jueves, 14 de abril de 2011

A Calexa. Ou: nunca te fíes dun normalizador

A realidade que eu coñecín xa non existía...
as casas, os camiños, os paseos, desgraciadamente
son tan fuxitivos coma os anos.
Marcel Proust

De rapaz gustábame enviar por correo aqueles impresos que, ás veces, viñan adxuntos a produtos tan diversos coma os álbums de cromos,  os paquetes de deterxente ou os anuncios dos cursos CEAC. Facíao coa esperanza de que algún día me tocase algún dos premios que anunciaban. Pero, nesas circunstancias, había algo que sempre me producía certo desacougo: era a solicitude que facían do nome da calle onde se residía. Na realidade, San Clodio o que se di calles non tiña, aínda que eu era da Calexa, igual có Meluco, o Gonzalo, ou o Carlitos. Dubidaba que tal nome aparecese nalgún rexistro, pero como sabía que o carteiro, o Antonio “O Salgado”, o coñecía, remataba escribindo fachendoso no meu enderezo: “Provincia: Orense; Municipio: Leiro; Población: San Clodio; Calle: La Calexa".

 
A "Calexa" de San Clodio

Sendo xa persoa adulta, entereime, con grande desgusto, que calexa, aquel nome que a min me parecía tan galego, non era galego. Que en todo caso a miña querida Calexa sería unha calella,  unha canella ou, se acaso, unha ruela. «Bueno, que todo sexa pola causa!», pensara eu daquela, pouco convencido. Confiaba, en última instancia, que a ninguén se lle ocorrería poñer un cartel na Calexa onde rezase algo así coma: “Rúa A Calella”, “Rúa A Canella” ou -non quero nin pensalo!- “Rúa A Ruela”. Claro que, tampouco había que desbotar esa posibilidade: un xa tiña visto cousas peores en San Clodio!. Pero, o caso foi que un día, gañando o tempo en Pazos de Arenteiro, atopei, entre os esaxerados (por dispendiosos) carteis que dan nome ás rúas da localidade, un que rezaba “A Calexa”. Estaba posto nunha calexa cuspidiña á de San Clodio, xusto a que está pegada á casa reitoral. Iso volveume abrir a ferida normativa, que decidín curar dunha vez.

A "Calexa" de Pazos

O primeiro que atopei, con sorpresa, foi que a palabra existía no portugués. No dicionario Houaiss, por exemplo, caleja é ‘rua estreita, caminho estreito’, igual cás calexas que eu coñezo. Na etimoloxía, o mesmo dicionario documenta a forma galego portuguesa no século XIV, e supón que viría do castelán calleja, de calle, do lat. callis ‘camiño’. A razón da explicación etimolóxica estaría en que o sufixo portugués diminutivo, e con certo sentido piorativo, -ejo/-eja (-exo/-exa en galego, con fonética semellante) considérase con probable orixe no castelán -ejo/-eja (lat. -iculu, o mesmo que en galego deu -ello/-ella). A verdade é que algunha forma documentada en latín medieval, tal como callegia, tanto podería estar detrás do calexa galego-portugués coma do calleja castelán. Do mesmo xeito, as formas escritas caleia, do galego medieval e ben documentadas, deberían corresponder na fala a calexa, o mesmo que as igreia corresponden a igrexa. Pero, aínda que fose castelanismo (que neste caso sería medieval!), que é o máis probable, o que sorprende é que os portugueses o acepten e os galegos non.

Incluso estou convencido de que algunhas Calexa de vilas de Galicia xeraron o apelido correspondente, o que sería unha proba de antigüidade engadida. Como explicar senón os 324 casos que presenta o apelido Calleja en Galicia;  viñeron todos de Castela? Non o creo, máis ben debe tratarse da castelanización do galego. Sería difícil de explicar doutro xeito que, por exemplo, soamente en Celanova teñamos 22 rexistros do apelido.

Aparece agora calexa nalgún diccionario (p.ex. no Dicionario de Xerais) como sinónimo de canle ou cal (do lat. canalis). Pero, os dicionarios históricos de galego anteriores a mediados do século XX ignoran esa acepción, e a min paréceme que, en todo caso, sería secundaria respecto da primeira, da de ‘rúa ou camiño estreito’ (que si aparece no Dicionario Estraviz e na maior parte dos dicionarios históricos). O que non trae ningún dicionario é unha das poucas acepcións de calexa que se mantén viva no galego, polo menos no galego do Ribeiro: “vir coma unha calexa”, que é “vir borracho coma unha cuba”, “cheo coma un pipote” ou “cheo coma un pelexo”. Si, pelexo e non pelello, señores normalizadores! (Basta acudir ó TILG para comprobar que pelexo documéntase como forma única desde o século XVIII e pelello soamente aparece desde 1987, recén encetada a época dos normalizadores. Si, xa sei que se documentan varios pelellos no galego medieval, pero todos, que eu saiba, na versión galega da General Historia de Afonso X, traducción culta polo tanto do castelán pellejo, palabra que o pobo galeguizou como pelexo, o mesmo que calleja>calexa).

Escribiría hoxe Calexa no meu enderezo totalmente convencido, sen importarme o que dixeran os normalizadores, principalmente se pertencesen ó grupo, non pequeno, dos que parecen ter como obxectivo principal espantar galegofalantes. O malo é que xa non é posible o regreso ós territorios da infancia. Aínda así, hai algo que sempre me leva á miña Calexa, hoxe mero espazo físico cargado de ausencias. É a fermosísima canción Mi Calle, de Lone Star, da mesma época na que eu, inocente, cubría impresos que ninguén lería. Máis ou menos coma agora.



5 comentarios:

Anónimo dijo...

Amigo Frutos: teño que dicirche que eu sempre utilicei, porque así o oía, a palabra "canella". Claro que unha cousa é o que falas e outra é o que deberías (de conformidade coas regras da lingua) de falar. Aínda que para min a dimensión pragmática da linguaxe ten un valor racional evidente. Eu en Lamas sempre oín dicir "canella", pero iso non quere xustificar que sexa "lingüisticamente" correcto. Se non fíxate: Muleiro, en vez de Moleiro (1).
Unha aperta, Avelino Muleiro.

(1) Frutos Fernández: Xentes do Carballiño. Ágora do Orcellón, nº 20.

Jeanfrujo dijo...

Di o amigo Avelino Muleiro que en Lamas (Cea), a uns 12 km de San Clodio, ás “calexas” chámaselle “canellas”. Resulta moi interesante comprobar que en tan pouca distancia xeográfica (bastante máis desde un punto de vista social e cultural) aparezan tan importantes diferenzas na fala, pois “canella” é palabra descoñecida en San Clodio.

Non obstante, considero que “calexa” e “canella”, a pesar da súa sinonimia contextual e parecido na grafía e na fonética (paronimia), son palabras diferentes. “Calexa”, como ‘camiño estreito”, vén do latín “callis”, ‘rúa’, mentres “canella” viría de “cano”, á súa vez do latín “canna”, ‘cana’. Por outra parte, “canle” e “cal” (do lat. “canalis”) tamén presentaron en galego a variante “cale”, ‘canle por onde corre a auga’, aínda viva no portugués. No mesmo San Clodio teño eu documentado un antigo “Cales”, unha paraxe de “tarreos”, ‘hortas’, onde abundaban os regos de auga, que nalgúns documentos aparece co nome de “Canales”. Polo tanto, parece lóxico que tamén apareza o diminutivo “calella” como variante de “canella”, pero non de “calexa”, cousa ademais evidente pola diferente sufixación.

Dito todo isto sobre as diferenzas etimolóxicas, debemos aceptar que as similitudes fonéticas e semánticas (un “canle” tamén é metaforicamente un camiño estreito) de todas estas palabras tiveron que favorecer os cruces, e por iso na fala aparecen case tódalas variantes posibles (calexa, calella, canella, canexa, canellón, calexón, calexiña, canelliña,...) con todos os diferentes significados. Basta consultar o “Diccionario de Diccionarios do Galego” para comprobalo.

Anónimo dijo...

Podo estar de acordo contigo nalgunhas das cousas que comentas aquí, pero non no ton despectivo que utilizas xa no título: "nunca te fíes dun normalizador". En primeiro lugar, estás a referirte á normativización, que é diferente da normalización: aquela se refire á corrección lingüística e esta á extensión social do seu uso. E é certo que houbo unha pretensión purista desde un principio que nalgúns casos quizais foi esaxerada. Pero è que había moito que moer! A castelanización léxica era bastante rechamante, e da mesma maneira que os castelanismos no léxico entran bastante facilmente na lingua, é o que máis doadamente se pode corrixir. Recordo que había posicións, nos principios da extensión da norma, partidarias de aceptar tódolos castelanismos que existían "no coloquio". Eu, desde logo, estou en contra diso: sería dar por boa a imposición lingüística que vimos sufrindo durante tantos anos. Outra cousa son os casos que ti comentas, nos que quizais habería que matizar ese criterio purista. Pero de aí a "nunca te fíes dun normativizador", paréceme que hai un treito!
Saúde.
Anabel Boullón

O dijo...

Orfos, com licença somos, vemos isso poucas vezes, renegados outras, e depois de tempos hiperenxebristas, seguimos com esse pouso, referenciando-nos nele, e de costas ao nosso, pois desde nós é que é possível definir.
Do outro lado, dizem falar português, mas isso que falam é galego?
Corro a buscar no dicionário de trasmontanismos, e é Caleja: rua estreita, viela. Caleira da tremonha do moinho de cereais, por onde corre o cereal para o olho-da-mó.
Entom vejo que caleja/calexa, para nada tem a ver direitamente com calhe, callis latino, senom que tem a ver com cale, cal, canle, canale latino, e a família de canaliculum, canelha, quenlha, quelha.
Canelha: quelha, passagem estreita, azinhaga (corredoira, congostra).
E nom nos tem que cair a cara de vergonha pois calhe/calle é tam galego como espanhol. Peró é de nós responsabilidade de pôr os limites. (Inclusive hai topônimos velhos com esse nome: as Calhes).
Aqui lembro aqueles primeiros tempos, onde alguém me chegou a discutir que "mesa" nom era galego.
Somar, somar.

Jeanfrujo dijo...

A participación neste debate dunha filóloga tan prestixiosa coma Anabel Boullón, autora de libros tan importantes coma “Antroponimia Medieval Galega (ss. VIII-XII)” e coautora de diversos dicionarios de galego, é motivo de honra e satisfacción para o editor deste blog, quen neste campo non pasa de practicar simple diletantismo. Vaia entón por diante o meu agradecemento pola súa achega. E como sei que, tanto para Anabel coma para min, os tempos do “argumentum ad verecundiam” están felizmente superados, fago os seguintes apuntes a xeito de resposta:

Anabel, o de "nunca te fíes dun normalizador" é unha simple broma, non tiña ningunha intención despectiva. Lembras aquela canción que se titulaba “Nunca de cases cun ferroviario”?, foi número 1 nas listas de todo o mundo e nunca escoitei dun ferroviario que se ofendese con tal título; moito menos que lle botase a culpa de non encontrar parella ó título da canción. Gustoume a contundencia do adverbio, “nunca”, combinada co verbo “fiar”, verbo que en xeral casa mal con calquera ciencia, incluso con calquera experiencia. “Ciencia é poñer en dúbida o (non fiarte do) que din os expertos”, dicía Feynmann, e a sabedoría popular avisa: “non te fíes nin de teu pai” –un amigo deu como resposta privada ó meu post: “eu non me fío nin de meu pai, ja, ja, ja!”-. En todo caso, pido desculpas a quen se sentise molesto.

Con respecto á diferencia entre “normalización” e “normativización”. No ámbito estritamente lingüístico hai as diferencias que ti apuntas, é certo, talvez con certos matices nas definicións que suxires. Son cuestións relacionadas con eses matices –coas que non quero agora cansar ós lectores- as que fan que, de momento, insista en utilizar “normalizadores” e non “normativizadores”, independentemente de que “normalizador” sexa palabra do galego “normativo” e “normativizador” non, o que xa sería un motivo de peso.

Co resto do que apuntas estou totalmente de acordo. Nese senso quero aclarar, por se acaso alguén tivese dúbidas, que defendo totalmente a necesidade da normalización da lingua, e polo tanto da normativización. Agora ben, defender a necesidade da normalización e da normativización da lingua non significa que un teña que estar de acordo con todos e cada un dos aspectos de tales plans e normativas, e moito menos coas políticas de aplicación correspondentes. Talvez sexa oportuno lembrar que adoitan ser os pequenos detalles e as deficientes aplicacións as causas máis comúns dos fracasos de leis cualificadas de encomiables no seu fondo por unha maioría. Aí era onde quería incidir o meu artigo.

Somar, Somar! (nunca restar!), en efecto amigo O. Esa é a clave.