viernes, 28 de febrero de 2014

Entroidos de antano: a botarga

Aínda resulta frecuente escoitar no Ribeiro a expresión “parece unha botarga”, pronunciada con gheada e dirixida a unha muller que vai vestida de forma ridícula ou estrafalaria, e tamén se di “ai que botarga é!” da que ten pouco siso e fai parvadas. Máis raro é escoitar o mesmo dun home. Noutros lugares, “botarga” xa é voz esquecida, pero Don Eladio, o ribeirao que fora presidente da Real Academia Galega entre 1926 e 1934, apuntaba no seu dicionario: «Hasta comienzos del siglo XX, la botarga fué durante los carnavales la máscara más popular en el Ribeiro de Avia, lo mismo que en otras comarcas orensanas. Traía en la mano una vejiga de cerdo, inflada, sujeta por un cordel, y una especie de rebenque con que ahuyentaba y perseguía a los muchachos, que a su vez corrían tras de ella con gritería infantil». Na miña infancia, no entroido do Ribeiro, xa só se falaba de máscaras e de carautas, pero ninguén ignoraba o que era ser ou parecer unha botarga. 
Resulta de grande interese a orixe deste nome,  que se remonta a finais do século XVI, cando chega a España a Commedia dell´arte, un xeito de facer teatro creado por cómicos italianos que mesturaba elementos do teatro literario renacentista con outros do entroido, coa mímica, coas acrobacias e con grandes doses de improvisación. A compañía máis famosa da época foi a de Alberto Nasselli e Agabaro Frescobaldi, artistas que daban vida a diversos personaxes, entre eles Botarga (Frescobaldi) e Ganasa (Nasselli), unha parella do tipo da do gordo e o fraco,  na que o gordo e simple era Botarga e o fraco e listo era Ganasa. O traxe característico de Botarga, dunha peza e abotoado, moi frouxo e feito de cores vivas casadas en contrario, pronto se fixo famoso; o mesmo Lope de Vega, en 1599, nunha representación carnavalesca feita en Valencia na honra de Felipe III e Margarita de Austria, con motivo da súa voda, presentouse, segundo o cronista, “vestido de Botarga”. Porque a parella de Ganasa e Botarga convertérase nunha representación figurada da loita entre don Carnal (Botarga) e dona Coresma (Ganasa), e de aí a súa presenza en  moitos entroidos peninsulares. Incluso hai opinións moi autorizadas que non dubidan en situar a imaxe da parella de Ganasa e Botarga como a principal entre as que inspiraron en Cervantes a de Don Quixote e Sancho. Pero, fose como fose, o caso é que arredor de 1580 a parella italiana separouse, e Frescobaldi, casado cunha actriz española, seguiu interpretando o seu papel con grande éxito pola Península, como o demostra que a voz “botarga” xa apareza incorporada ó léxico castelán a principios do século XVII. E eses ecos chegaron a Galicia e ó galego. 
Para non darlle traballo extra á Real Academia, nin incomodar máis ós firewall da lingua –despois do tema de “pulpo”-, non solicitarei a incorporación de “botarga” ó galego normativo: tranquilos. Pero non me resisto a contar que con Naselli, o socio de Frescobaldi, comezou a traballar en España, arredor de 1587, Tristano Martinelli, interpretando o seu personaxe de Arlecchino, co que xa trunfara en Francia e en Italia, e cuxa vestimenta, de máscara negra e traxe de rombos, aínda hoxe resulta característica. Pois ben, dese Arlecchino vén o “arlequín” do castelán e do galego, unha palabra que, por certo, a diferenza de “botarga”, ningún dicionario histórico de galego rexistra, salvo o da Academia. Curioso!

Artigo publicado no diario "La Región" o venres 28 de febreiro do 2014