lunes, 28 de marzo de 2011

O horto ecolóxico


“Y sin duda nuestro tiempo… prefiere la imagen a la cosa,
…la representación a la realidad,la apariencia al ser…"
Ludwig Feuerbach

O último número da revista Ágora do Orcellón, que se presentou o venres no Carballiño, está dedicado ó concello do Irixo. Nun dos artigos, don Antonio González Bernárdez, párroco de Santa Mariña de Loureiro, fai unha breve historia da Cooperativa de Loureiro, da que foi o principal impulsor. Merecería estudarse en escolas e institutos, e tamén nos seminarios, esta exemplar historia da loita dun párroco por mellorar as condicións de vida dos seus fregueses –neste caso tamén dos seus veciños, porque don Antonio é natural da mesma parroquia de Loureiro-, loita na que chegou a remover Roma con Compostela para levar adiante o proxecto –baste dicir que foi a igrexa alemana, a través de Misereor, quen financiou o proxecto inicial con 60.000 marcos, a principios dos anos 70-, buscando a modernización das antigas estruturas das explotacións agrarias. O acto do Carballiño, onde ademais se presentou un DVD que documenta en imaxes a citada historia, propiciou que logo compartira mesa e mantel con don Antonio, con quen tiven a honra de coincidir durante algúns anos no claustro do Instituto do Carballiño, e con algúns amigos máis. Foron uns discípulos de don Antonio na empresa os que, durante a cea, falando do presente e vaticinando arredor do futuro, aportaron un dato que me estremeceu: en todo o concello do Irixo non quedan máis de catro ou cinco familias que vivan exclusivamente da terra!; e, sobre o futuro, presaxiaron que ó colexio de primaria non lle quedarían máis de cinco ou seis anos de vida, mentres calculaban que en vinte anos do Irixo non quedarían máis ca algúns veciños na capitalidade municipal….

Tal como sospeitaba, nada dicían o sábado os medios de comunicación sobre o acto de presentación  da revista do Instituto de Estudios Carballiñeses. Pero, chamou a miña atención o titular principal da edición de Ourense do diario La Voz de Galicia, que rezaba: “Ourense estrena una zona de ocio destinada al cultivo ecológico”, todo isto en grandes letras e con fotografía a todo color. Tratábase de informar que os habitantes da cidade de Ourense tiñan á súa disposición un “horto ecolóxico” de 1938 metros cadrados, para  conseguir, supoño que entre outros fins, o importante obxectivo de que “os nenos se dean conta que os tomates non nacen nas bandexas do supermercado”, segundo declaraba ó citado diario  o alcalde.

Fixeime nese titular porque non deixa de resultar un sarcasmo que nunha provincia que está quedando erma; a mesma onde se deixou morrer todo o tecido agrario que, fundamentalmente, a sostiña; aquela na que resulta imposible acercarse ó rural sen contemplar o tráxico espectáculo das casas arruinadas, dos pobos baleiros e das herdades abandonadas; a noticia máis importante sexa a inauguración na capital dun horto ecolóxico de 1938 metros cadrados de superficie. Pero non me sorprende, simplemente confirma algo que veño sospeitando desde hai tempo; mentres miramos de esguello, ou non miramos, para o fundamental, o anecdótico e o accesorio pasan á primeira plana da actualidade; por certo, con gran contento de boa parte do vulgo. Algunha explicación tiña que ter que, a pesar de sermos ese país marabilloso que, segundo dicen moitos, somos, sempre esteamos na traseira de todo. Tal vez esta costume tan nósa de ignorar a realidade, e de aplaudir tonterías, teña bastante que ver co triste presente que nos apreta e co incerto futuro que nos agarda. E desta tendencía á irrealidade poucos se escapan, nin sequera a por tantas razóns eloxiable revista Ágora do Orcellón, que, a pesar das xuizosas reflexións do seu director Avelino Muleiro na introducción do número, dedica logo bastante máis espazo a un invento persoal denominado “A insua dos poetas”, que poderíamos enmarcar, igual cós “hortos ecolóxicos”, dentro do que Debord chamara a sociedade do espectáculo, có gran drama que viven estas terras.


Como diría un veciño meu: veña bombas!

5 comentarios:

Anónimo dijo...

petaches co martelo no cravo

Anónimo dijo...

Iso está pasando desgraciadamente en todos as ambientes agropecuarios e agrogandeiros galegos e tamén nos traballos do mar. O pouco tecido vital que tiñamos vai desaparecendo.Os diferentes gurús e sabios locais enchen a boca co topicazo "hai que poñer en valor" tal cousa, sempre con vistas a un pretendido aproveitamento turístico ou a esas pantasmagoricos hortos ecolóxicos que realmente non valen para nada, porque só dan de comer a catro políticos ou burócratas ou á señorita normalmente enchufada que atende tal chiringuito. Ademais en Galicia hai moito intelectual pretendidamente de esquerdas, que só sabe mirar para o seu embigo e está totalmente desconectado da preocupante realidade cotidiá. Sinto ter que dicilo, pero o panorama é desolador, sobre todo para os galegos que temos fillos.

Jeanfrujo dijo...

Tes máis razón ca un santo! E dos fillos: 50000 licenciados en paro hai en Galicia! Lembro o comezo daquel relato de Kafka: "É coma se houberamos descoidado cousas moi importantes. Ata agora desentendémonos delas e ocupámonos soamente de facer o nóso traballo, pero os acontecementos destes últimos tempos preocúpannos". E moito.

O dijo...

Com licença Jeanfrujo, o Anónimo talvez trenha razom.
Ainda que eu penso que hai que agir cada um no seu.
Dar-lhe a culpa aos políticos é moi doado, e si, seguro que tenhem parte de responsabilidade, mas cada um de nós individualmente, deixamos o hortejo dos avós coberto de silvas mentres pampos assistimos a virtualidade da pantalha.
Creio que devemos começar por nós mesmos, e fala-che alguém que vendeu a sua granja por nom ser rendível, mas nom se rende.

Jeanfrujo dijo...

Estimado amigo O: Coido que se trata de dous ámbitos diferentes. Unha cousa é o horto familiar, ese fermoso “hortejo dos avós” do que falas, que cada quen ten que cultivar. Lembra senón aquel famosísimo : “Todo está moi ben –dixo Cándido- pero que cada un coide do seu xardín”. Outra cousa ben diferente é o abandono do tecido agrario dun pais, contra o que pouco poden facer as vontades particulares. Si, coincido co amigo Anónimo nas responsabilidades políticas. Moito máis se facemos as contas de todos os cartos que recibiu España (tamén Portugal), para modernizar as súas estruturas agrarias. Estaría ben que explicasen a onde foron parar eses cartos! No caso de que quede alguén que non o saiba. Un saúdo.