sábado, 14 de julio de 2012

O señor Luciano, o Farrapeiro e a Praza de San Clodio


As vidas máis fermosas
son as  máis sinxelas...
Montaigne


O único home que reside hoxe en día na Praza de San Clodio é o señor Luciano, un xubilado retornado da emigración, natural do San Amaro. Si, el e dúas mulleres, tamén xubiladas, son as únicas persoas que viven de xeito permanente na Praza de San Clodio... Que a onde foi toda aquela toda xente que antano vivía na Praza de San Clodio? Pois, resumindo, os novos marcharon e ós vellos déuselles por morrer!

Hai uns días, cando visitaba a casa familiar, vin vir ó señor Luciano pola Carretera Nova arriba e saín a falarlle, para coñecer novidades, que por sorte non había. A certa distancia, detrás del e mal como podía, viña o Farrapeiro. Chegaba arrastrando unha das súas patiñas traseiras e, cando viu que nos poñíamos de parola, aproveitou para sentarse e descansar. O Farrapeiro apareceu por San Clodio hai algún tempo, triste e abandonado, coma tantos outros cans. Non pode dicirse que sexa un can bonito; é un palleiro pequeno e regordecho que cando chegou a San Clodio xa estaba coxo. O nome que lle puxo o señor Luciano alude ó seu pelo basto, duro e desaliñado, que lembra a esas alfombras farrapeiras. De estar preso nunha canceira municipal, o Farrapeiro sería o último can polo que se interesaría alguén. Por sorte, aínda quedan no mundo persoas que buscan nun can algo máis ca un obxecto de lucimento ou ca unha fiera para atemorizar ós veciños. O señor Luciano, que sabe da dureza da vida, dos invernos fríos e das soedades longas, despois de ver como o pobre Farrapeiro dormía noites e noites diante da súa porta, despois de darlle un cacho de pan un día e unha taza de caldo outro, despois de tanguelo centos de veces sen case poder reprimir as bágoas ó velo fuxir a ningures coa súa patiña arrastro, ...; despois de todo iso, un bo día limpou o cortello de debaixo da galería e decidiu que o Farrapeiro quedaría alí mentres quixese. Desde entón o señor Luciano e o Farrapeiro son inseparables, ata tal punto que o señor Luciano afirma que nunca tivo un amigo tan fiel coma este cadelo. O veterinario confirmoulle que a pata do Farrapeiro xa non terá cura, pero, polo demaís, díxolle que o can estaba sano, aínda que xa non era un cachorro.

O Farrapeiro

Compaxinan moi ben o señor Luciano e o Farrapeiro. Ó señor Luciano non lle gusta a caza, un deporte que resultaría impropio para o Farrapeiro, pero é un namorado da pesca, unha actividade máis acorde coas condicións físicas do can. Neste tempo, ás mañáns, monta ó Farrapeiro no Clío e vanse os dous por eses ríos de Deus, na busca das troitas e a coñecer mundo. O señor Luciano bota a caña e o Farrapeiro deitase ó seu carón, e cando se cansan de estar nun sitio vanse para outro. Entre picada e picada, mentres observa o cintileo multicolor que fan as augas baixo os raíos do sol, o señor Luciano pensa na vida pasada, e, de cando en vez,  mira para o Farrapeiro, xesto que o can sempre agradece batendo o rabo contra o chan un par de veces e devolvéndolle a mirada con esa tenrura que soamente os cans posúen. Cando pica unha troita, o señor Luciano libera o peixe de contado e devólveo ó río, unha decisión que nunca parece entender o Farrapeiro, que se ergue e dá dous ladros. Pero é que o señor Luciano hai tempo que non proba o pescado. Logo, montan no Clío e regresan felices e contentos para seguir gardando a Praza de San Clodio... Por se algún día volve a xente.



Para Ramón Cid, Amando e Rafael Ojea; coa memoria posta
en   Sami, Xa Cho Dixen, Blacki, Fabala, Trece, Bilbo, Tuk e Lola.

3 comentarios:

Quiles dijo...

Si, moitos que teñen eses cans tipo fiera semellan querer atemorizador o próximo, buscar unha seguridade esaxerada e reaccionaria ou mesmo ocultar as súas frustracións e semellar máis fortes e temibles. Coido que nas casas deses "humanos" deberían poñer, no canto do consabido cartel "coidado cos cans, "coidado cos donos".

Amando dijo...

Amigo Frutos! gracias por la mención, y sobre todo por la de Xachodixen, el perro negro del tíoabuelo Luis de Roucos.

RO dijo...

Meu amigo, despois de cinco anos de publicada leo esta deliciosa e garimosa entrada do reu blog e esa adicaroria que trae como tantas veces aos meus cans á miña memoria. Lola vai xa para catorce anos, velliña pero igoal de aquelada, valiente, lista e leal. Coidámola ben e recibimos a cambio essas olladas que, como ben dis, só poden darche os cans con esa carga de radical complicidade imposible nun humano, por máis querido que sexa.
Sorprendéume que lembraras -en orde!- os nomes (quero escribilos de novo) de Blacky, Falbala, Trece, Bilbo, Tuk e Lola, cada nome unha historia pendente de contar (de escribir, de agradecer!)... onde andarán agora os seus choutos?
Unha aperta!