sábado, 21 de octubre de 2017

Spain is different

Talvez debería escribir sobre outras cousas e deixar o tema de Cataluña. Pero cando algún perigo ameaza debemos enfrontarnos a el: asubiar e mirar para outro lado non serve de nada. De feito, unha boa parte da gravidade do problema que temos vén diso: de que os primeiros obrigados a atallalo miraron para outro lado demasiado tempo. Agora entramos noutra semana crucial, na que ninguén sabe que vai pasar. Confiemos en que, coma ata agora, nada do que suceda sexa irreparable.
E aínda que case todo está dito, quixera insistir na idea do historiador Álvarez Junco que recollía no meu artigo de hai quince días, porque me parece moi importante:  que esta fase aguda do conflito catalán non nace do pobo de Cataluña, como pensa moita xente, senón dun enfrontamento entre as elites políticas, sinaladamente barcelonesas e madrileñas, que, incapaces de resolvelo nas institucións, acabaron transferíndollo á xente.
Hai uns datos que apenas se manexan e que a min me resultan moi significativos. O Centro d´Estudis d´Opinió (CEO), dependente da Generalitát de Cataluña e polo tanto libre de sospeitas de españolismo, publicaba o último barómetro sobre as opinións políticas dos cataláns en xullo deste ano; é dicir, noutronte. E, que nos dicía ese barómetro? Primeiro: un 35% dos cataláns quería que Cataluña fose un Estado independente, un 31% decantábase por que seguise sendo unha Comunidade Autónoma, un 22% por que fose un Estado dentro dunha España Federal e un 8% non sabía ou non contestaba. Segundo: un 39% das persoas entrevistadas sentíanse tan catalás coma españolas, un 23%  exclusivamente catalás, un 22% máis catalás que españolas, un 7% máis españolas ca catalás e un 5% exclusivamente españolas. En suma, que a maioría dos cataláns non estaba pola independencia e que o sentimento dunha nacionalidade  catalá exclusiva tamén era minoritario. Curiosamente, tan só dous meses despois, está moi estendida a crenza contraria: que os independentistas son maioría en Cataluña.  Non obstante, o certo é que seguirán sendo aproximadamente os mesmos. Porque a xente non cambia os seus sentimentos de identidade dun día para outro. Así o demostran todas as análises históricas deste tipo de cuestións. Cando, por exemplo, estudamos  como evolucionou a maioría parcial dos que se senten tan cataláns coma españois, vemos que o 39% actual era un 39,5% hai dez anos, e un 35% hai vinte e cinco; é dicir, que apenas houbo unha variación significativa de tal sentimento en todo un cuarto de século. O que si parece que medrou nos dous últimos meses, en case vinte puntos, foi a proporción dos que pensaban que se debía realizar un referendo. Pero iso non é un sentimento: é un estado de opinión, e as opinións si que varían, rápida e facilmente: hoxe nun sentido e mañá no contrario.
Reclaman os soberanistas, incansables, ese “dereito a decidir” que tan ben soa a oídos incautos, pero que ningunha democracia recoñece do xeito absoluto que o pretenden. E reclamaría eu, se mo permiten, un dereito que tampouco aparece en ningunha constitución, pero que debería figurar en todas: o dereito dos cidadáns a que os deixen tranquilos. Ós políticos elíxense e págaselle, fundamentalmente, para que resolvan problemas, non para que os creen. E á maioría absoluta da cidadanía xa nos chega ben cos contratempos que nos trae o azar da vida... Eu, se queren que lles diga, o que sinto nestes días é  unha profunda envexa. De quen? Dos cidadáns europeos que se levantan cada día sen temor a que ningún político iluminado poña en perigo o marco político e territorial no que se desenvolve a súa existencia. Pero xa se sabe: Spain is different.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 15 de outubro do 2017.

No hay comentarios: