viernes, 18 de marzo de 2011

Leccións de Fukushima

«A ciencia está dividida en dúas categorías: a física e a filatelia»
E.Rutherford (1871-1937)*

 
A  de veces que non teremos escoitado neste País iso de que o ensino na época actual se centra de xeito excesivo na ciencia, e que deixa de lado aquelas disciplinas máis humanísticas (?). O accidente nuclear de Fukushima pode servir, entre nós, para constatar non só a falsidade de tal afirmación senón que o que realmente ocorre é xusto o contrario.


A magnitude da catástrofe que nestes días se vive no Xapón fai que todos esteamos atentos ás noticias que desde alí nos van chegando. Ó asombro pola magnitude do terremoto e do catastrófico tsumami veuse sumar o accidente nuclear. Xustamente, é este último acontecemento o que mantén en Xapón o foco da atención mundial, pola inquietude e temor que produce tal incidencia en tódolos habitantes do planeta. Considero que isto é así ata tal punto que, para o mundo, haberá un antes e un despois de Fukushima, pero non polo terremoto e o tsunami –catastróficos, repito-, senón por causa do accidente nuclear que provocaron.

Así, estes días non foron poucos os alumnos que me manifestaron tanto a súa inquietude coma os seus desexos de saber máis sobre o accidente. Repítense agora as mesmas sensacións do ano 1986, cando o accidente de Chernobil. 

Pero, moito ten cambiado todo desde aquel ano 1986; e non sempre para mellor. Xustamente, cando me propuxen dar algunha explicación ós meus alumnos de Física e Química da ESO sobre o que estaba pasando en Fukushima, atopeime cun grave problema: en todo o ensino obrigatorio non hai un só tema nin unha soa referencia, no currículo de Física e Química, sobre a física nuclear; o que equivale a dicir que en todo o ensino obrigatorio os nosos alumnos non estudan nada sobre este tema de importancia tan capital para a nosa civilización. Isto, con ser grave, aínda o é moito máis cando se observa que nin sequera nas asignaturas comúns do bacharelato se estuda tal contido, se exceptuamos un pequeno apartado da de Ciencias para o mundo contemporáneo (e para darnos conta da “profundidade” coa que se aborda o tema basta dicir que o apartado en concreto, “enerxías alternativas e enerxía nuclear”,  é un máis do cento largo que considera esa asignatura, unha especie de compendio “light” de todo o saber científico universal, para contentar a pasmóns). Deste xeito, o mesmo me pasou ó querer falar do tema cos alumnos de Química de 2º. Soamente teñen un tema de Física Nuclear os alumnos da asignatura de Física de 2º de Bacharelato, unha das optativas que menos escollen (disque é difícil). Si, non é un erro: ¡a Física é unha optativa para os alumnos de ciencias!; que vén a ser coma se a Lingua fose optativa para os de letras. Este estado de cousas conduce a unha penosa conclusión, entre outras posibles: a inmensa maioría dos individuos de este País, teñan estudos obrigatorios, medios ou superiores, non teñen nin a máis mínima idea, fundamentada nos seus estudos, sobre a enerxía nuclear; acaso a que poidan extraer dos periódicos, a televisión ou, o que é pior, dos omnipresentes “tertulianos” (que, polo que vexo, tamén gozan do don da sabiduría na física moderna). E todo iso sucede mentres cansamos e atiborramos ós alumnos con cantidades enormes de contidos, unha boa parte das veces totalmente innecesarios, ou “filatélicos” como diría Rutherford. Parece ser que para formar espíritus críticos….

Por desgracia para nós, a ciencia segue a ser aquilo que inventan os outros (os que a estudan). E ciencia non é, desde logo, castigar ó personal con toneladas e toneladas de filatelia, mentres pasamos de esguello, ou simplemente non pasamos, polos contidos máis fundamentais. Sospeito que, de seguir así, seguirase a perder unha boa parte do gran caudal de intelixencia que pasa por colexios e institutos. E entre os que non se perdan han de ser  máis os cansados e os danados cós formados.

Nunca aprenderemos?... Creo que non!


* Físico que estudou e clasificou os diferentes tipos de radiacións radiaoctivas (alfa, beta e gamma), descubriu que a radioactividade ía acompañada da desintegración dos átomos e propuxo o primeiro modelo atómico nuclear. Gañou o premio Nobel de Química en 1908.

10 comentarios:

Ramon Cid Manzano dijo...

Súmome punto por punto ao expresado nesta entrada. Engado, ademais, o ferinte que resulta escoitar nos xornalistas, "tertulianos", analistas, etc., nos medios de comunicación, ese permanente "Eu a verdade non sei case que nada disto, pero creo ...".
Mesmo se repite como excusa universal: "E que eu fun por letras...". Pero a desgraza é que case que sería o mesmo se dixesen: "E que eu fun por ciencias", pois como ben se indica na entrada a presenza das ciencias no curriculum da secundaria segue a ser claramente insuficiente.
Como é posible que no S.XXI non haxa nos medios de comunicación un só xornalista quen de facer verdadeiro xornalismo científico en casos como este?
Vemos entrevistas, comentarios, análises, etc., nos que a falta de cultura científica mutila de xeito dramático o que debería constituir un verdadeiro proceso de información.
Corolario: Nos tempos actuais, ser un analfabeto científico é simplemente ser un analfabeto.
Remato coa manifestación do meu profundo respeto e admiración polo pobo xaponés.

Jeanfrujo dijo...

Sempre é motivo de satisfacción contar con opinións sobre o que se escribe, e moito máis cando son cualificadas. Este é o caso da de Ramón Cid Manzano. Convídovos a que pasedes pola pola súa magnífica web sobre o LHC (http://www.lhc-closer.es/php/index.php?i=3&s=1&p=1&e=0). Veredes como a miña apreciación nada ten que ver coa amizade que nos une.

Jeanfrujo dijo...

Son múltiples os comentarios que me chegaron, vía correo, para estas “Leccións de Fukushima”. En xeral foron para mostrar o seu acordo co exposto. Unha anotación interesante mandouma un amigo profesor de letras: “a ignorancia das ciencias non leva aparellado o coñecemento das letras”. Totalmente de acordo, Antón. A “Filatelia” non é exclusiva das ciencias, tamén inza moi ben nas disciplinas de letras. Coma a mala herba, medra en calquera tipo de terra e non é preciso regala nin abonala (ten que ver coa entropía).

Pola miña parte tamén teño que dicir que unha maior formación científica tampouco resulta equivalente a xuízos razoables. Son dimensións distintas. Digamos que o coñecemento é condición necesaria, pero non suficiente, para a emisión de tales xuízos. Xustamente, sería dun humanismo responsable, coñecedor da importancia e do significado da ciencia, de onde cabería esperar tales mensaxes.

Tamén resulta moi significativo que algúns pro-nucleares, despois dun clamoroso silencio nos momentos de incerteza, agora xa se atrevan a sacar peito, aínda que sexa con argumentos pobres. Mirade senón estes dous artigos que hoxe aparecen na Voz de Galicia:

http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2011/03/21/0003_201103G21P15994.htm
http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2011/03/21/0003_201103G21P16993.htm

Os autores non deberon ler as “Leccións de física para idiotas” que no Faro de Vigo escribía José Manuel Ponte,

http://www.farodevigo.es/opinion/2011/03/17/lecciones-fisica-idiotas/527450.html

Ramon Cid Manzano dijo...

Veño de ler con atención as opinións nos xornais que Jeanfrujo indica no anterior comentario.
Enfin, defender despois de Fukushima que a enerxía nuclear sae reforzada, e manter unha aposta entusiasta cara a ela non resiste unha análise seria. Sen dúbida que se tomarán leccións e que certos erros non se repetirán, pero xa non se poderá manter para sempre esa idea de que é imposible outro Chernobyl.
Ogallá que se amañen satisfactoriamente os problemas dos reactores xaponeses, e que a radiación liberada non teña consecuencias importantes, pero despois de ler novas sobre este asunto na prensa internacional o que parece claro é que a cousa foi moi seria, e en moitos días ninguén puido asegurar nada sobre o que estaba a ocorrer verdadeiramente (aínda hai voces hoxe mesmo que manteñen unha enorme inquedanza).
Durante eses días nada se puido facer realmente, e as explosións de hidróxeno puideron danar moi seriamente a contención interna. Que tería ocorrido, por outra parte, se as ondas do maremoto tivesen sido uns metros maiores (algo perfectamente posible)?
Alguén pode argüir que noutros lugares non é posible eses terremotos ou maremotos. Durante corenta anos os xaponeses pensaban que esas magnitudes tampoco serían posibles.
Como apaixonado da ciencia e a tecnoloxía que son, mantiña unha certa crenza de que o accidente nuclear de Three Mile Island (EEUU) de 1979 foi o resultado dunha soberbia excesiva nos inicios do uso da enerxía nuclear. Tamén que Chernobyl foi o resultado da falta de control externo sobre un réxime político en decadencia, pero Xapón no S.XXI non cadra en ningunha desas dúas situacións.
Xa que logo, a posibilidade dun terceiro accidente moi grave queda aberta para sempre, e iso ten que pesar de agora en adiante, e de forma inequívoca, en calquera decisión en planificación enerxética.
As "adhesións inquebrantables, inasequibles ao desalento" son cousas do pasado que deberían estar superadas.

Jeanfrujo dijo...

Coincido totalmente con Ramón. Soamente se me ocorre dicir que ogallá estivesemos equivocados os que consideramos que o accidente é moi serio e que aínda non se sabe como rematará.
Poucas veces desexei tanto darlle a razón ós que pensan que a cousa non é para tanto. Porque, aínda que resulte paradóxico, nas cousas verdadeiramente importantes case sempre é mellor non ter razón.

Ramón Cid Manzano dijo...

Desgrazadamente temos que insistir neste tema.
De moemento no podemos falar dun segundo Chernobyl, pero hai algo que si o fai preocupantemente diferente. En 1986, na antiga URRS, a saúde dos traballadores que interviron nas tarefas de limpeza (os "liquidadores"), non era o prioritario e traballaron a reo para conseguir minimizar as consecuencias nun tempo record. Sen embargo no Xapón de 2011, a sáude é un factor clave, e continuamente se producen desaloxos dos traballadores e o seu número e moi reducido. Isto vai dar lugar a un tempo moi longo para corrixir os problemas e a contaminación por acumulación vai ser inevitable. Canta superficie implicada?
A outra preocupación é o estado do interior das vasillas do reactor. Ningúen sabe con exactitude como están e a posibilidade da fundición de parte ou todo do seu interior é moi preocupante. Soamente hai dous precedentes ben coñecidos: Three Mile Island (1979) e Chernobyl (1986). Eran dous reactores moi diferentes e con situacións de seguridade moi distinta. As consecuencias ds da fundición de parte do material foi totalmente distinta nun caso e no outro. Por tanto non sabemos que vai pasar en Fukushima.
Non haberá explosión nuclear porque as concentracións de U-235 e Pu-239 non o fan posible, pero esa pasta viscosa formada polo combustible, variñas que o aloxa, barraras moderadoras e otros materiais estruturais poden acadar temperaturas de máis de 1000ºC que dañen aas paredes da vasilla e mesmo a fundan na súa parte inferior abríndose paso cara o fondo do reactor (o chamnado "Sindrome de China"). Nese caso podería afectar as capas freáticas provocando contaminación nos acuíferos. Ademais o contacto desa masa fundida coa auga podería provocar unha gran explosión de vapor arrastrando material radiactivo.
Finalmente, a ma´si de 1500ºC podería xerarse a hidrólise da auga xerándose hidróxeno coa consecuente explosión ao se combinar co osíxeno do aire.
Por tanto, explosión nuclear non, pero explosións de vapor ou de hidróxeno si. Calquera delas tería consecuencias importantes en termos de contaminación.
Enfin, cada día que pasa en troques nos tranquilizarmos as cousas semellan ir a peor. Ogallá hoxe as cousas muden para mellor.

Jeanfrujo dijo...

Moitas grazas Ramón polas túas magníficas explicacións, que nos tranquilizan no senso de eliminar a posibilidade dunha explosión nuclear, pero que introducen outra inquietante posibilidade de desenlace, a do temido “síndrome de China”. Agradeceríache que nos fixeses saber calquera novidade que consideres significativa.

Ramon Cid Manzano dijo...

Hai algunhas novidades en relación ao accidente nuclear de Fukushima, e non son boas.
A primeira, e máis triste, e a aparición dos cadáveres de dous traballadores da central que permanecían desaparecidos desde o día do terremoto. Os seus corpos foron atopados o mércores 30 de marzo na zona de turbinas do reactor 4 da central. Presentaban importantes traumatismos e hemorraxias. Parece claro que as súas mortes non teñen que ver con o accidente nuclear que se desencadenou a partir do terremoto, pois dunha parte estaban desaparecidos desde o primeiro día, e no reactor 4 non houbo explosións de vapor ou de hidróxeno como si houbo nos 1, 2 e 3. Semella pois que se trata de dúas persoas máis a engadir nos miles de mortos que houbo nos primeiros momentos.
Unha segunda nova ten que ver coa resolución do enigma aberto en relación a como se filtraba tanta radiactividade na auga utilizada para enfriar os reactores dañados, e que acababa chegando ao mar. O problema derívase da existencia dunha fenda no reactor número 2. Entendo que se trata dunha abertura no edificio de contención, pois segundo os datos inicialmente tentaron pechala con formigón e agora van utilizar unha masa de polímero en pó. Non obstante, a emisión de radiactividade, segundo os expertos xaponeses, tardará en controlarse varios meses.
Unha última cousa, tense dito nos medios, mesmo por científicos de autoridade, que a solución tería sido más eficaz seguindo o procedemento de Chernobyl, onde toneladas de materiais en forma de area (dolomita, terras borada, etc) foron botadas pola boca do reactor ata inundar o seu interior apagando o incendio que ocorría dentro del e selándoo para sempre. Independentemente de que houbo críticas a este sistema no seu momento, o tema en Fukushima é moi diferente. Temos tres reactores máis ben pequenos en dimensión, comparados co reactor 4 de Chernobyl accidentado, e non presentan unha “boca aberta” de once metros de diámetro como si presentaba o soviético. Aquí non hai incendio que apagar, senón que hai que tentar refrixerar a toda costa os reactores en parada máis as piscinas de combustible gastado. Probablemente terán que deseñar algún sistema de contención das emisións para os meses en que siga habéndoas, e quizais ao final se os danos internos son enormes pensen en facer “un sarcófago” tipo Chernobyl. Pero entendo que é razoable que tenten salvar todo o que poidan a enxeñería para poder acceder no futuro ao interior e en anos levar adiante labores de extracción do material radiactivo para deixar a zona libre do problema, como se fixo en Harrisburg no accidente do reactor de Three Mile Islanda (1979).

Jeanfrujo dijo...

Si Ramón. As noticias que vamos coñecendo van confirmando a gravedade do accidente. Hoxe no diario El País fálase dunha "zona cero" duns 25km de raio que quedará inutilizada por cerca de medio siglo e que forzará a máis de cen mil persoas a refacer a súa vida lonxe desta área. Terrible! Deixo o enlace.

http://www.elpais.com/articulo/internacional/Medio/siglo/zona/cero/pleno/corazon/Japon/elpepuint/20110403elpepiint_3/Tes

Anónimo dijo...

Tal como nos temíamos a gravidade do accidente vaise confirmando:
Fukushima Nuclear Accident Update (12 April 2011, 04:45 UTC)
The Japanese Nuclear and Industrial Safety Agency (NISA) today issued a new provisional rating for the accident at the Fukushima Daiichi nuclear power plant on the IAEA International Nuclear and Radiological Event Scale (INES).

The nuclear accident at Fukushima Daiichi is now rated as a level 7 "Major Accident" on INES. Level 7 is the most serious level on INES and is used to describe an event comprised of "A major release of radioactive material with widespread health and environmental effects requiring implementation of planned and extended countermeasures". Japanese authorities notified the IAEA in advance of the public announcement and the formal submission of the new provisional rating.

The new provisional rating considers the accidents that occurred at Units 1, 2 and 3 as a single event on INES. Previously, separate INES Level 5 ratings had been applied for Units 1, 2 and 3. The provisional INES Level 3 rating assigned for Unit 4 still applies.

The re-evaluation of the Fukushima Daiichi provisional INES rating resulted from an estimate of the total amount of radioactivity released to the environment from the nuclear plant. NISA estimates that the amount of radioactive material released to the atmosphere is approximately 10% of the 1986 Chernobyl accident, which is the only other nuclear accident to have been rated a Level 7 event.

Earlier ratings of the nuclear accident at Fukushima Daiichi were assessed as follows:

On 18 March, Japanese authorities rated the core damage at the Fukushima Daiichi 1, 2 and 3 reactor Units caused by loss of all cooling function to have been at Level 5 on the INES scale. They further assessed that the loss of cooling and water supplying functions in the spent fuel pool of the Unit 4 reactor to have been rated at Level 3.