martes, 28 de octubre de 2014

Asalto á reitoral

Parece un título de película pero non o é. Nos últimos anos, os roubos con forza en vivendas aumentaron moito. En 2013, en Galicia rexistráronse 4.563 roubos deste tipo, dos que 1.656 foron en Ourense, o que significa un golpe cada dúas horas. E dentro do total, causan moita alarma os asaltos ás casas parroquiais e ós curas. O 6 de xullo asaltaban ó párroco de Vilar de Ordelles (Esgos) cando durmía na reitoral; atárono e malláronlle, para levar 500 euros. O 14 de setembro, á noitiña, os ladróns entraban na reitoral de Cruces (Padrón), agredindo ó abade e maila asistenta, que morreu de resultas. Na madrugada do 5 de outubro foi o párroco de Pontedeume o asaltado… Ninguén lembra concentración tal alta de roubos a curas e casas reitorais.
Pero a historia está, entre outras cousas, para lembrarnos feitos que a memoria non alcanza. E aquí si que poderíamos utilizar o título dunha película: Retorno ó pasado. Porque se retornamos á Galicia da primeira metade do XIX atopamos un fenómeno de gran importancia histórica: o bandoleirismo. Daquela, o país viuse asolado por gavelas de foraxidos que centraban as súas accións no roubo de casas grandes e de reitorais. E caracterizouse aquel bandoleirismo pola extrema violencia, especialmente cos curas. Era moi común: a escenificación da “matanza do porco”, que consistía en espir á vítima, atala no banco da mata, mandarlle facer acto de contrición e, por último, poñerlle un coitelo de matachín na gorxa, mentres se dispuña un caldeiro para recollelo sangue, todo para que “cantara”; atarlle unha corda ós xenitais e ameazar con colgalo, botarlle aceite fervendo e outras barbaridades que ata dá arrepío contar. De resultas das torturas non foron infrecuentes as mortes nin as gravísimas lesións. Entre os curas asasinados: o de Aldán (1809), o de Bermes (1811), o de Saiar (1814), o de Bergondo (1821), o de Nantón (1822), o de Mariz (1826) e algúns máis. En total, de 1800 e 1850 foron asaltados 508 párrocos en Galicia: un de cada cinco.
Na provincia de Ourense actuaron varias bandas. No Ribeiro, onde se realizaron algúns dos  maiores roubos a casas grandes, actuou a de Manuel Carvajal, carpinteiro de Astariz, detido arredor de 1820; logo, a de Lázaro Rivadulla, aforcado en Santiago en 1827, que tamén traballou polo Carballiño, Chantada e a Limia; máis tarde, unha capitaneada por Pantaleón Mosquera, de Castrelo. Entre O Carballiño e Cotabade actuou a do “Tuno”, formada por máis de cen delincuentes, que se organizaba na taberna do Paraño; logo, a de Isidro Rodríguez, de Rouzos, que tiña como asistentes ós taberneiros de San Fiz de Navío e de Oseira. Por Cea estaba a do “Rabelo”, abatido en 1835 cando saía da casa da querida. Por Arnoia e A Limia atacaba a de “Figueroa”, liquidada en 1811 ó ser executados os cabecillas; logo veu a do portugués “O Veloso”, detida en 1820 na taberna da Serra (Leiro); máis tarde, a de “Tomás das Congostras”, que torturou ó abade de Muíños. Por Trives e Caldelas foi famosa a dos “Majitos”, que eran de Santo Estevo de Ribas do Sil. Polos arredores de Ourense  a máis activa foi a de Pedro Zamud, que colgou das partes pudendas ó cura da Peroxa, e cuxos seis cabecillas foron aforcados… E, no medio de tanta violencia, ata un “bo ladrón”: o que cando viu malferido ó cura de Couso de Limia, deitouno nun colchón e limpoulle as feridas con augardente.
Beatriz López Morán, autora dunha tese e de varios libros sobre este tema, conclúe que o bandoleirismo do XIX en Galicia foi «o único remedio para que centos ou miles de persoas puideran sobrevivir». É dicir, foi un resultado direto da pobreza. Tomemos nota.

Artigo publicado no diario La Región o venres 24 de outubro do 2014

No hay comentarios: