viernes, 21 de febrero de 2014

A luz en tempos escuros

Cóntase que alá polo ano 1850, en Londres, impartía unha conferencia Michael Faraday, o científico que descubriu a lei que rexe o funcionamento dos alternadores que aínda hoxe xeran a case totalidade da enerxía eléctrica; cando rematou, achegóuselle William Gladstone, á sazón ministro de finanzas británico, para preguntarlle de que podía servir aquel invento, ó que Faraday respondeu: «Señor, é probable que no futuro a electricidade faga rica a moita xente, e que o Estado cobre cuantiosos impostos por ela». Aposto que a maioría dos membros dos consellos de administración das grandes empresas eléctricas españolas, incluída a recua de políticos que quentan as súas sillas mentres se forran con tan aburrida ocupación, ignoran quen foi Faraday, pero saben moi ben o que se gaña coa electricidade. Porque en España nunca houbo gran interese pola ciencia, pero si unha gran ansia de riqueza. E, a falta do necesario coñecemento para producila, nunca faltou un exército de espabilados dispostos a fundir na miseria ó resto do país con tal de conseguir, para eles e para os seus, a tan anhelada riqueza. Con ese fin sempre promoveron a ignorancia, para así poder contar as trolas máis incribles sen poñerse colorados. O resultado é este reino das mentiras que chamamos España.
O caso da luz resulta paradigmático. Porque hai que ser cínicos para soster, como se fai desde o Ministerio de Industria, que o incremento da parte fixa do recibo da luz foi para favorecer ás familias con fillos. Molesteime en calcular o que pagaba unha vivenda cun consumo bimensual de 600 kWh  e unha potencia contratada de 4,4 kW(consumidor medio) antes e despois do cambio: resultou practicamente o mesmo, uns 130 euros. Isto significa que os que non chegan a ese consumo (os máis humildes) agora pagan máis, e os que o superan (os máis ricos) agora pagan menos: coma sempre! 
Pero, ademais, a razón da reforma nada ten que ver co que se di, senón con que o consumo eléctrico ten caído a niveis de 2005, e nin cos prezos máis caros de Europa se consegue frear a perda de ingresos das eléctricas. Solución: castigar o aforro e recadar a diferenza nas vivendas baleiras e nas temporalmente ocupadas, que as hai por millóns, aumentando a parte fixa do recibo. Así, unha coa potencia contratada antes citada e consumo cero, pasou de pagar 23 a pagar 35 euros, é dicir, un 50% máis! Xustificación: para o Ministerio, os que teñen unha segunda vivenda son ricos. Con esa lóxica, asómbrense, Ourense sería unha das provincias máis ricas de España, porque ocupamos a cabeza no ranking de vivendas desocupadas (22,5%), e por iso somos dos máis prexudicados pola medida. 
Pero encima de estafarnos queren facernos crer que  todos os que conservan casa familiar na aldea e, con algo de sorte, malviven cun salario ou pensión de subsistencia na vila ou na cidade son ricos; o mesmo ca todos os que cos seus aforros mercaron un piso, pensando que vivían nun país normal onde os seus fillos terían traballo, e agora teñen ós fillos bailando polo mundo e o piso baleiro… Cavilaron eses chupópteros disfrazados de storytellers que sería da Galicia rural se os propietarios das casas, que viven maioritariamente nas urbes, abandonasen esas propiedades por non poder sostelas? Pensaron que vai pasar nas propias urbes cando os desorbitados gastos das vivendas baleiras non poidan ser soportados por propietarios que están no paro ou malvivindo polo mundo adiante? Desde os seus sillóns e con millóns de euros gardados sabe Deus onde, os organizadores deste espolio nunca pensan en tales cousas. Pero non descansan: xa planean como estafarnos con ese novo recibo só comprensible para quen teña un máster en mercados enerxéticos.

Artigo publicado no diario "La Región" o venres 21 de febreiro do 2014.

No hay comentarios: