viernes, 13 de diciembre de 2013

Mafia

- quizais da voz toscana “smàferi”, que signifca sicario...
    -Non mi piace.                                                                                
do conto “Filoloxía” de Leonardo Sciascia.

Celebrábase un debate na televisión. A moderadora pedía opinións sobre a intervención da deputada Yolanda Díaz (AGE) na que cualificou ó PP de mafia. Entón, un dos contertulios habituais, catedrático de dereito constitucional para máis sinais, dixo que resultaba intolerable que nun parlamento democrático se acusase ó partido do goberno de ser unha organización criminal. Nin que dicir ten que, despois de tan contundente e autorizada opinión reprobatoria, ata os máis comprensivos coa deputada criticaron o cualificativo que utilizara. Do mesmo xeito, é probable que máis dun televidente se autoconfesase culpable de ter falado algunha vez da mafia dos partidos,  da dos árbitros, da dos controladores aéreos ou da que fose, sen caer en que estaba acusando ós membros deses colectivos de formar parte de organizacións criminais. A verdade é que foi un bo golpe de efecto do conspicuo catedrático, pero tiña unha trampa: consistía na utilización da polisemia ‘pluralidade de significados dunha palabra’ como estratexia manipuladora do discurso.
Porque “mafia” é, en efecto, o nome da coñecida organización criminal de orixe siciliano, un nome que tamén se lle pode asignar a calquera outra organización do mesmo tipo. Pero os dicionarios presentan desde hai algún tempo unha terceira acepción de mafia, a de ‘grupo que protexe os seus propios intereses utilizando medios ilícitos ou inmorais’ (Dic. Real Academia Galega). Esta acepción é a que nos permite cualificar de mafia ó PP sen dicir ningunha barbaridade. E o mesmo ó PSOE, ó BNG e, en xeral, a calquera partido, especialmente cando toca o poder. Porque, alguén coñece algún partido que na súa acción de goberno non protexese os intereses dos seus mediante métodos inmorais, cando non ilícitos? Agora ben, tamén hai que saber que os comportamentos mafiosos non son exclusivos das organizacións políticas: a maioría das asociacións, lobbies, empresas e ata  cuadrillas de mozos e adolescentes practícanos en maior ou menor grao. E por iso hai tantas mafias na boca da xente.
Pero aquí, coma en case todo, é moi importante a cuestión dos graos. A este respecto, e sen chegar ó crime no sentido estrito, un dos máis puros e característicos graos de comportamento mafioso é o da extorsión; nela encadraríanse prácticas tales coma o cobro de comisións ilegais e a destitución ou o veto de profesionais que non obran ou opinan en determinado sentido. En paralelo, a situación dos amigos políticos por diante doutros máis competentes ou, o que é máis grave, por enriba da propia xustiza, sería outro grao superior de comportamento mafioso. Atopamos algo de todo iso nos partidos políticos? Simone Weil (1909-1943), a gran pacifista e pensadora heterodoxa francesa, pensaba que había tanto que escribiu un Manifesto para a supresión dos partidos políticos, por consideralos incompatibles cunha democracia verdadeira. Máis de medio século despois da publicación do Manifesto, a democracia sen partidos non pasa de ser unha utopía na que eu non creo, pero os males alí diagnosticados eran reais. Neste momento, a poucos se lle escapa que o comportamento mafioso dos partidos é un dos máis perigosos velenos da democracia,  e máis concretamente da española.
Esa vergonzosa e dramática realidade xunto con outras de sobra coñecidas constitúen, neste momento e mal que nos pese, a verdadeira Marca España. Iso, e non as palabras de Yolanda Díaz, é o que debería resultar intolerable para os creadores de opinión, para os gobernantes e  para a sociedade en xeral. Pero moito me temo que nos seguirémonos divertindo co exercicio sinxelo e relaxante da caza menor. Dos mensaxeiros, claro está.

Artigo publicado no diario "La Región" o 13 de decembro do 2013 



No hay comentarios: