Asediados por malas noticias non resulta fácil pensar. Ás preocupacións habituais que de xeito azaroso nos vai proporcionando o transcurso normal da vida, que nunca son poucas, viñéronse a sumar desde hai algún tempo todas as relacionadas coa mala situación que atravesa o país. Diante deste estado de cousas caberían diversas estratexias para o editor dun blog coma este. Unha podería ser seguir tratando os temas habituais, coma se non pasase nada. Outra, centrarse nos que nos preocupan e darlle un descanso ós acostumados, que agora parecen ter unha importancia secundaria. Unha terceira, talvez a máis sensata, sería, simplemente, coidar do noso xardín, como recomendaba Voltaire, e desfrutar da primavera. Pois ben, aproveitando a única vantaxe que se ten cando se traballa(?) por amor ó arte, teño decidido que non seguirei ningunha delas, ou o que é o mesmo, que as practicarei todas: segundo se me antoxe! Hoxe, por exemplo, decantareime por un tema aparentemente intranscendente.
Coincido coas opinións do cabaleiro Tristram Shandy, de Laurence Sterne, cando valoraba os libros máis polo que se podía aprender deles ca polas aventuras que contaban. Neste senso, e desde un punto de vista totalmente subxectivo, mido a utilidade dunha obra literaria polo número de notas que tomo no momento da lectura. Aténdose a esto, teño que aceptar que El Danubio de Claudio Magris foi unha das lecturas máis interesantes dos últimos anos. Trátase, nun sentido estrito, do libro dunha viaxe por xeografías e paisaxes que descoñezo, e por historias e literaturas que ignoro en gran medida. Pero, en calquera das descricións que contén, sexan xeográficas, paisaxísticas, históricas ou literarias, recoñecemos de seguido o carácter universal da obra de Magris, un carácter que, na miña opinión, é santo e seña da verdadeira obra de arte, e que aparece aquí reflectido nas caudalosas e azuis(?) augas do Danubio, o gran río que unifica o relato.
Na traslatio dese Danubio literario á nosa realidade, sería o Miño o río que nos levaría polo noso decorrer cultural e histórico como pobo. Pero, non temades!, tal como dicía, o que hoxe reclama a miña atención é un tema intranscendente, creo que tan intranscendente coma coñecido; porque, quen non escoitou algunha vez iso de: «o Sil leva a auga e o Miño leva a fama»? Pois diso é do que quero escribir. Acabáramos!
Certamente, resulta sorprendente que chegando o Sil ós Peares con máis quilómetros e máis auga có Miño, sexa este último quen leve tódolos honores onomásticos desde aquí ata a desembocadura no Mar Océano. Si, a verdade é que sempre foi algo que chamou a miña atención, sen que adiviñase en ningún momento explicación satisfactoria para este aparente paradoxo. Algo semellante lle debeu suceder a Magris cando descubriu que en Passau, histórica cidade de Baviera case fronteira con Austria, dos tres ríos que conflúen nela, o Ilz, o Inn e o Danubio, sexa o máis grande nese punto, tanto por caudal coma por quilómetros percorridos, o Inn, e non o Danubio, como cabería esperar. A sorprendente circunstancia xa foi sinalada por Jacob Scheuchzer no século XVIII, na súa Hidrographia Helvetiae, quen informaba, ademais, que os doutores Metzger e Preusmann demostraran experimentalmente esa realidade medindo a anchura e a profundidade dos dous ríos no punto de encontro. Tampouco pasou desapercibido o caso de Miño e do Sil para os nosos autores do XVIII; en concreto, para Sarmiento, aínda que ignoro se naquel momento o asunto se someteu a unha proba experimental semellante á realizada polos dous doutores alemáns (cónstame, iso si, que F. Río Barja comprobou no século XX a certeza da crenza). Pensaba o sabio bieito que estaba ben posto o nome de Miño para o tronco común desde os Peares, pero con respecto ó curso superior cría que o verdadeiro Miño é o que agora chamamos Sil, un cambio de nomes que sería consecuencia de que el vulgo