domingo, 12 de octubre de 2014

O Boletín Auriense


A presentación do Boletín Auriense é, creo, un dos acontecementos culturais máis importantes do ano en Ourense. Pode parecer unha afirmación esaxerada, pero tratarei de xustificala.
Contra o que comunmente se cre, a historia non existe per se: vaise creando segundo se escribe. A maiores, o seu nacemento como ciencia non sucede ata ben entrado o século XIX. No proceso, que se dá no contexto común europeo de reivindicación das identidades nacionais,  xogaron un papel fundamental as revistas de historia, porque, como dicía Marc Bloch, «as investigacións históricas non admiten a autarquía». Desa época son: a francesa “Revue Historique”(1876), o español “Boletín de la Real Academia de la Historia” (1877) ou a “Rivista Storica Italiana” (1884), entre outras. E Ourense non quedou á marxe, porque en 1898 comezou a publicarse o “Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos”. A creación desas Comisións Provinciais, en 1844, foi unha das iniciativas culturais máis importantes do XIX. Tiñan como fin principal a protección do patrimonio histórico-artístico, sobre todo do que quedara nas mans do Estado despois da Desamortización, ameazado por múltiples perigos. Para iso concedéronselle amplas atribucións ás citadas Comisións: na catalogación de bens; na recolección de libros, pinturas, documentos…; no coidado de museos e bibliotecas e na creación de arquivos. A elas debémoslle a conservación de moitos tesouros históricos e artísticos; pero ademais, unha boa parte do relato histórico vixente bebeu dos pioneiros traballos das Comisións, especialmente centrados no estudo das fontes arqueolóxicas e documentais. Os Boletíns que editaron foron consecuencia directa da necesaria difusión daqueles traballos. Nas máis de oito mil paxinas do de Ourense, que se publicou ata o ano 1960, cun paréntese entre 1943 e 1953 -cuberto polo “Boletín del Museo Arqueológico”-, analízanse episodios fundamentais da historia de Ourense e de Galicia, e entre os seus colaboradores figura o máis selecto da intelectualidade protagonista da singular eclosión cultural de Ourense no primeiro tercio do século XX, desde Marcelo Macías a Vicente Risco, pasando por Fernández Alonso, López Cuevillas e moitos outros. 
Pero, co paso do Museo Arqueolóxico á Administración do Estado, en 1938, e coa creación do Arquivo Histórico, en 1943, a Comisión foi esmorecendo, e con ela o seu Boletín. Sería entón o grupo Marcelo Macías, creado en 1941 baixo a dirección de Ferro Couselo, o que en 1971 lograría, por fin e coa axuda da Fundación Barrié, o obxectivo máis desexado: a publicación dunha revista que continuase a tarefa do antigo Boletín da Comisión. Así naceu o “Boletín Auriense”, en cuxa nómina dos primeiros anos, certificando a lexitimidade do vinculeiro, estaban moitos dos colaboradores do antigo Boletín: Ferro Couselo, Otero Pedrayo, Taboada Chivite, Ogando Vázquez, Xaquín Lorenzo, Laureano Prieto, Rubén García, Antón Fraguas, …; pero tamén novas incorporacións: Olga Gallego, Rodríguez Colmenero, Rivas Fernández, Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro... Todos contribuíndo, dun xeito tan entusiasta coma desinteresado (atención a isto), ó mellor coñecemento do noso pasado.
Hai un par de semanas, coa discreción que acostuma, presentouse o tomo corenta e tres do Boletín Auriense. A noticia fíxome lembrar algo que dixo Enzensberger: «a verdadeira cultura é unha cousa silenciosa, pouco vistosa: un le un libro, outro toca unha frauta, dous discuten sobre Deus e o mundo…»; un prepara un traballo para o Boletín Auriense, outro leo… E mentres, o tempo vai pasando: uns chegan e outros fóronse. Pero sempre debe de haber algo que permaneza.

Artigo publicado no diario La Región o venres 10 de outubro do 2014