domingo, 3 de febrero de 2013

Sobre a Monarquía



Defende Savater a transgresión como carácter fundamental do escritor, concebido este como librepensador. O escritor, opina, debe transgredir as rutinas intelectuais para non dicir o que todos esperan escoitar. Pero transgresión, sinala, non é soamente ir en contra do que está vixente; ás veces, transgredir é ir a favor de algo que se perdeu ou de algo que se está perdendo. Deste xeito, a defensa dun valor ético, dunha tradición ou dunha institución minusvalorada,  esquecida ou denostada pode resultar tan transgresora coma a crítica do comunmente aceptado. Veñen ó caso estas reflexións para o tema que pretendo abordar, o da Monarquía en España. Todo o mundo fala da súa crise e dos difíciles momentos polos que está pasando, os peores desde a súa restauración; pero resulta raro –transgresor- escoitar a alguén que saia na súa defensa, se descontamos as manifestacións obrigadas e protocolarias dos representantes institucionais, que case sempre resultan pouco convincentes. Non, non está ben visto neste momento que un intelectual defenda a Monarquía. Aquí, o intelectual que se prece ha de ser, ou sospeitarse, republicano. Porén, entre o pobo, a institución monárquica aínda goza dun apoio notable. Os datos do CIS do pasado ano 2012 sinalan que un 53% dos españois é favorable á Monarquía, fronte a un 37% que se decantaría pola República. Certo que ese apoio está lonxe do 72% que se rexistraba no ano 1998, pero algo semellante pasa coas demais institucións do Estado, sumidas todas nun preocupante descrédito cidadán.

Sostense que o caso Urdangarín ou a cacería de elefantes en Bostwana danaron moito a imaxe da Monarquía. É probable, pero serao porque ninguén acertou ou quixo explicar que a danada sería, en todo caso, a imaxe do Rei; porque unha cousa é a Monarquía e outra o Rei. Si, desde a dereita máis reaccionaria á esquerda máis fascinada co mito da pureza democrática da República, hai moita xente interesada en que se confunda a Monarquía co Rei. Pero é coma confundir o párroco coa parroquia: como todo o mundo entende, non é o mesmo censurar o comportamento dun párroco, cousa relativamente frecuente en Galicia, ca negar a necesidade de que haxa párroco ou mesmo institución parroquial, circunstancia descoñecida na Nosa Terra. Resulta ridículo, na miña opinión, utilizar os censurables deslices dalgúns membros da familia real como argumento a favor da república e en contra da monarquía. Non, a superioridade da república fronte á monarquía, de existir, debería ser demostrable en calquera circunstancia, incluso, e sobre todo, no caso improbable de que o rei fose un santo! Certo que sempre sería desexable un comportamento exemplar dos representantes das institucións do Estado, co Rei á cabeza –os que me seguen saben o gran valor que lle asigno á exemplaridade pública-; pero é unha utopía contar con que iso ocorra en calquera caso –á vista está-, así que deberíamos darnos por satisfeitos con que os cargos institucionais, o Rei incluído, cumpran coa legalidade vixente. E de non ser así, no caso de que a gravidade o esixa, que se produzan os relevos oportunos, tratando de que as institucións queden a salvo, e con elas a estabilidade democrática do País.

