andaina comezou á altura de Ponte Navea, ponte pola que pasaba a famosa Vía XVIII ou Vía Nova, calzada romana que ía desde Braga (Bracara Augusta) a Astorga (Asturica Augusta). A ponte, magnífica, foi reformada na Idade Media pero conserva vestixios da obra orixinal. A media ducia de casas que se reparten dos dous lados do río están en triste estado de abandono, pero aínda así, case pardiñeiros, atesouran a fermosura da nosa arquitectura popular, totalmente adaptada ó medio. Soamente unha vella capela, que parece ser pertenceu á orde hospitalaria de San Xoán, conserva o tellado en bo estado. A desolación da despoboación acompañaranos todo o día.

Abandonamos Ponte Navea e iniciamos a nosa andaina, río abaixo, pola ladeira esquerda do río. Gañamos primeiro algo de altura, cruzamos a estrada de Ourense a Trives, e por cerca do lugar de Abeledos, entramos na fraga do Navea. É un bosque de castaños centenarios, de misteriosas formas, seguramente cheo de trasnos e fadas. De cando en vez os sons de espectaculares fervenzas, de regos que baixan lixeiros pola fortes pendentes, rompen o silencio do bosque. En tempos da posguerra, conta Angel, andou agochado por estes montes Mario de Langullo, un dos últimos guerrilleiros en abandonar a loita armada contra o réxime de Franco e un dos poucos que se escapou da persecución da garda civil.

Comezaron a desaparecer os castaños e a aparecer as aciñeiras cando estábamos á altura de Malpaso -que o é- e da Pena Santa -que o será-. Un pequeno pobo abandonado á altura de Lameiros foi o lugar que eliximos para xantar. Por debaixo de nós, cuns douscentos metros de caída case vertical por medio, estaba o Navea e enfronte a ladeira de Falenche. Alá no ceo, ao lonxe, por encima da fraga, indiferentes ó noso apetito, voaban dúas aguias, seguramente procurando o seu propio alimento.

O Carballiño 15-03-09
(continuará)

¡Madia leva!

Unha expresión que sempre me gustou escoitar, e cada vez escoito menos entre os galego falantes, é ¡madia leva!. Seguen a utilizala os vellos, pero entre os novos non resulta fácil escoitala. Teño observado a expresión nalgún texto literario contemporáneo pero, baixo o meu punto de vista, non sempre co uso correcto. Isto talvez se deba a que moitos dos nosos diccionarios históricos non acertaron a definir ben o seu campo semántico. É algo no que xa reparou don Eladio no seu diccionario, por iso se detiña na voz:

1¡MADIA! interj. que se usa casi siempre seguida de los vocablos tèn, tès, leva o levas. Significa ¡qué mucho!, ¡qué extraño!, ¡mira qué gracia!, ¡ya lo creo!, no tiene nada de particular. Valladares dice que esta voz equivale a mediano, regular, pasable y cita este ejemplo: ¡Tès boas leitugas, Andresa!- ¡Madia tèn! contestación que no significa que las lechugas sean medianas, regulares o pasables, sino otra cosa muy distinta. El ¡madia tèn! quiere decir: aunque las lechugas sean buenas, nada tiene de particular ni puede sorprender porque las planto en buena tierra y las abono y cuido con esmero.
Eu quero moito ó meu padriño -¡Madia tèn!, contestación que equivale a: no haces nada de más con los regalos que de él recibes.
Hay también el modo adv. ¡madia leva!, ya puede estar contento, no es poco lo conseguido, bien puede darse por satisfecho, p. ej.: A Toniño fixéronlle un traxe novo -¡Madia leva!, expresa que es una buena cosa, un regalo práctico, una fineza que hay que agradecer.

2¡MADÍA! interj. Var. de madia, que sólo se usa en la expr. Non tèn madía, que significa no tiene duda, no hay cuidado, no causa estorbo, no es cosa que preocupe.

Pouco teño que engadir ás explicacións de don Eladio. Se acaso, con respecto a ¡madia leva! ‘¡bo é!, ¡non ten dúbida!, ¡que sorte tivo!, ¡que non se queixe!’, dicir que case sempre é unha afirmación non exenta de sorpresa e con certo aire irónico, de aí a musiquiña coa que se adoita pronunciar. En última instancia, deixa caer que a cousa era máis probable que houbera ido peor. Mentres, pola contra, o ¡madia ten! é equivalente ó mínimo que se podía esperar. Por exemplo, se falan dúas veciñas:
  • Eses sobriños moi ben coidan do Antonio, di unha.
  • ¡Madia leva!, responde a outra.

Este ¡madia leva! significa que o comportamento dos sobriños é unha sorte para Antonio. Unha sorte que podía non ter.

Agora unha das veciñas fala con Antonio:

  • Antonio, eses sobriños moi ben te coidan.
  • ¡Madia ten!, responde Antonio.
Este ¡madia ten! significa algo así coma ‘é o mínimo que poden facer’ ou ‘teño ben merecido este trato’.

A compoñente irónica da expresión xa está na orixe da mesma: mao día > madía > madia. Equivalente ó castelán ¡mal año llevas! ‘¡que suerte tienes!’.

O diccionario da RAG, supoño que por cuestións etimolóxicas, soamente acepta madía. Non obstante, eu, igual ca don Eladio, nunca escoitei ¡madía leva!. Alguén o escoitou?

Dime o profesor e amigo Troitiño que na terra de Deza dise ¡media leva! Isto podería introducir algunha dúbida sobre a etimoloxía correcta, aínda que eu non o creo; debe tratarse dunha máis das frecuentes contaminacións por palabras diferentes.

O Carballiño, 4-03-09

lunes, 4 de mayo de 2009

Ravachol

Desde hai anos, sempre que podo, vou a Pontevedra para asistir ó enterro do loro Ravachol. Este loro é o protagonista do entroido pontevedrés; o seu enterro, e posterior incineración, que se celebra o venres da semana do carnal na Praza da Ferrería, é o acto máis multitudinario.

Elisa e Pablo Marino con Ravachol


O loro Ravachol non é un personaxe de ficción: existiu. Era propiedade dun boticario da Pontevedra de principios do século XX. O exótico paxaro, moi popular na vila do Lerez por ser moi parlanchín, morreu o luns de entroido do ano 1913 e vestiu de loito as festas dese xa afastado ano. Desde entón o enterro do loro Ravachol cerra as festas do entroido en Pontevedra.

As afeccións etimolóxicas do que suscribe levárono a cavilar de onde sairía o curioso nome do paxaro. Tal vez o máis plausible fose un derivado de rabo, coma rabón, rabada ou rabaza. Sería preciso un *rabacho que facilmente daría un aumentativo rabachón, cunha variante rabachol, por vacilación entre a nasal e a lateral, igual que marañón/marañol. A nivel semántico a cousa quedaría explicada pola vistosa cola, ou rabo, de plumas que locen os loros. Non casaba o v de Ravachol, pero era posible que fose un erro na escrita.

Xa estaba eu bastante satisfeito coa miña explicación, cando se me ocorreu buscar en Internet algo sobre o tema. A cousa resultou ser moito máis sinxela. Ó poñer en google Ravachol, apareceron en 0,15 segundos 84900 referencias. A primeira o artigo Ravachol da Wikipedia: François Claudius Koënigstein (1859 - 1892), más conocido por Ravachol, fue un delincuente y supuesto anarquista francés, que se volvió famoso por sus atentados. Pronto confirmei do mesmo xeito que, en efecto, o loro levaba por nome o do “famoso” anarquista, fillo da francesa María Ravachol.

O asunto lévame a dúas reflexións. A primeira, o san escepticismo que é preciso ter ante as etimoloxías dubidosas. Cantas explicacións do significado de algúns topónimos, filoloxicamente impolutas e dadas por absolutamente certas, non serán máis que meras fantasías eruditas? Outro día comentarei algún exemplo máis. A segunda reflexión xira arredor da costume de bautizar ós animaliños co nome de revolucionarios ou delincuentes famosos. Cando eu era neno, por exemplo, eran moi comúns entre os cans os nomes de Trosky e Foucellas. Máis recentemente teño coñecido algúns Jomeini e Batasuna.

É un tema que me atrae, o do nome dos animais. Non é un tema inexplorado, Raquel Aira publicou un interesantísimo traballo sobre os nomes das vacas en Galicia, direivos que os máis frecuentes son: Rubia, Marela, Pinta, Paloma, Linda, Gallarda, Negra, Careta, Toura, Mora, Parda, Xuvenca, Roxa, Morena e Cachorra. Claro que nisto, coma nos nomes persoais, tamén hai modas.

