domingo, 3 de abril de 2011

Bachotage



Bachotage é palabra francesa sen equivalente en galego nin en castelán. Significa ‘aprender algo rapidamente e de xeito superficial, co fin exclusivo de superar un exame’. Deriva do tamén francés bachot, forma coloquial de referirse ó bacharelato.

O bachotage é considerado desde hai tempo un defecto do sistema educativo francés. Marc Bloch (1886-1944) escribía no verán do ano 1940, cando máis da metade do seu país estaba ocupada polos alemáns, unhas Notas en defensa dunha revolución no ensino nas que se refería ó bachotage nestes termos : « Unha palabra odiosa resume unha das taras máis perniciosas do actual sistema educativo: Bachotage (preparación acelerada e intensiva de exames)... ». Convén lembrar que Marc Bloch, ademais de ter sido un dos historiadores máis importantes de tódolos tempos, creador xunto con Lucien Febvre da denominada escola dos Annales, foi unha vida exemplar que merecería estar entre as que Stefan Zweig recollera nos seus Momentos Estelares da Humanidade,  e que talvez houbera recollido de non ter falecido anos antes ca Bloch. Profesor primeiro de Instituto e logo de Universidade, Bloch era catedrático de Historia Económica cando foi separado do servicio polo goberno de Vichy, no mesmo ano 1940, debido á súa orixe xudía. Iso a pesar de que defendera a Francia con grande heroísmo na I Guerra Mundial, e de que en 1939, a petición propia, se alistase como capitán de estado maior, aínda que non estaba obrigado por razóns de idade. Despois da estraña derrota de Francia e do armisticio de 1940, conseguiu pasar á zona non ocupada. En 1943, logo da invasión da zona libre,  pasou á clandestinidade e integrouse na resistencia, creando os comités de liberación da rexión de Lyon. En marzo dese ano foi detido pola Gestapo e torturado. O 16 de xuño de 1944, fixérono subir a un camión xunto con outros detidos. Un deles, un mozo de 17 anos, non paraba de chorar. Bloch díxolle: “Vannos fusilar, non teñas medo, non sufriremos... Esto acabará pronto.”. O camión detívose á beira da estrada e Marc Bloch foi o primeiro en caer. Morreu berrando: “¡Vive la France!”.

Marc Bloch

As Notas ás que antes me refería están incluídas dentro da súa magna obra A ESTRAÑA DERROTA, título que alude á sorprendente facilidade con que Francia se viu derrotada polos exércitos de Hitler na primavera dese mesmo ano de 1940. A súa inclusión nesta obra non é unha casualidade, a estraña derrota de Francia tivera moito que ver, na opinión de Bloch, cun sistema educativo pouco eficaz. A lectura das Notas rezuma, para calquera lector atento, unha manifesta actualidade, tanto polos contidos das súas reflexións  -« xa non se invita ós alumnos a adquirir coñecementos que se avaliarán, mellor ou peor, cun exame. Ó que se lles invita é a preparar exames...o culto ó éxito ocupa agora o lugar do que debería ser o culto ó coñecemento... os exames seguirán sendo precisos... pero deberán concebirse dunha maneira máis racional e en número suficientemente restrinxido para que a vida do alumno deixe de verse confinada a unha repetición obsesiva de probas... »-, coma pola estraña derrota que agora mesmo estamos experimentando. Unha estraña derrota, a nosa, que se presenta na  forma dunha fonda crise que pon en perigo algúns dos piares básicos do estado de benestar, un estado de benestar que tiñamos gañado nas últimas décadas despois dun traballoso triunfo do que nos sentiamos xustamente orgullosos. E estábame referindo agora ó caso específico de España.


Esta estraña derrota que sufrimos percibímola en moitos aspectos das nosas vidas, algúns tan sangrantes coma o paro masivo das novas xeracións, xeracións ás que tantos recursos dedicou a sociedade para a súa preparación coma esforzos realizaron elas mesmas para conseguila. Non obstante, ese esforzo social e persoal non foi exitoso, e ós datos me remito: 50.000 licenciados en paro hai neste momento en Galicia!. Aí están, ademais, os pobres resultados en todo tipo de contrastes, comezando polos famosos informes PISA, relativos ó ensino medio, e rematando polos estudos comparativos que atinxen ás nosas universidades no contexto do mundo desenvolvido. Si, tamén aquí farían falta unhas Notas -e non só para o ensino- se queremos que esta estraña derrota remate. Escoitemos outra vez a Bloch : « Formamos xefes de empresa que, pese a ser bos técnicos, non coñecen realmente os problemas humanos; a políticos que ignoran o mundo; a administradores que aborrecen as novidades. A ninguén se lle inculca ó espírito crítico que só penetra nas mentes a través da contemplación e a investigación sen trabas. Por último, creamos deliberadamente pequenas sociedades cerradas, nas que se potencia o sentido corporativo, que non alenta nin a xenerosidade de espírito nin a conciencia de cidadán.». Estábase referindo Bloch á Francia dos anos trinta, pero o que di resulta perfectamente aplicable á España do 2011.

Cae fóra da miña responsabilidade, canto máis da miña capacidade, a redacción desas necesarias Notas, pero nelas nin debe ser o máis importante satisfacer a comodidade que significa o mantemento das inercias do profesorado, nin tampouco os intereses corporativos que poidan defender os sindicatos. O futuro do país, e consecuentemente o dos nosos fillos, resulta moito máis importante ca todo iso. Evidentemente, Notas semellantes serían precisas en moitos outros aspectos da nosa realidade como  país, tanto na esfera pública coma na privada.

Pero, volvamos ó que especificamente me ocupa nesta ocasión: o bachotage. Dubido que na  Francia dos anos trinta se dese na medida que se dá agora en España. Hai un par de anos contabilicei cos meus alumnos de 2º de Bacharelato (curso equivalente ó antigo COU) os exames que realizaban. O resultado foi o seguinte: movíase entre os 60 exames para un alumno que os aprobase todos (caso excepcional) e os 90 para os que tivesen que asistir a tódalas recuperacións (caso non menos excepcional). O normal estaría entón entre os 70 e os 80 exames por curso. Tendo en conta que, como moito, o curso de 2º de Bacharelato tería uns 140 días lectivos, resultaba que os alumnos que menos probas tiñan, sufrían unha media dun exame cada dous días. Dirá algún que non, que había máis días sen exames, porque poderían coincidir varios nun mesmo día: pois aínda peor!. Teño que dicir que neste número de probas, evidentemente, non estaban recollidos os “traballiños” (outro gran mal engadido), que alegremente se encargan, día si e día tamén, ós alumnos, para castigo cotiá tanto dos propios estudantes coma dos pais; ata tal punto que certas cualificacións escolares reflicten máis ben as habilidades dos pais ou dos achegados cás dos propios alumnos.

Os resultados están á vista. Vaia de exemplo algún dato do que veño comprobando ano tras ano nas miñas clases. A maioría dos alumnos que chegan a 3º ou 4º de ESO ( que son os que fan as probas PISA) non manexan o sistema métrico decimal, confunden a lonxitude da circunferencia coa área dun círculo, non coñecen a situación dos puntos cardinais no seu propio entorno, descoñecen as capitais dos  países máis importantes, cometen erro tras erro no cálculo máis elemental... E a maioría presentan un estado de empacho léxico e conceptual que impide a dixestión correcta de calquera tipo de nova aprendizaxe seria.

Todas as súas ignorancias, relativas a contidos fundamentais, non se deben a que os rapaces sexan agora uns vagos (idea moi estendida, por certo). Ó contrario: opino que ningunha xeración pasada deste país realizou esforzo semellante nos seus estudos. Tampouco se debe a que non visen eses contidos: víronos e estudáronos –entre infinidade doutros menos fundamentais, cando non totalmente prescindibles-…; pero de presa e correndo, e co fin case exclusivo de preparar un exame!



2 comentarios:

Xulia dijo...

e non valería "chapar" como traducción? venche a ser o mesmo, non?

Jeanfrujo dijo...

Pois si, como significado parece axeitado. Non obstante, conviría saber por que a palabra francesa fai referencia directa ó bacharelato; aquí pódese “chapar”, e “chápase”, tamén na universidade. Habería que aclarar este matiz.