Afirmaba Sánchez Ferlosio, e eu asinto, que ter ideoloxía equivale a non ter ideas propias, que ter unha ideoloxía supón aceptar un paquete de ideas preestablecidas; mentres, as ideas chegan á cabeza soltas, e non por paquetes. Nese senso eu son, ou trato de ser, un home sen ideoloxía. Tampouco son monárquico nin republicano. En España ou en Inglaterra defendería a monarquía, mentres en Francia ou en Estados Unidos faría o mesmo pola república. Por que? Porque atopo miles de razóns que apoian ese xeito de pensar e case ningunha que apoie o contrario! Falarei dalgunhas. Para comezar, entres os múltiples perigos que espreitan á nosa democracia –entendida esta como valor fundamental-, poucos ou ningún teñen que ver con que a xefatura do Estado sexa monárquica. Algunhas das democracias máis avanzadas do mundo están en Europa e unha boa parte son monarquías parlamentarias: Suecia, Noruega, Holanda, Reino Unido,… Na monarquía parlamentaria, unha vez reducido o papel do monarca a unha maxistratura simbólica e integradora –o rei reina pero non goberna-, non existe o perigo da deriva tiránica, problema ó que xa se refería Aristóteles como o principal da monarquía. En troques, non se teñen conxurado os outros dous perigos que mencionaba o estaxirita en relación coas formas de goberno dos pobos: a oligarquía, deriva do goberno aristocrático (e niso, nunha aristocracia –“partitocracia” se lle pode chamar-, se converteron os grandes partidos políticos en España), e a demagoxia, principal problema da república segundo Aristóteles, pero do que tampouco se salvan, como resulta obvio, as monarquías parlamentarias. Polo tanto, se queremos mellorar a nosa democracia, que é do que se trata, pensemos en corrixir os seus problemas verdadeiros e non os teóricos ou os inventados. Como afirma Torres del Moral, un dos constitucionalistas máis eminentes deste País, «después de la evolución experimentada por la monarquía, es insostenible la sinonimia democracia=república», é dicir: que non se sostén a tese dos que defenden que un estado republicano sexa por natureza máis democrático ca unha monarquía parlamentaria –China é unha República!-. Tal vez eu non fose tan alá, pois, desde un punto de vista teórico, o feito dunha maxistratura vitalicia e hereditaria nunca terá un encaixe perfecto co principio democrático, se ben é certo que, postos a fixarse na pureza democrática, tampouco sería necesaria a xefatura do estado, tal como defendía Kelsen, bastaría unha xefatura de goberno. Pero, con independencia de todo iso, a ciencia política é unha ciencia eminentemente práctica, de resultados máis ca de postulados, na que os principios xerais distan de poder aplicarse de xeito universal. Por iso é preciso coñecer a historia, a cultura, os recursos naturais, a relixiosidade, etc., etc. dun país -e todo coñecemento é pouco-, para poder organizalo e gobernalo eficazmente. Se os principios da política fosen universais sería innecesario todo ese coñecemento, e o mesmo sistema valería para todos, cousa evidentemente falsa! Temos a nosa historia e as nosas singularidades, e ninguén que estea documentado discute que esta é a mellor etapa da nosa historia desde unha perspectiva interna, atendendo á liberdade dos individuos e ó seu benestar. Hai pouco tempo, o famoso hispanista británico Paul Preston, autor de “Juan Carlos. El rey de un pueblo”, quen, por certo, nunca quixo tratar ó Rei para que non saíse danada a independencia da súa obra –atención ós biógrafos destas latitudes-, manifestábase con claridade: «no soy monárquico, pero creo que la monarquía tiene un papel primordial para la democracia en España… Igual me equivoco, pero creo que si ahora mismo hubiera una república, con los odios y crispaciones que hay… ¿Quién sería el presidente? Aznar, o Felipe, por ejemplo. Imagine lo que eso supondría». Moitas veces me fixera eu esa mesma pregunta: quen sería o presidente da III República? Un do PSOE ou un do PP! Francamente, coincido con Preston en intuír que iso sería insoportable!

Agora estamos inmersos nunha grave crise económica e institucional, coa corrupción salpicando ás máis altas e ás máis baixas instancias do Estado. Depúrense tódalas responsabilidades con firmeza, auméntense os instrumentos de control, que se vaian tódolos que se teñan que ir, que devolvan os cartos os estafadores do pobo, fáganse as reformas precisas no ámbito lexislativo (lei de partidos, lei electoral, lei de transparencia,...), presione a sociedade para que se produza a necesaria catarse nos cadros e no funcionamento dos partidos políticos. Pero, mantéñase a salvo a  arquitectura institucional do Estado, Monarquía incluída, que naceu da Constitución de 1978. Esta arquitectura demostrou ser durante trinta anos instrumento eficaz para a convivencia na paz e na liberdade e para o progreso da xustiza social  en España, e aínda pode selo para moitos máis. Como advertía Tony Judt, a pesar do delicado da situación, «non debemos perder a fe nas nosas institucións políticas». É o máis valioso que nos queda.

ANEXO. Onte, 2 de febreiro, con este texto practicamente rematado, aparecía no diario El País un artigo de Javier Pérez Royo, catedrático de dereito constitucional, co título “Atrofia del instinto de conservación”. Apuntaba no seu texto algo semellante ó que eu escribo con respecto á lexitimidade en orixe da Monarquía: «Una magistratura hereditaria no puede tener legitimación democrática...». Non obstante, logo, afirmaba categórico: «La Monarquía en España carece de legitimidad de origen. Su legitimidad es exclusivamente funcional...». Discrepo: a lexitimidade da actual Monarquía Española foi refrendada polos cidadáns ó votar a Constitución de 1978. E o de que teña unha lexitimidade “exclusivamente funcional”, relacionada coa súa utilidade e a súa contribución á estabilización democrática, e que, debido a iso, estea «permanentemente amenazada de extinción», non pasa de ser unha simple opinión, tan respetable coma discutible. Ó contrario, ese estado de vixiancia continua, de sospeita ou de xuízo permanente –non confundir cos controis estritamente necesarios- que propón Pérez Royo, non creo que favorecese nin á Corona nin a ningunha outra institución, fose pública ou privada. Polo demais, estou dacordo con que se debía haber detectado antes o problema coa conducta de Urdangarín. Pregunta Pérez Royo «¿Para que están los servicios secretos?». Pois o mesmo me pregunto eu!