O discurso pronunciado por Vargas Llosa en Bos Aires, con motivo da Feira do Libro da cidade porteña, levantou grande expectación pola polémica que xerou a presencia do escritor peruano no citado evento. E hai que estar sempre atentos ó que di este escribidor defensor da liberdade, por encima de discordancias ideolóxicas puntuais. Porque ningunha ideoloxía que se coloque por diante da liberdade dos individuos resulta lexítima.
Pero, que fácil resulta escribir, declarar ou escoitar esta gran verdade sobre a primacía da liberdade individual sobre calquera outro valor e que difícil observar a súa práctica! Tan difícil coma denunciar os ataques que se perpetran contra ela, desde diversas instancias, en países, institucións ou corporacións supostamente democráticas. E esa é a causa principal de que autores coma Vargas Llosa ou Savater (curiosamente foi Savater o outro foco das iras dos exaltados en Bos Aires) levanten desconfianza en calquera tipo de sectas; sectas onde non faltan os individuos que, disfrazados coa careta dunha ideoloxía ou da devoción por un líder, perseguen na realidade vantaxes particulares, e non teñen reparo á hora de violar as liberdades dos seus semellantes con tal de conseguir ou manter ou seus inxustos privilexios.
Entresaco dúas referencias do discurso de Vargas Llosa: "Los comisarios políticos han reemplazado en la vida moderna a los inquisidores de antaño"; unha reflexión que, por certo, aparece incómoda no texto; coma se xa estivese crecida cando, con toda a súa potencia e vigor, foi transplantada polo autor ó territorio onde se nos ofrece. A outra referencia está relacionada cos efectos que, segundo Vargas Llosa, produciu a histórica censura da ficción na sociedade latinoamericana: “todavía en nuestros días, los latinoamericanos tenemos grandes dificultades para discernir entre lo que es ficción y realidad. Eso ha sido muy beneficioso en los dominios del arte y la literatura, pero bastante catastrófico en otros, en los que sin una buena dosis de pragmatismo y de realismo -saber diferenciar el suelo firme de las nubes- un país puede estancarse o irse a pique.”. Reflexión que, aplicada a España é de xeito máis breve, pero non menos acertado, xa fixera Américo Castro: “Somos un pueblo cuya conciencia colectiva se nutre de ilusorias fantasías.”.
Ah! O título do discurso era “La libertad y los libros”, basta premer no mesmo para lelo completo.
4 comentarios:
Ten vostede e mais Vargas Llosa máis razón ca un santo, ningunha ideoloxía que se coloque por diante da liberdade dos individuos é lexítima e moitas veces os actuais comisarios políticos remprazan os inquisidores de antano. Mais temo que o seu lúcido discurso, señor Jeanfrujo, no sexa politicamente correcto entre a falsa e torticera esquerda que nos goberna, nos arruína e nos invade
Moitas grazas. Non obstante, teño que dicir que o discurso que denuncia a persecución da disidencia e o atropelo das liberdades individuais nunca resultou politicamente correcto para ningunha secta, autotitúlese de esquerdas, autotitúlese de dereitas, teña o poder ou non o teña. Parafraseando a Pierre Boyle, a perfección dun discurso, coma a dunha historia, está en resultar desagradable para tódalas sectas.
Na medida en que nos partidos políticos, nas institucións do poder xudicial, nos sindicatos, nas confesións relixiosas, nas universidades, nas corporacións, nas empresas, nos colectivos profesionais…, e ata nas asociacións de veciños, vaian tendo máis peso os comportamentos sectarios, maior será a ameaza para as liberdades individuais e, en consecuencia, máis difícil será atopar individuos libres. A pregunta sería: está aumentando ou diminuíndo a compoñente sectária nas institucións citadas, ou, se se quere, na sociedade en xeral? A miña resposta clara e contundente, por múltiples e diversas razóns, é que está “aumentando”. Outra pregunta, pode cambiar esa tendencia? Evidentemente, pero nunca de xeito espontáneo. Coma na natureza, segundo nos ensina a termodinámica, os procesos non espontáneos –pero posibles- precisan dun aporte de enerxía extra. A ese aporte de enerxía extra chamaríalle eu en socioloxía “vontade política”.
Por desgracia esa “vontade política” non a vexo por ningún lado, nin pola esquerda, nin pola dereita; nin por diante, nin por detrás.
Completamente de acordo, os políticos de todos os partidos, pero especialmente os dous que se alternan no poder terían que terlle un mínimo de respecto aos votantes, que son sempre os que despois pagan o pato en forma de recortes sociais que ultimamente son cada vez máis grandes e continuos; os que se "aprietan el cinturón" son sempre os mesmos
Respeto ós votantes?? Xa, Xa! Diso non entenden a maioría (nin lles interesa entender). E ó resto do que apuntas eu digo: “virgencita, virgencita, que me quede como estoy”!.... Sobre todo o que estamos falando eu recomendaría a lectura dun libro imprescindible: “Algo va mal” de Tony Judt.
Publicar un comentario