erró, segundo escribía o Padre Flórez, gran defensor das ideas de Sarmiento neste asunto. Para apoiar a súa hipótese, Sarmiento aplicaba a proba Geographica da lonxitude: «sabiendo que el brazo de Laciana corre hasta el mar mas de cinquenta Leguas, y el brazo de Lugo corre treinta y tantas; assi el nombre de Miño, que sin duda tiene el tronco, deve convenirle hasta el tronco origen de su mas larga rama. Assi el Nilo conserva y segun Geographia deve conservar el nombre hasta las fuentes del Nilo que están en lo más remoto de sus ramas». Talvez atopemos poucos exemplos máis claros na obra de Sarmiento de como aínda era home que bebía, ás veces, nas fontes aristotélico-tomistas. Valía máis o principio e algunhas referencias antigas (lease Ptolomeo, Estrabón ou Paulo Orosio) tomadas ó pé da letra cá evidencia do uso do nome Miño para a rama de Lugo e Sil para a de Laciana (as probas empíricas). Resultan evidentes os erros dos razoamentos de Sarmiento neste caso, pero comprensibles para a súa época; o que non ten explicación algunha é que sesudos eruditos da época actual sigan discutindo sobre o mesmo asunto (supoño que sen subvención pública). Aplicando o mesmo principio habería que convencer ós habitantes da Mitteleuropa de que tamén erran nos nomes dos seus ríos, e que de Passau para arriba o Inn na realidade é o Danubio. A verdade é que non me imaxino ós habitantes de Innsbruck aceptando de bo grao que o nome da súa cidade cambiase a Danubruck, ou algo polo estilo, e comentando resignados: todo sexa pola proba Geographica!
Pero, entón, se a proba Geographica non vale, como explicar estas sorprendentes realidades hidronímicas? Convénceme a explicación xeral que, baseada na ciencia da perceptoloxía, lle dá Magris ó feito: «cando dous ríos mesturan as súas augas considérase río principal ó que, na confluencia, forma un ángulo maior co curso que prosegue. O ollo percibe a continuidade dese río e considera ó outro afluente». A solución resulta perfecta para o caso do Sil e do Miño, no que o ángulo do curso resultante co primeiro río apenas supera os 90º, mentres co segundo achégase ós 180º, resultando así, de acordo co principio exposto, que o nome do río resultante debe ser Miño e non Sil, independentemente do caudal e da lonxitude de cada un. Claro que ó non tratarse dun principio puramente físico, máis ben dunha conclusión empírica simplificada no seu enunciado final, tampouco faltaran casos dubidosos e incluso algúns nos que se viole claramente. En concreto, no caso do Danubio e do Inn, en Passau, non resulta fácil verificar o seu cumprimento. Por iso recomenda Magris evitar, por prudencia, unha observación a fondo da confluencia dos dous ríos para determinar con precisión ós ángulos requeridos.
Conclúe o autor recoñecendo que o único certo é que o río corre cara abaixo, e que pouca importancia ten, en última instancia, saber de onde proceden todas as augas que leva. De feito, un afirmaría, á vista dese prodixio que se chama Google Maps, que pouco queda das augas azuis do Danubio trala incorporación das máis verdosas do Inn, en Passau. Pero, quen querería transformar o Danubio Azul de Johann Strauss nun disfónico Inn Verde? Eu non!
Ver mapa más grande
Ver mapa más grande
Desde logo que é ben certo: ningunha árbore xenealóxica garante ó cen por cen a sangre azul! Aceptemos pois a incerteza respecto das orixes e conformémonos con saber a onde vamos, e cál será a inevitable desembocadura: «allí los ríos caudales,// allí los otros, medianos// y más chicos,// allegados son iguales…».
2 comentarios:
Amigo (virtual) Frutos:
También considero el Danubio (Magris) un libro que deja huella. A ver si coincidimos por esa tierra da Xurisdicción de Roucos.
Un abrazo
Amando
Será un pracer, sexa en terras da antiga xurisdición de Roucos sexa nas da, mesmamente antiga, xurisdición de San Clodio do Ribeiro de Avia.
Unha aperta, Frutos
Publicar un comentario