viernes, 13 de junio de 2014

O traballo no século XXI

A etimoloxía de “traballo”, do latín trepalium ‘instrumento de tortura formado por tres paus’, acércanos ó significado orixinal da palabra: o traballo era un xeito de tortura dos homes. E iso foi durante case toda a historia da humanidade. Aínda así, en España, contra do que pode parecer estes días, a xente demanda traballo antes ca nada. Noutros países prefiren pedir emploi, job, lavoro; e ser ouvriers, workers, lavoratori, antes ca traballadores. E non resultan banais esas preferencias léxicas; porque a maioría da xente, máis ca traballo, o que quere é un emprego cómodo cun salario digno. Postos a escoller, todos preferiríamos cobrar sen traballar a traballar sen cobrar; proba de que, por moito que se diga, o traballo non é un anhelo natural dos homes. Así, diante do panorama de desemprego que nos afoga, eu non centraría a demanda en máis traballo. Algo diso fíxose xa no XIX, «e as penas do traballo forzado abatéronse sobre o proletariado en maior cantidade cás langostas da Biblia», en palabras de P. Lafargue; e o mesmo nos anos trinta do XX,  cando a petición rematou cuns carteis colocados á entrada dos campos de concentración nazis nos que rezaba: «O traballo faravos libres»... Logo Orwell debuxaría a sociedade totalitaria do futuro, pero nela o traballo, proporcional á miseria, sobraba. Un dos lemas daquela sociedade era: «A liberdade é a escravitude»; e algo  diso xa se ve: basta analizar o groso dos postos de traballo que se crean.
 Eu estou con Montaigne, cando pensaba que de traballo «basta co suficiente para manterse vigorosos e libres das incomodidades dos que caen no extremo dunha ociosidade covarde e adormecida». E Voltaire, cando retrataba ó home máis feliz do seu Cándido, facíao na figura dun ancián que, ignorante das intrigas dos poderosos, se limitaba a cultivar unha pequena horta coa axuda dos seus fillos, «e o traballo líbranos de tres das máis insufribles calamidades do home: o aburrimento, o vicio e a necesidade»; é dicir, que nin o ocio absoluto nin o traballo excesivo son bos para o home. Pero talvez o ensaio máis lúcido sobre esta cuestión fose o Eloxio da ociosidade de Bertrand Russell, escrito en 1932, en plena Gran Depresión. Nel lemos: «Con que cada asalariado traballase catro horas ó día, habería para todos e non habería paro.». Porque xa daquela a técnica fixera innecesaria moita man de obra; pero mentres a metade da poboación ía ó paro, o resto traballaba en exceso por salarios miserables: coma agora. Dirase que despois arranxáronse as cousas; si, pero antes houbo que sementar de mortos e de ruínas medio mundo, como predixera o propio B. Russell, que coñecía ben o entusiasmo dos humanos polos fogos artificiais.
Os avances tecnolóxicos da primeira metade do século XX semellan ridículos comparados cos que se están dando agora, coa revolución informática e a robotización. C. B. Frey e M.A. Osborne, da Universidade de Oxford, nunha minuciosa investigación, estiman que en dúas décadas os ordenadores e os robots eliminarán arredor do 45% dos empregos de EE UU.  Confírmase así o enterro da Lei de Say, piar da economía neoclásica que establecía que a oferta xeraba a súa propia demanda, mercado de traballo incluído. Agora, nin os aumentos de productividade nin os baixos salarios tiran o necesario da demanda de emprego. Solución? A mesma que propoñía Russell: reparto do traballo e aumento  do tempo libre da xente. Hai riqueza máis que suficiente para iso. Cal é o problema? O de sempre: a cobiza dos que nunca se ven fartos, que agora dispoñen dunha capacidade de dominación nunca antes imaxinada. Por iso non cabe descartar que todo isto remate noutra gran sesión universal de fogos artificiais. 

Artigo publicado no diario "La Región" o mércores 11 de xuño do 2014