domingo, 3 de octubre de 2010

Nulla dies sine linea - wohl aber wochen... oder monate!


O xenio é laboriosidade
W.Benjamin

Nulla dies sine linea” (ningún día sen unha liña), di un famoso proverbio atribuído a Plinio o Vello. Na realidade, Plinio nunca escribiu tal cousa; o lema, tal como o coñecemos, naceu na Idade Media, recollendo, iso si, unha historia que conta Plinio na súa Naturalis Historia (35.84). A historia refírese á laboriosidade do pintor Apeles, que tódolos días pintaba algo, aínda que soamente fose unha liña. O caso é que agora o proverbio utilízase, xeralmente, como recomendación para todos aqueles que pretenden ser escritores, cambiando o significado orixinal da liña do pintor polo da liña de texto do escritor.

Walter Benjamin


Foi o filósofo xudeu-alemán Walter Benjamin (1892-1940) quen no seu Einbahnstraße (Dirección Única) escribiu: “Nulla dies sine lineawohl aber wochen.” (ningún día sen unha liña, pero si semanas), pensando que a inspiración non flúe de maneira continua, que precisa descansar de cando en vez para realimentarse. Doulle eu unha volta máis ó lema con ese “... oder monate!” (... ou meses). Fago con respecto, pensando non tanto na inspiración –na maioría dos casos resulta inútil esperala: simplemente non existe-, coma no beneficio que ás veces, se non case sempre, se lle fai á cultura universal gardando silencio. Conviría advertir que o proverbio, na súa formulación inicial, e no senso que agora se toma, invita a escribir tódolos días, pero non a publicar todo o que se escribe.

Preséntome así, de novo, máis convencido da necesidade de contar algo ca da atención que poida merecer o que conte. Seguro, en todo caso, do beneficio que supuxo o meu silencio de meses, e de que sempre hai cousas moito mellores que facer ca ler este blog. Por exemplo, ler a “Dirección Única” de Benjamin.




Aínda que os seus textos sempre semellen experimentais e fragmentarios, vale a pena un pequeno esforzo. Poderemos así descubrir, nunha paisaxe aparentemente caótica, esas reflexións súas que mesturan sabedoría e intensidade poética en proporcións dificilmente superables: “De haberme rozado ella con la mecha de su mirada, yo habría volado por los aires como un depósito de municiones…”; “En un amor, la mayoría busca una patria eterna. Otros, aunque muy pocos, un eterno viajar.”... Esas mesmas paisaxes urbanas e caóticas de “Dirección Única”, desde onde observaba Benjamin a decadencia da burguesía alemá (“aleación de estupidez y cobardía”), son as que o levan ó enunciado de reflexións case proféticas, e, en todo caso, terribles: “quienes aún esperan que las cosas no sigan así, acabarán por descubrir algún día que para el sufrimiento, tanto del individuo como de las comunidades, sólo hay un límite más allá del cual ya no pueden seguir: la aniquilación.” (escribía isto en 1928), “Ninguno ve más allá de la espalda del que le precede, y cada cual se enorgullece de ser, de ese modo, un ejemplo para el que le sigue...”. Aínda que tal vez a máis terrible das súas sentencias sexa aquela que nega valor algún a calquera tipo de dialéctica, e nos condena, en última instancia e como seres pensantes, a conformarnos con pírricas vitorias parciais, na senda unidireccional da gran derrota final: “convencer es inútil.”.

Desfrutemos entón desas efímeras e pírricas vitorias. E, se pode ser sen facer mal a ninguén, mellor!

1 comentario:

Cossue dijo...

Pois eu xa che botaba en falta, meu :-)