O Carballiño 28-02-09

Máis sobre os homes de sol


Nas anotacións de nountronte esquecéuseme dar noticia da comprobación empírica da existencia dos homes de sol no Ribeiro de Avia. Estaba escrita, pero –cousas da informática- desapareceu. Dicía algo así:

Encargoume Xesús Alonso Montero que comprobase se era coñecida a expresión dos homes de sol no Ribeiro de Avia. Sorprendíalle que don Eladio non acollese no seu diccionario esta fórmula idiomática tan suxestiva como insólita, e preguntaba no seu traballo, será que non se usaba no Ribeiro de Avia, o seu Ribeiro? Á primeira que lle preguntei foi a miña nai, e de seguido recoñeceu a expresión como moi utilizada cando ela era pequena, é dicir pola mesma época (1938) que a descubriu Xesús. Logo pregunteille a un veciño de San Clodio e ó meu tío Eduardo, de Lebosende; ningún dos dous me deu razón da expresión. Non obstante, hai quince días, unha señora que subía dos oitenta anos, en Esposende, recoñeceu a fórmula e incluso me asegurou que ela aínda a utilizaba. Algúns pensarán que este 2-2 non decide nada, non obstante, eu dou por comprobado o uso dos homes de sol no Ribeiro de Avia. A razón? Hai tempo que teño comprobado que as mulleres son moito máis memoriosas cós homes.

O Carballiño, 26-02-09

Os homes de sol

Volveremos con don Albino Núñez, coa súa visión do Ribeiro, coas súas paisaxes humanas, cos seus estudos da toponimia galega e coas súas leccións de xeografía e historia. Pero, hoxe estivo un día magnífico de sol e prefiro escribir sobre os homes de sol.

O tema saíu noutro encontro con Xesús Alonso Montero. Outra vez en Vigo e outra vez tomando un café. Esta vez leváballe eu o meu libro do Padrón de San Clodio de 1580 e unha separata de O Viño de Ribadavia nas grandes Armadas. Tiña el para min o seu libro Letras Galegas –explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de Galicia- e unha separata. Do libro xa haberá tempo de falar. Hoxe centrareime na separata. Corresponde a un traballo seu que leva por título, Sofía Cordal Piñeiro, labrega do Ribeiro de Miño, escribe unha carta en galego no ano 1888, inserto na obra colectiva CADA PALABRA PESABA, CADA PALABRA MEDÍA, Homenaxe a Antón Santamarina.

O traballo recolle tres fragmentos dunha carta que escribía Sofía Cordal, veciña de Ventosela, ó seu home, Pedro Moure, emigrado na Habana, o día de noiteboa do ano 1888. Esta carta chegaría, por camiños estraños, segundo Xesús, ó poder de don Eladio en 1947. Uns fragmentos transcritos polo eminente lexicógrafo de San Clodio chegarían máis tarde a Otero Pedrayo. En 1990, entre montóns de papeis, en Trasalba, atopou Xesús os fragmentos da carta transcritos por don Eladio. Ata aquí a historia que conta Xesús no seu traballo, é de supoñer que algo fabulada.

O caso é que nun dos fragmentos da carta pódese ler: Ímonos deitar axiña que mañán temos que ir ó xornal pros señores da Casa Grande da Valdaucha, e haberá que chegar ben cedo, con medio home de sol ou antes, como mandan os amos. Explica Xesús que a expresión medio home de sol (e un home de sol, home e medio de sol...) estaba viva e ben viva en Ventosela, onde eu a aprendín en 1938, o ano en que, procedente de Vigo, cheguei a Ventosela, berce e patria lingüística da señora Sofía Cordal.

Falamos, mentres tomabamos o café, dos homes de sol, fermosa expresión que eu non tiña memoria de haber escoitado. Non obstante, o significado pareceume ben claro: dividámola cúpula celeste, por onde se vai desprazando o sol, en doce tramos e supoñamos en cada tramo un home de pé. Cada un deles sería equivalente, aproximadamente, ó espacio dunha hora e sería un home de sol. A min isto seméllame algo equivalente ás imaxes dos apóstolos colocados dese xeito nunha portada románica, e tal vez diso vén a analoxía. Evidentemente, trátase dun modo aproximado de medir o tempo, que non coincide co tempo físico uniforme. Pero, para os usos agrícolas é a luz do sol, variable segundo a época do ano, e non o tempo físico uniforme, o que marca o tempo do traballo. Cando un vai con un home de sol para a viña é un nugallau, independentemente de que sexa verán e sexan as oito da mañá, ou sexa inverno e sexan as dez. O mesmo ocorre se un deixa o traballo cando aínda queda medio home de sol, sexan as cinco sexan as oito.
Eu, que teño escrito algunhas cousas sobre as unidades de medida tradicionais, lembro ter apuntado que non se pode valorar a precisión destas unidades cos mesmos patróns que usamos para as actuais. As unidades que agora utilizamos parten do Sistema Métrico decimal, máis interesado na invariabilidade e universalidade dos patróns ca no "sentido social", moi superior no caso das unidades tradicionais. Un metro ou un quilogramo son simples definicións que soamente coñecen uns poucos, pero unha cavadura ou un ferrado, por poñer dous exemplos, tiñan un significado coñecido pola maioría da xente. Cando un le que unha cavadura equivale a 436 metros cadrados ou un ferrado a 629 metros cadrados, debería saber que iso é a súa equivalencia aproximada pero non é algo exacto. Na súa definición orixinal nin a cavadura nin o ferrado eran superficies fixas. No primeiro caso referíase á cavadura -acción de cavar- que facía un home nun día, e isto dependía das características da terra. No segundo, un ferrado, á terra sementada cunha medida ferrada, e esa superficie de semeadura dependía do basto ou do raro que se botase o grao, cuestión relacionada coa productividade da terra. Iso explica que en moitos casos aparezan diferencias apreciables entre a superficie escriturada das fincas e a real.
Tampouco hai que esquecer que os primeiros sistemas de unidades eran antropométricos, partían de tomar o home como referencia. Condensou este pensamento coma ninguén Protágoras (sec. V A.C.): O home como medida de tódalas cousas. A man, o polgar, o brazo, os dous brazos abertos, os pasos, o pé... O home antigo medía o mundo co seu corpo. É a idea que quedou reflectida no debuxo máis famoso de Leonardo, o denominado home de Vitruvio. Non obstante, desa imaxe antropométrica escapaba o tempo, medido desde as épocas máis remotos co movemento dos astros. Os homes de sol do Ribeiro son, no que eu coñezo, un exemplo único dunha medida antropométrica do tempo. E de aí o interese que tivo para min esa charla con Xesús e a súa separata.

En fin, meus amigos, coma sempre, as cousas teñen a súa explicación, pero non sempre resulta sinxela de entender se non se estudia con detalle.

O Carballiño 24 de febreiro do 2009

Os libros que nos fan mellores

Foi unha feliz casualidade a que fixo que chegase este libro ás miñas mans. Cando, alá por abril, Xesús Alonso Montero aceptou gustoso a invitación que lle fixo Avelino Muleiro para presentar o meu libro Nomes do Ribeiro en Vigo, quedamos para tomar un café na Casa do Libro, e falar un pouco de como sería o acto. Xesús non se esqueceu de traernos un agasallo: o libro Ensaios e Artigos (1956-1973) de Albino Núñez. É o libro sobre o que quero facer algún apunte nesta primeira entrega do meu caderno de notas.

Mentiría se dixera que eu coñecía algo da obra de Albino Núñez antes de ler o primeiro artigo seu neste libro, Ejemplaridad formidable de Liceo de Arte, publicado no diario La Región o 28 de abril de 1956. A penas sabía que fora o fundador da Academia Estudios Galicia de Ourense e pai doutro Albino Núñez, o delegado de Educación en Ourense alá polo anos noventa. Non obstante, bastoume ler ese primeiro artigo para saber que acababa de descubrir a un autor que ía estar entre os meus preferidos. Non me enganaba, agora o libro ocupa un lugar destacado na miña biblioteca, xusto enfronte da miña mesa de traballo, onde están os meus favoritos para poder botar man deles de contado.

Prendeume dese primeiro artigo, onde asegura que o Liceo de Arte de Ourense é unha organización de valor inapreciable, o seguinte parágrafo: «...El Quijote fue escrito en un lugar “donde toda incomodidad tiene su asiento”. Si el Liceo de Arte encontrase las facilidades económicas que está muy lejos de poseer... estoy seguro –segurísimo- que no tendría el auténtico valor y mérito que indudablemente ha conquistado. Si el Liceo de Arte fuese un lecho de rosas estaría integrado por un conjunto de mediocridades, de esas mediocridades que sólo tienen talento para describir sinecuras y olfato sumamente fino para oler conveniencias. El arte –lo dijo Schiller, nada menos- es juego, y como todo juego tiene un fin en si mismo...» Moitos teñen dito cousas semellantes, referidas a outras institucións ou persoas, pero tal vez poucos o dixeron mellor.

Outro artigo emocionante é o que lle dedica ó seu mestre, a D. Antonio Vázquez Vázquez (La Región 27-12-1956): «...Sus enseñanzas forman aún hoy la base sobre la que descansa toda mi formación intelectual... jamás sentí una necesidad más imperiosa de hacer el elogio de una persona como en este momento...». As verbas de don Albino trouxéronme á memoria aquelas outras de Albert Camus, que tiñan un mesmo destinatario, cando recibiu o premio Nobel en 1957: «O esforzo e xenerosidade que vostede puxo no seu traballo continúan vivos nun daqueles escolares, que a pesar do paso dos anos, non deixou de ser un alumno agradecido.». O agradecemento ó mestre, ó insignificante mestre de escola, que se converte en pedra angular na formación dos individuos: «Formidable maestro de escuela, no por su saber, que el saber es siempre muy relativo, sino por la excelente administracións que hacía de sus conocimientos...». Un texto tan fermoso houbérame gustado escribir a min para o meu querido mestre na escola de San Clodio, D. Lucio Vázquez Vázquez –outro Vázquez Vázquez-.

Da man de don Albino coñecemos as paisaxes ourensáns, viaxando con el naquelas excursións guiadas que organizaba “Posío. Artes y Letras”: «...se acostumbra a la gente a no practicar ese turismo bobalicón de viajar por viajar, sin recoger el caudal de enseñanzas que todo viaje nos puede ofrecer...». E tráeme esta reflexión á cabeza a loable empresa que leva a cabo agora Vía Auria, a quen convido para que reviva algunha excursión en lembranza tanto do grupo Posío coma de don Albino Núñez, verdadeiros precursores do tipo de excursión que se practica en Vía Auria. O Rodicio, os castelos Límicos, a Limia Baixa, as terras do Carballiño –Si, señores, Carballiño y no “Carballino”, escribía na Región en 1958-, o Ribeiro...

Cando puido, don Albino, escribiu no seu idioma. Tivo que facelo primeiro nunha revista de México, alí escribía no verán de 1959 outro fermoso artigo: Grandezas e miserias da nosa terra. E facíao cun galego sinxelo e sublime ó mesmo tempo, ó xeito de Castelao; o galego dos que, sen dúbida, soñaron nesa lingua. Entresaco do artigo un parágrafo que non ten perda: «...hai galegos tan descastados que non consinten que os seus fillos falen a lingua que foi nada menos que a súa propia lingua... Hai despois quen, esquecendo que a verdadeira fala é a que o mesmo pobo está forxando, anda á percura de verbas que ninguén as empregou na Galiza e que, por conseguinte, ninguén entende. O galeguismo tradicional nunca chegou a faguerse popular, antre outras razós, pol-a fala artificiosa qu´empregou.».

O último apunte que quero facer hoxe no meu caderno de notas é arredor dun dos meus artigos favoritos, deste libro favorito: O mellor amigo do P. Feixóo, publicado na revista Lar, do Hospital Galego de Bos Aires no ano 1960. O artigo está escrito na memoria do doctor Marañón, quen falecera a finais de marzo dese ano 1960: «Coa morte do doutor Marañón, a España perdeu un dos máis barudos homes de cencia do noso tempo; a Galicia, un dos que mail-a ademiraban e defendían, e o P. Feixóo, ó mellor dos seus amigos». Do sabio de Casdemiro di: «Coido que a sinal máis certa pra xusgar a arnaxe dos homes de España é ollar a aititude en que s´amostran encol do P. Feixóo. Todol-os homes de esprito moderno, querse decir, de aberta tendenza científica, que se contaron na España dende o seculo XVIII, foron feixonianos. ». E do doctor Marañón: «Conocedor coma poucos da Vida e da Historia, deu a todol-os seus escritos un senso tan pedagóxico, que dimpois de lér calquera dos seus libros, sempre xurde en nos o desexo de ser mellores». E iso xustamente é o que eu aprecio neste libro do gran sabio, humanista e ourensán, que é para min don Albino Núñez. Os Ensaios e Artigos de don Albino, non só resultan sumamente instructivos, despertan en nós ese desexo de ser mellores que el apreciaba nos libros de Marañón. E eu aprecio no seu e nalgún daqueles autores verdadeiramente grandes.

Grazas Xesús por presentarme a don Albino Núñez. Desde agora tal vez non sexa eu o seu mellor amigo, que haberá outros máis vellos, e deben ter preferencia, pero gustariame que me considerase entre os mellores. Tal vez entre os que leades este texto algún máis queira facerse tamén amigo de don Albino. Estou seguro que será ben recibido.

O Carballiño, 23 de febreiro do 2009