lunes, 20 de octubre de 2014

Átomos

Richard Feynman (1918-1988) foi un destacado físico estadounidense, gañador do Nobel en 1965. Nas  súas Lectures on Physics, a principios dos setenta, fixemos moitos o primeiro achegamento serio á Física, porque Feynman, ademais de investigador, foi un dos máis grandes mestres desta disciplina. Nunha das lectures facía Feynman esta interesante conxectura: «Se por un cataclismo resultarán destruídos tódolos coñecementos científicos e unha soa frase puidera pasarse ás xeracións seguintes, que sentencia contería a máxima información no mínimo de palabras? Eu creo que  sería esta: “todas as cousas están feitas de átomos”...Nesa única frase está contida unha enorme información sobre o mundo». Os anuncios, a semana pasada, dos Premios Nobel de Física e de Química fixéronme lembrar a reflexión de Feynman.
O Nobel de Física gañárono tres xaponeses, Akasaki, Amano e Nakamura, polo invento, en 1992, dos LEDs azuis, díodos emisores de luz azul. Os vermellos e os verdes xa se conseguiran trinta anos antes, pero os azuis resistíanse, imposibilitando a existencia das lámpadas LED de luz branca. A invención dos azuis fixo posible a construcción desas lámpadas e o inicio da revolución que agora estamos vivindo na iluminación. As lámpadas LED: multiplican por cinco a eficiencia luminosa das fluorescentes –ás que xa non cabe chamar de “baixo consumo”- e por vinte a das antigas de incandescencia, o que conlevará un importante aforro de recursos enerxéticos; eliminan os perigos contaminantes das fluorescentes, que conteñen mercurio e a maioría tíranse directamente ó lixo, e duran ata dez veces máis ca estas últimas. 
O Nobel de Química foi para os estadounidenses Betzig e Moerner e para o alemán Hell, polo seu desenvolvemento da microscopía fluorescente de alta resolución, a chamada “nanoscopía”. Esta permite ver moléculas individuais, algo imposible cos microscopios ópticos tradicionais, incapaces de superar o límite de resolución de 0.2 micrómetros que establecera Abbe en 1873.  Abriuse así unha fiestra ó estudo, en tempo real, do comportamento molecular dentro das células vivas, algo impensable ata hai pouco, e que leva conducido, por exemplo, a grandes avances no estudo do Parkinson e do Alzheimer. 
Curiosamente, no cerne dos dous inventos hai algo en común: unha emisión luminosa asociada a electróns que caen desde uns estados enerxéticos superiores a outros inferiores, dentro da estrutura dun cristal de nitruro de galio excitado pola corrente eléctrica no caso dos LEDs, e dentro da estrutura dunha molécula fluorescente excitada por un láser no caso da nanoscopía. En suma, os dous grandes logros veñen do estudo dos átomos e da súa estrutura interna: daquel coñecemento fundamental que apuntaba Feynman.
E, mentres tales estudos fan avanzar o mundo, investigadores españois nestes campos teñen que emigrar. Aquí fináncianse mellor os estudos sobre as nosas teimas de sempre: identitarias, lingüísticas, históricas, literarias, políticas, folclóricas…Por desgraza para nós, ó mundo móveo o coñecemento, e ningún país de costas á ciencia pode garantir o benestar dos seus cidadáns. O ranking de premios Nobel de Física e de Química pode valer de indicador do potencial de coñecemente dun país: EEUU (117), Alemaña (48) e Reino Unido (43) encabézano; España (0), Portugal (0) e Grecia (0) –que casualidade!- están á cola no contexto europeo; entre medias: Francia (17), Holanda (12), Polonia (12), Austria (8), Suecia (7), Dinamarca (6), Italia (5)… É triste, pero isto é o que hai.
Si; en literatura estamos mellor: en sétima posición, con 5 premios, empatados con Polonia e con Rusia… Xa se sabe: non se conforma quen non quere!

Artigo publicado no diario La Región o sábado 18 de outubro do 2014