domingo, 17 de enero de 2016

Contaminación e corrupción


A  xente acostuma falar do que convén que fale e a calar sobre o que convén que cale. E nese senso, xa pouco se escoita do escándalo da Volkswagen. Lembrarei de que se trata: un software instalado nos automóbiles afectados detecta cando estes están nun banco de probas; en tal caso, emiten poucos óxidos de nitróxeno, pero consumen máis carburante e teñen menos prestacións; na estrada, pola contra, ese software deixa de funcionar e os coches consumen menos e aumentan a potencia, pero a emisión de óxidos de nitróxeno excede ata en corenta veces os valores permitidos. Problema: os óxidos de nitróxeno, xerados nos motores por oxidación do nitróxeno atmosférico, son uns potentes contaminantes que afectan gravemente á saúde dos cidadáns -con afeccións pulmonares e do sistema inmunolóxico- e ó medio ambiente -con formación de smog fotoquímico, ozono superficial e chuvia ácida-. Son os mesmos óxidos que desataron todas as alarmas na cidade de Madrid o pasado mes de decembro; cando non deixou de resultar chamativo que, diante do problema, a atención mediática se centrase en atacar á alcaldesa Carmena, e pouco no uso abusivo do automóbil ou no fraude da Volkswagen…

Agora están a saír os datos de ventas de coches do pasado 2015. No mercado mundial o fabricante alemán acabou caendo un 2%, debido sobre todo ó afundimento das ventas a partir de setembro, cando se descubriu o fraude nos EE UU. Pero en España, Wolkswagen volveu ser a marca máis vendida por cuarto ano consecutivo, cun incremento de ventas sobre o ano anterior dun 15%; aínda máis, sumando as cinco marcas da multinacional (VW, Audi, Seat, Skoda e Porsche) o incremento superou o 16%, e a cuarta parte do total de turismos vendidos foi dalgunha destas marcas. En suma, os cidadáns españois, diante dun grave fraude contra a legalidade e contra a propia saúde dos individuos, preferiron mirar para outro lado e, se acaso, aproveitarse das rebaixas que ofreceu a marca VW despois de ser cazada. Toda unha lección de ética colectiva.

Pero por non falar, tampouco se fala moito estes días de corrupción -salvo dos casos Pujol e Urdangarín, por razóns de axenda-, nin do que pasou con ela tradicionalmente en España: que as máis das veces resultou premiada polos votantes nas furnas. E aquí obsérvase un gran paralelismo entre o comportamento da sociedade española diante da corrupción e da contaminación. Claro que a relación entre corrupción e contaminación xa está presente na propia etimoloxía  das palabras. De corrupción (do lat. corruptio), como ‘destrucción, alteración, depravación, suborno’, xa nos falaba Cicerón na lingua do Lacio; e o mesmo de contaminación (do lat. contaminatio), co signficado de ‘ensuciar tocando, corrupción, contaxio’. É dicir, corrupción e contaminación teñen unha relación semántica tan antiga e íntima que chega ata a sinonimia  Polo tanto, resulta lóxico que a valoración dos cidadáns da práctica destas dúas accións por persoas e institucións, públicas e privadas, sexa semellante. O que sorprende é a benevolencia dos españois con tales comportamentos.

A min estas constatacións lévanme a Churchill, a cando dicía que era difícil manter a confianza na democracia despois de conversar cinco minutos cun votante medio. Talvez porque non existe conversación máis clara cun votante medio ca estar atento ás decisións colectivas da xente, sexan ou non electorais… Pero tamén hai que concordar co mesmo Churchill en que a democracia é a peor forma de goberno posible, exceptuando tódalas outras experimentadas.


Artigo publicado no diario La Región o venres 15 de xaneiro do 2016

No hay comentarios: