lunes, 30 de enero de 2012

Aúpa Mirandés!!

C.D. Mirandés 1971-72

Escribía Max Aub que un é de onde fixo o bacharelato. Eu estou de acordo, e por iso me considero tanto de Ribadavia e de Miranda de Ebro coma de San Clodio.


No instituto Fray Pedro de Urbina de Miranda estudei eu os dous cursos do Bacharelato Superior, nos anos 1971-72 e 1972-73. Estaba interno no colexio menor Carlos M. Rodríguez de Valcárcel, que se atopaba xusto á beira do vetusto estadio de Anduva, onde xogaba e xoga o C. D. Mirandés. Desde as ventás dos baños dos pisos altos do edificio do colexio, que hoxe xa non existe, víase case todo o campo, excepto a portería do norte, e non foron poucos os domingos que vin xogar ó Mirandés deste esas ventás. Unha das poucas veces que paguei para entrar no campo foi cando xogou o Ourense. Lembro ben que fóramos a ver o partido todos os galegos que estabamos no colexio e algún que outro paisano que residía en Miranda. Saímos todos afónicos do campo. Pero, pagara a pena, o Ourense, por medio de Mantecón, empatara no último minuto do partido, 1-1, despois de ir perdendo gran parte do mesmo.  Fora unha gran alegría que celebraramos cumpridamente na taberna do manco, na parte vella de Miranda. Logo, na segunda volta, o Ourense vencera no Couto ó Mirandés por 5-1: miúdo “vacile” levaron os compañeiros de Miranda no instituto! Aquel era o Ourense de Varela Pérez, Seijas, Tomé… A min en Miranda gustárame, sobre todos, Gradín, un centrocampista con gran técnica e personalidade, tipo Schuster, que ata me parece que era de cara a Castrelo de Miño, pero xa non me lembro ben. O ano seguinte o Ourense e o Mirandés xa non xogaban no mesmo grupo da terceira e non puideramos revivir aquela festa. Pero a 1972-73 foi a temporada na que o Ourense fixo unha xesta semellante á do Mirandés deste ano: eliminou á Real Sociedade da Copa, despois de gañar 3-1 en Donosti, no antigo campo de Atocha. Daquela, foron os numerosos compañeiros da zona de Bergara, que tamén estaban no colexio de Miranda (Larrañaga, Lascurain, Julen, Alfredo, Arreguí, Oregui …), os que nos tiveron que aturar os nosos “vaciles”...

O C. D. Ourense  que eliminou á Real Sociedade

No Mirandés, daquela, dábanlle algún minuto a un compañeiro meu do colexio, Pachi, que era de Soria e o mellor dos equipos de fútbol e baloncesto do instituto, nos que xogaba quen esto escribe. Neste último equipo estaba Mariano, fillo do conserxe do colexio, que tamén xogaría un par de anos despois no Mirandés. En baloncesto, os grandes rivais do noso equipo eran os da Deóbriga –que case sempre nos gañaban-. A figura deles era un tal Ernesto Sáenz de Buruaga, un aleiro guaperas cun tiro excepcional, tipo Brabender. Dous anos despois sería compañeiro meu de curso e habitación en Vitoria, e gran amigo...


Non vos conto máis.  E se tivese a sorte de que algún dos antigos e queridos compañeiros daqueles marabillosos anos lese este texto, pois unha forte aperta.


Aupa Mirandés!!!

2 comentarios:

Ramón Cid dijo...

Seguindo a Max Aub, eu son de A Ponte, ao outro lado do Miño, en Ourense, pois alí estaba, e está, o meu instituto. Enfín, teño que dicir que son do Posío, máis preto do Barbaña que do Miño. En todo caso, e "torcendo" tamén polo Mirandés no partido de hoxe, teño que dicir que viñéronme moitos recordos do que fala Jeanfrujo, pois fun un asíduo do Couto para ver ao Ourense daqueles setenta que foi quen de facer grandes fazañas e xogar un moi bo fútbol.
Recoñezo aínda á maioría dos xogadores da foto.
E por suposto...AUPA MIRANDÉS!

Jeanfrujo dijo...

Amigo Ramón. Aqueles xogadores, aqueles compañeiros e aquele partidos forman parte dos Paraísos Perdidos, por iso resulta tan doce lembralos….

Esta vez parece que Goliat vencerá a David, pero a memoria soamente respetará as victoria de David.

Aupa OURENSE, Aupa MIRANDÉS!!!