sábado, 3 de agosto de 2013

Piñor de Cea

Un dos primeiros comentarios que me fixo un amigo sobre a Toponimia do Carballiño foi este: -Vante matar os de Piñor!!! Os galegos acostumamos ser así de entusiastas cos traballos dos amigos. Cando, asustado, preguntei pola razón de tan sumaria condena, o presunto amigo explicouse. Díxome que no libro eu puxera “concello de Piñor de Cea” en vez de “concello de Piñor”, e que non había ofensa máis grande para un natural de tal municipio. Logo, con xesto compunxido, dedicouse a comentar o meu desliz con cada un dos que viñan a felicitarme polo libro. Por sorte, estaba diante o párroco de Barrán, freguesía á que pertence o lugar de Piñor, quen se confesou autor do mesmo pecado ca min, pois escribía “Piñor de Cea” en tódolos apuntes dos libros parroquiais. Agradecín a declaración do señor abade e saín como puiden do apuro. Dixen que nese momento non lembraba ben o nome oficial do concello e que era probable que para dar unha descrición xeográfica de lindes, ou algunha cousa así, tivese acudido a unha fonte bibliográfica na que figurase tal denominación; tamén dixen, como era verdade, que ignoraba a controversia sobre tal nome.

Cando cheguei á casa, o primeiro que fixen foi revisar o libro. Comprobei como aparece ata seis veces o nome do concello de Piñor, catro coa forma “Piñor”, a rexistrada no Nomenclátor, e dúas coa de “Piñor de Cea”, estas dúas na descrición do curso do río Arenteiro. O meu  esvarón debeuse, sen dúbida, a que utilizo a decote as dúas formas, como a maioría dos habitantes destas terras. Foi así que quixen investigar algo sobre este tema do meu interese no que nunca cavilara.

Tranquilizoume saber que Vicente Risco utilizara a mesma denominación de “Piñor de Cea” no tomo de Ourense da Geografía del Reino de Galicia (1928), igual ca fixera Otero Pedrayo na súa Guía de Galicia (1926). Pero moito máis recentes son a Gran Enciclopedia Gallega (1974) ou o estudo O Arenteiro (1993), dirixido polo profesor Jesús de Juana, e ámbolos dous falan de “Piñor de Cea”, forma que incluso utiliza Camilo José Cela na súa novela Mazurca para dos muertos (1983). Polo demais, calquera pode facer unha busca en Google de “Piñor de Cea” e ver que esa forma toponímica está totalmente viva, tanto fóra coma dentro do concello. En fin, que de aplicar a mesma condena, que para min intúe o presunto amigo, a todos os que utilizaron ou utilizan a forma “Piñor de Cea”, non chegaría un cemiterio coma o do Carballiño para soterrarnos a todos.  

Pero, de onde sae a forma “Piñor de Cea”? Porque resulta evidente que o nome orixinal do lugar da parroquia de Barrán, do que vén o do concello, é Piñor (dun Piniolus, nome de posesor ben documentado na Idade Media). Investigando isto, atopo o primeiro rexistro da forma composta no dicionario Miñano(1826-1829), que fala do lugar de “Piñor de Cea” na parroquia de Barrán, no antigo camiño de Ourense a Santiago; entrada na que tamén se sinala que «es distinto de San Lorenzo de Piñor». O dato resulta interesante porque demostra que a denominación é anterior á constitución dos concellos actuais. Ademais, a anotación «es distinto de San Lorenzo de Piñor» pon luz sobre a causa real do nome composto: diferencialo doutros Piñor. Por certo, esa mesma causa é a que explica que o antigo concello de Cea pasase a denominarse oficialmente San Cristovo de Cea, aínda que case sempre digamos ou escribamos “concello de Cea”, sen que ninguén se alporice por iso. Porque, querido amigo, o nomenclátor e as formas oficiais, por sorte para todos, non son palabra de Deus! E podería poñer bastantes exemplos diso.

Pero o máis curioso do asunto resultou ser que na propia casa do concello de Piñor, nunha espadana que sobresaía, puido lerse ata pouco antes da inauguración do actual edificio, feito acaecido no ano 2008, o seguinte: “Consistorial de Piñor de Cea”!!! Por se iso fose pouco, atopo que no ano 1986, concretamente o día 20 de xuño dese ano, o eminente profesor e académico Xosé Filgueira Valverde asinaba un informe oficial da Real Academia de la Historia favorable á pretensión do concello de Piñor  (subliño: pretensión do concello de Piñor) de cambiar o seu nome oficial polo de “Piñor de Cea”. A iniciativa do concello fundábase no estendida que estaba, desde moitos anos atrás, a denominación “Piñor de Cea”, e tiña como principal obxectivo evitar a confusión co nome doutras localidades.

En conclusión, dubido que os veciños de Piñor se alporicen tanto cun nome que o propio concello promovía non hai moito como denominación oficial. Ademais, polo que se ve, con razóns de peso: soamente así se pode explicar o informe favorable da Real Academia de la Historia. Supoño que certas liortas de noutronte, que todos coñecemos polos periódicos, están detrás desta inútil polémica. Pero a historia é unha cousa seria, que non debería ter que ver co número de bocadillos que se lle poidan vender ós pelingríns que van camiño de Santiago. Ata onde eu alcanzo, que tampouco é moito, detrás da orixe do nome de “Piñor de Cea” non houbo ningunha confabulación dos de Cea para establecer unha dependencia onomástica sobre o concello veciño. Non; parece que foron os propios veciños de Piñor os que impulsaron o uso desa forma, sobre todo por certos problemas que afectaban á correspondencia, que, dirixida a este Piñor, remataba moitas veces no Piñor de Barbadás, a un lado de Ourense. Cousa ben diferente é valorar se a denominación “Piñor de Cea” resulta axeitada ou non; porque estes “Piñor de Cea”, “San Cristovo de Cea” e tamén o común “San Fagundo de Cea”, inducen a pensar nunha antiga terra de Cea, e iso ten un interese histórico que tratarei de analizar outro día.

De momento só me resta agradecerlle ó meu amigo o seu comentario, xa que de non telo feito non sabería algunha cousa que agora sei. Tamén lle prego que siga lendo o libro coa mesma atención. É posible que, entre outros moitos erros, atope algunha cousa aproveitable. Porque, como afirmaba Cervantes por boca do bachiller Sansón Carrasco, “no hay libro tan malo que no tenga algo bueno”. Fin de la cita!