lunes, 9 de octubre de 2017

Josep Pla

Ninguén sabe o que vai pasar este xa fatídico 1-O da historia de España e de Cataluña, pero o que desexamos case todos é que pase en paz. Mentres, resulta  case imposible situarse á marxe do gran problema no que nos meteron. Porque, tal como di o historiador Álvarez Junco, isto nace dun conflito entre as elites políticas, basicamente barcelonesas e madrileñas, competindo por apropiarse de competencias e recursos. Foron elas as que encirraron ó pobo, e agora estamos onde estamos. O pobo, en xeral, salvo catro exaltados, o que quere é tranquilidade e benestar, pero as elites son conscientes de que tampouco é tan difícil mobilizalo apelando a sentimentos e paixóns enquistadas. Os políticos responsables, que saben que non todo está permitido para tombar ó contrario, abstéñense de tocar certos rexistros. Pero cando medra a irresponsabilidade da clase política, como ten medrado en España, abandónase ese principio e calquera cousa pode suceder. Dito isto, subliño que a responsabilidade principal do que está pasando correspóndelle ó goberno da Generalitat.
E nestes días de voraxe informativa, cando escoitaba as opinións dalgúns dos  manifestantes que tomaron as rúas de Cataluña, lembreime de Josep Pla (1897-1981), un dos máis grandes escritores que ten dado Cataluña e referencia intelectual permanente para min.
Aparte da admiración mutua por Montaigne, Proust, Baroja ou Machado, comparto moitas das ideas do Pla maduro e experimentado -menos do Pla mozo-, pero a máis importante talvez sexa a do escepticismo respecto dos homes. «Non creo moito nos seres humanos» e  «Este mundo resulta incompatible coas persoas honradas» son dúas sentencias de Pla que subscribo totalmente. E asombroume ver como estudantes universitarios que apenas entraran na primavera da xuventude xa tiñan totalmente claras as raíces e as saídas do irresoluble problema de Cataluña, o mesmo cós adultos consultados. Pla, lembrando a súa xuventude, escribira: «Ós vinte anos tense unha visión moi simplista das cousas»; e sobre Barcelona e os barceloneses apuntara algo que agora resulta común en calquera sitio: «Esta é unha cidade na que todo o mundo o sabe todo». Mal o ten entón a razón traballada (non hai outra) nesta contenda.
Entusiasmados, os entrevistados falaban da república ideal que van crear: democracia perfecta, traballo para todos, servizos sociais inmellorables, corrupción cero, ...: unha Arcadia feliz. E outra vez Pla, nesta ocasión contestando a alguén que lle falaba mal da monarquía: «Se vostede me di que a monarquía é unha merda eu contéstolle con obxectividade total que a república tamén o é. As obras dos homes son o que son, e non poden ser outra cousa».
Tamén saía o tema do inxusto trato económico a Cataluña. E Pla, que coñecía moi ben a historia do seu país, xa tiña resposta para esta vella cuestión e para a asociada en favor da independencia: «A riqueza catalá parte de Joan Güell y Ferrer, impulsor do proteccionismo en España; desde entón Cataluña é un país inmensamente rico, groseiro e espantoso»; «O  catalanismo non debería prescindir de España: os cataláns fabrican moitos calzoncillos, pero non teñen suficientes cus».
Pla sabía moito da política e dos políticos cataláns, pasara polo nacionalismo e incluso polo independentismo, pero despois dos sucesos da II República e da total falta de lealdade de Esquerra con España, acabou repudiando o catalanismo político (que non o cultural) e posicionándose en contra de calquera variante do irredentismo e do vitimismo catalán.
Apunte final: desde 1969 entrégase en Cataluña o Premio de Honor das Letras Catalás. A Josep Pla, o seu escritor máis universal, nunca se lle concedeu.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 1 de outubro do 2107.

No hay comentarios: