viernes, 6 de junio de 2014

Un tempo novo

Colleume de sorpresa o anuncio de abdicación do rei Juan Carlos. O momento elixido, logo do castigo inflixido nas urnas ós dous grandes partidos, principais apoios da Monarquía no Parlamento, fíxome lembrar a caída de Alfonso XIII; porque daquela foron os resultados dunhas municipais os que precipitaron os acontecementos que remataron na proclamación da II República. Máis tarde sóubose que, na realidade, foran os monárquicos os que gañaran as eleccións -23.000 concelleiros fronte a 3.500, segundo Pla-, pero os republicanos gañaran nas cidades! Agora, as forzas emerxentes que poñen en dúbida a lexitimidade democrática da Coroa e se decantan pola República tamén medraron, especialmente nas cidades: pero tampouco gañaron.
Hai un libro que nunca abandono desde que comezou esta crise: trátase de Algo vai mal, do malogrado historiador británico Tony Judt, libro que ben merecería ser de cabeceira dos nosos políticos e dos nosos xoves. Cando fala do lamentable espectáculo que ofrecen os partidos políticos e da necesaria rebeldía dos mozos, escribe: «Non obstante, as eleccións seguen sendo o único medio de converter a opinión pública en acción colectiva dentro da lei. Así que os mozos non deben de perder a fe nas nosas institucións políticas... A desconformidade debe permanecer dentro da lei.».
Non é fácil de explicar en poucas liñas como, nestes tempos, a forma de xefatura do estado, monárquica ou republicana, pouco engade ó principio democrático. Limitareime a lembrar algo que escribía Torres del Moral nun texto de Teoría do Estado: «después de la evolución experimentada por la monarquía, es insostenible la sinonimia democracia=república». E sobre a lexitimidade da institución monárquica en España téñense pronunciado voces tan autorizadas coma a de Santos Juliá: «El Rey, que heredaba un poder ilegítimo, conquistó para la Monarquía la legitimidad, porque en el ejercicio de su función institucional llevó a la práctica lo que del jefe del Estado esperaban las fuerzas de oposición a la dictadura».
Preguntáronlle non hai moito a Paul Preston,  hispanista inglés e biógrafo do Rei, cal era a súa opinión sobre a monarquía española: «Eu non son monárquico, pero coido que a monarquía constitucional xoga un papel primordial na democracia española... Igual me trabuco, pero penso que se agora mesmo houbera unha república en España, cos odios e as crispacións que existen... Quen sería o presidente? Aznar, Felipe... Imaxine o que iso suporía...». Un inferno. E creo que é opinión compartida por moitos españois.
Non, a forma de xefatura de estado pouco ten que ver cos serios problemas que afronta España, máis relacionados coa incapacidade dos dous grandes partidos para abordar as reformas que a situación esixe. Un país non pode desfacerse e reinventarse cada vez que aparece unha crise seria; ó contrario, encarala desde a estabilidade constitucional é a máis clara sinal dunha democracia avanzada. A mensaxe de renovación da Coroa, que, estou seguro, non se reducirá ó cambio na figura do monarca, debe chegar nítida a todas as outras institucións do Estado, porque os tempos de boa parte dos seus representantes son pasados, e faríanlle un enorme servicio ó país iniciando a súa retirada á honrosa condición de cidadáns de a pé. Seralles duro, porque duro é saber que o tempo dun xa pasou; pero, se así sucedese, estaríamos no transo de xerar as novas ilusións precisas para saír  definitivamente desta maldita crise.
Vin as bandeiras da nostalxia na Porta do Sol, pero o pasado é un país imaxinario. Vin ó Rei na despedida. Todas as despedidas son tristes. Lembrei unhas palabras de Vida e Destino: «Onte mesmo confiabas en ti, nas túas forzas, alegre, fillo do tempo. Pero hoxe chegou un tempo novo...».

Artigo publicado no diario “La Región” o 5 de xuño do 2014