domingo, 29 de junio de 2014

A espiral

Relacionado talvez coa importante presencia da súa forma xeométrica na natureza, desde nas teas das arañas ata nos brazos das galaxias, a espiral é un dos símbolos máis antigos en diversas culturas. Pero a idea da espiral non adoita ser estática, asóciase na maioría dos casos con movementos desa traxectoria, coma os dos remuíños na auga ou no vento. A fascinación que produce a espiral ten que ver coa elegancia da curva, relacionada coa proporción áurea, e a súa metáfora co movemento asociado, por como se vai volvendo vertixinoso segundo avanza. A física dos movementos en espiral, estudada por mentes tan lúcidas coma as de Arquímedes, Descartes ou Bernoulli, non resulta sinxela, pero hai unha propiedade que destaca polo seu carácter paradoxal: no movemento cara ó vórtice o número de voltas  resulta infinito, pero o tempo de impacto mantense finito. Mutatis mutandis, un pensaría que as situacións enfrontadas, nas que uns din “arre” e  outros “xo”, poderían manterse ad infinitum en círculos viciosos; pero non, adoitan derivar en espirais case sempre tráxicas: de odio, de ira, de violencia… 
O problema catalán ten tódalas características dun movemento espiral. A curva comezou  a debuxarse hai trescentos anos, en 1714, coa capitulación de Barcelona, defensora da causa do Archiduque Carlos na Guerra de Sucesión, e coa disolución das institucións de goberno de Cataluña, daquela das máis avanzadas de Europa, substituídas polas centralistas da monarquía absoluta, impostas mediante o Decreto de Nova Planta de Felipe V. Daquela afronta nunca curada e do intento de castelanización cultural de Cataluña veñen a maioría dos problemas da vertebración de España que tanto preocupaban a Ortega. Agora estamos a piques de afrontar o maior desafío para a estrutura territorial peninsular do Estado  dos tres últimos séculos; e non é fácil saír dunha espiral cando xa se entrou na zona vertixinosa.
Equivócanse os que argumentan contra a secesión apelando a que sería un desastre económico para Cataluña: aínda o sería maior para o resto de España. Tamén se equivocan os nacionalistas que apelan á identidade nacional e histórica para pedir un estado propio: ignoran os efectos do camiño que percorremos xuntos e que nos tempos que corren, de identidades múltiples, tal vez non exista un concepto político máis anticuado co de  “unha nación, un estado”. Non, o problema non é de viabilidade senón de conveniencia: viable sería a independencia de California ou a de Baviera, pero non son convenientes. O debate debe centrarse en valorar os proles e os contras de tan grave decisión. E nun debate limpo, racional e intelixente os contras gañarían por goleada. De darse tal debate –imposible neste momento en Cataluña e difícil no resto de España- emerxerían os erros que fixeron aumentar o desapego dos cataláns e facilitaron a conversión do seu tradicional nacionalismo, de corte rexeneracionista, en claramente independentista; pero tamén se aclararía como as teses nacionalistas se converteron en discurso único en Cataluña e se foi minando a necesaria idea de España como proxecto común. 
Diante deste panorama o inmobilismo non é solución: precísase un diálogo franco na busca dun gran pacto que, con xenerosas entregas e xenerosas renuncias, como xa dicía Américo Castro, inaugure outro xeito de entender o camiño común. E este tempo novo pode axudar. Pero, chegado o caso, non se debe de esquecer que todo o que cae dentro da Lei está permitido, incluída a celebración dun referendo consultivo pola vía do art. 92. Non é desexable, porque sería traumático; pero, en última instancia, non se sabe de ninguén que gañase unha batalla finxindo que non había que loitar.

Artigo publicado no diario "La Región" o venres 27 de xuño do 2014

No hay comentarios: